Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Diego Giráldez na galería

jueves, 08 de septiembre de 2016
Diego Girldez na galera Tras a lectura de contados libros de autores que se estrean, a un asáltao unha pregunta: ¿onde estaba este narrador? A feliz perplexidade non che deixa ver que había pistas desa xema latente en escritos xornalísticos ou textos breves achegados para volumes colectivos por quen agora se dá a coñecer en libro. Mais a ti a sensación que acaba embargándote é a de que algo extraordinario aconteceu e que as alertas do teu radar crítico se viron gratamente sorprendidas.

Así fiquei logo da lectura das vinte e sete memorables historias de Galería de saldos, libro primeiro no eido da narrativa de Diego Giráldez, a quen xa coñecía polo seu labor como periodista e que aquí se destapa como un contador de altura para ledicia de Xerais, a casa editora que tivo a intelixencia de apostar por tan interesante voz.

Galería de saldos anda un camiño dentro das nosas letras que ten moito de crónica melancólica, doída e desafiuzada dos tempos que vivimos. Alentan nestas páxinas olladas e sensacións palpitantes, que laceran os adentros na súa insultante carnalidade real. Son historias cotiás, de individuos perfectamente vulgares, nos que, de xeito inopinado, latexa o xerme da traxedia aos que os aboca a vida. Neste sentido, a súa transparente naturalidade fai deles tipos literarios cos que é máis que doado empatizar, pois a proxección dos fantasmas, as ilusións, as esperanzas ou os medos propios ten nestes un espello de efecto multiplicador.

As dúas ducias longas de relatos do libro teñen como escusa condutora cadros ou esculturas ben coñecidos de artistas universais. De feito, os títulos das narracións son estilos pictóricos ou nomes de creadores deste eido, o que reforza no conxunto certa idea de singularísima écfrase invertida. Non debe de estrañar esta veciñanza interartística, pois o autor formouse universitariamente como historiador da Arte e, doutra parte, esta arquitecturización paraleliza o tecido estrutural que a través da música dispuxo no seu día para uns relatos ben parellos a estes Iolanda Zúñiga en Vidas post-it, un volume que, en non poucos sentidos, cumpriría considerar unha alma xemelga desta poderosa Galería de saldos.

Desamores, familias ás que a crise obriga a abandonar a vivenda, imposibles affaires carcerarios, episodios de maltrato de xénero e vinganzas de xustiza poética, acedas críticas ao clasismo e o Kapital esmagador, reencontros reveladores, dramáticos accidentes, vertixes copulativas, sátiras contra o mundo aparencial, domesticado e frívolo que filtran os mass media, emotivas revisións do crepuscular deserto das residencias para maiores, críticas desapiadas contra as políticas anticulturais, paixóns fugaces dese tren da felicidade que pasa por derradeira vez, desmemorias contra as que cómpre reinventarse e mesmo infidelidades vivificantes. Toda unha constelación de vidas que son, por si mesmas, a máis prezada obra de arte que é o existir, o ser en exposición permanente, imponderable e definitiva.

Hai en Galería de saldos dinamita suficiente para arrincar as costelas da compracencia, o ilusorio e intranscendente. A vida ferve intensa tras cada liña e as faíscas de realidade brutal impóñense en finais inesperados, ateigados de minúsculas agullas que van directas ao hipotálamo para desafiar calquera decodificación adaptativa e despreocupada. A realidade está aí, miñas donas, meus señores —semella querer dicirnos Giráldez—; de nós depende existir plenamente ou pasar os días na inautenticidade. Porque hai que saber ver e para iso non valen calquera anteollos. Somos nunha Galería de saldos e hai que aprender a moverse entre os silencios e as olladas, entre as definicións dos marcos e os intersticios infindos da sala que se expande e se contrae en sístoles e diástoles de resignación esperanzada.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES