Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

É posíbel estudar Teoloxía desde os cárceres?

miércoles, 31 de agosto de 2016
Os cursos xa comezan de novo e esa foi a pregunta que novamente hoxe pola mañá no cárcere de Teixeiro me fixo o amigo, chamémoslle, Rafael. Ten moitos anos por diante. A conversa foi longa e animada.

Pois así de entrada non cho sabería responder. Sobre todo se por estudar Teoloxía te refires a “cursar teoloxía” on line ou nunha universidade tipo UNED. Pero trasladarei a túa pregunta aos medios. Alguén haberá que nos poida ofrecer esa resposta, detallando incluso os apoios precisos para algo así como as titorías, libros de orientación, bibliografías, posibilidade dunha mínima biblioteca integrada na biblioteca xeral de toda prisión

Esta última posibilidade é máis factíbel agora do que antes xa que cantidade de sacerdotes non saben a onde enviar os seus libros de especialidade ao facérense maiores. Cando falecen, os seus parentes quizais llos ofrecen doado a quen gratuitamente llelos retiren do lugar onde residían. A posibilidade está aí. Só falta que haxa xente interesada en apoiaren a inquietude, a idea, e loiten por ela. As editoriais tiran ou destrúen os “restos” que xa non teñen saída. Estamos na cultura do “non usar” e tirar. Tal vez os doarían gustosos.

Houbo varias fórmulas de aproximarse ao mundo da teoloxía nas dioceses españolas con moi distintos resultados. Estaban orientadas fundamentalmente a capacitaren laicos para o ensino da relixión nos diferentes graos do estudantina en EXB e no bacharelato. Tamén para prepararen colaboradores nas distintas formas de atención pastoral nas comunidades parroquiais.

Actualmente creo que hai unha certa decadencia por falta de demanda. Xa sexa esta porque a fórmula necesita ser profundamente revisada ou porque a resposta xa non se axusta debidamente ás inquietudes de procura do mundo de hogano dentro do amplo campo da espiritualidade.

Seguramente que as causas son múltiples. Ao estar nunha etapa de gran transición non é doado acertar coas respostas ás distintas demandas que non sempre están en función das urxencias que suscitan as organizacións para consumo interno. Porque o mundo é máis amplo e moi complexo.

Ata aquí a conversa. Volvo á pregunta suscitada inicialmente: É posíbel cursar teoloxía, en serio, desde o cárcere nos seus distintos niveis, incluíndo o universitario? Tamén os cárceres están cambiando. Cada vez, aínda sendo minoría, hai máis persoas con niveis altos de formación académica. E tamén hai quen quere empezar desde abaixo. A ansia na procura de sentido na prisión déixase sentir con forza. Pero é cuestión de oportunidades. E aí está o desafío: Ofrécense hoxe esas posibilidades?

Si isto se escribe hoxe é porque alguén, persoa de carne e óso, que sofre e busca, me está a suscitar desde ese mundo real a pregunta: Podería eu estudar teoloxía? Pero é que hai moitos máis penais e xente traballando nese submundo en todo o mundo. E eles tamén acollen eses desexos.

Son numerosos os demandantes? “Non se irrite o meu Señor. Vou falar por última vez. Quizá non sexan máis que dez”. “ Pois por consideración a eses dez non destruirei a cidade”. (Xen 18, 32).

Prisioneiros non son só os que están nos cárceres de cemento e barrotes de ferro. Hai máis cárceres fóra, talvez tamén dentro de nós mesmos, onde camiñan a diario persoas na procura de liberación e liberdade. Incluídos os que mandan e goberna os pobos e as economías, que tamén precisan de luz e orientación.

E se non houbese máis que cinco xustos ou buscadores de respostas á vida, con Deus ao fondo, valerían tanto a pena como para axudar a crear entre todos novas respostas? “Preocupádevos dos presos, coma se vós mesmos estiverdes encadeados con eles”. (Heb 13,3).

Soño con que de novo haxa quen poida facer teoloxía desde a súa propia carne de prisioneiro. Talvez estámolo necesitando. Paulo de Tarso fíxoo. Xesús de Nazaré non estivo moito tempo preso, pero a súa estancia foi intensa e cun final de fracaso: A teoloxía da cruz camiño da resurrección total.

E quen nos di que entre os funcionarios de prisións, xuíces, fiscais, mundo da avogacía, vítimas, voluntarios, xubilados, axentes de pastoral, sacerdotes, profesores de universidade, etc., non se espertan ansias de responderen persoalmente a preguntas que se fan a diario? Adoecemos de estar dando respostas desde fóra. Por iso semellan estar moi distantes.

Que frescura transpira o libro de Nelson Mandela: “El largo camino hacia la libertad”.Non está escrito de memoria. Vinte e sete anos preso. Esa palabra convence, cativae ata arrastra. Outro tanto cómpre dicir de Gandhi e tantos mártires.

Pódese cursar teoloxía no cárcere? Pódese “facer” teoloxía desde o cárcere? Debemos facer teoloxía do cárcere? Como acompaña hoxe a teoloxía a todas as persoas que xiran nas contornas do Dereito Penal e Penitenciario? É posíbel que non teña unha palabra específica que dicir?O cárcere é un lugar teolóxico do acontecer salvífico de Deus. Iso debe ser.
Poro,ollo! “Da dor falan sempre e só quen non está no sufrimento. E, daquela, de que serve?”. (P. Cinà).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES