Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 24 de agosto de 2016
O mazadoiro da Burga

Pingas de Orballo
Son de guitarra entre as catro paredes dun escondedoiro para que a alforxa dos soños acougue no silencio da noite. Non sei quen lle cantará alalás as memorias compartidas de catro amizades que non morrerán nunca; quizais o cantante aquel que versifica ou quizais o poeta aquel que chía. As amizades troulean por entre os canastros da infancia e bulen, corren, rebolan polas rúas do casco vello da vila. En cada escaleira, en cada porta, en cada casa de Baños de Molgas hai un soño que navega, que circula na distancia para acompañar a nostalxia de toda unha vida. Tempos aqueles nos que os saúdos chegaban cun simple ollar e un movemento de man; ou de cabeza. Tempos aqueles nos que o tempo se detiña tan axiña como pousabas o cu no mazadoiro da burga. As parolas, as latricadas, as farfalladas ían máis alá do asunto esencial: iniciabas un camiño e para chegar á meta dabas voltas por todas as etapas da inocencia. Logo, cando caías na realidade do tempo, botabas as mans á cabeza e angustiábaste ante a regueifa que sabías que te estaba esperando na casa. A cousa ata podía ir moito máis alá dunha simple rifa; ás veces voaban as labazadas pola tardanza. Pero non aprendiamos, ó día seguinte volvían as carreiras, os xogos polas rúas de Baños de Molgas. O acougo, o descanso estaba sempre no mazadoiro da burga.

Sobre o asunto das fotos

Pingas de OrballoMirando fotos. Seleccionando fotos. Escollendo fotos. Gardando fotos. Houbo ruta turística e hai que deixar memoria da ruta turística. Hoxe en día, sen fotos, non es nada, non existes. E este pamemiño non quere ser menos que os demais, polo que boto man do móbil (unha cámara?, que é iso?) e, ale, imaxes para o recordo. Para o recordo do feisbuq, claro. Hoxe en día, sen o feisbuq, non es nada, non existes. Que máis dá que agora o asunto das fotos che quite tempo de lectura, por exemplo, nin rabo de gaitas; o caso é mostrarlle ó mundo mundial que estás aí, que fuches ver o castelo de Catro Caldelas, que te achegaches ata a fervenza do Cachón, na Teixera, e que volviches a Castro Caldelas para realizar a ruta dos Muíños. E non vale dicilo de palabra, coma neste relato, senón que hai que amosalo con fotos. Fotos a moreas. Agora disparas e disparas, que saian como queiran, que xa se seleccionara despois. Como non hai que revelar... O seleccionar quita tempo de lectura, pero tamén é verdade que, mentres selecciono e escollo e gardo a cultura méteseme igual polos oídos, pois entendo que a música de Pink Floyd é cultura, o seu álbum “Wish You Were Here” é cultura. Rematado o asunto das fotos, chegou o asunto do relato, e rematado este, mirade por onde, aínda chega o asunto da lectura. As noites dan para moito.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES