Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os galeguistas do PP

lunes, 22 de agosto de 2016
Poñamos por caso que a estas alturas da vida aínda fose galeguista (que malia todo aínda o sigo sendo) e que despois de tantos anos fose do PP (que malia todo aínda sigo sen selo), e que, polo tanto, me sentise aludido ó ler as declaracións que esta fin de semana reproduciron os medios de comunicación por voz do novo candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia, un político neófito que acaba de escachar a burbuxa de cristal na que dis que han de vivir os xuíces e maxistrados para non contaminarse coa sociedade delictiva e así poderen decidir con independencia total e con obxectividade absoluta cara onde pendura a balanza do ben e do mal, para enzoufarse de cheo no podre lodoeiro da rúa.

Dis que dixo Luis Villares -que a estas alturas xa debe saber vostede quén é- que lle pediría o voto ós galeguistas do PP. A eses que seica os hai e ademais de se sentiren defraudados coas políticas do seu partido, tampouco se sentirían moi acomodados no marco do ideario doutras formacións nacionalistas tradicionais, algunha delas peza fundamental do edificio que sostén a candidatura pola que el mesmo se vai presentar.

Pois ben, se me poño no caso, ademais de se me xeraren unhas cantas dúbidas, venme á memoria de contado que tal noticia non é, nin moito menos, de alcance, pois xa hai algúns anos -bastantes- que o que fora líder do BNG, Anxo Quintana (de quen por certo agora seica renegan os que quedan na súa propia formación), xa fixera esa mesma oferta electoral, tanto dende o propio BNG como dende a corrente de pensamento que, con menos éxito do que eu pensaba, tratou de alimentar hai pouco máis duns meses.

De ser eu galeguista (que, repito, si que o son) e do PP (que, repito, non o son), gustaríame saber qué discurso me ofrece para convencerme e recrutarme na "verdadeira reconstrucción do país" que nos anuncia. Un discurso galeguista de afecto e corazón que afonde nas verdadeiras potencialidades da nosa terra, pero sen nos saírmos do marco convivencial que nos demos dende a nosa riquísima e aínda non potenciada diversidade no ano 1978? Ou un discurso racionalista de libro, que explore no nacionalismo pragmático e programático da nación pola nación con vocación de Estado propio? Ou, incluso, un discurso coma o que, por principios históricos e ideolóxicos, defenden algúns grupos que forman parte do seu proxecto, É dicir, un discurso internacionalista, no que o home (o traballador -arriba los pobres del mundo...!-) está por riba de tódalas fronteiras?

Seguro que de aquí ó próximo día 25 de setembro vai ter vagar de nolo explicar e eu (poñamos por caso, galeguista -que o son- e do PP -que sigo sen selo-) de pensar a conciencia se me ilusiona ou non o seu proxecto.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES