Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dunha xuntanza de compañeiros ¡Amigos!

jueves, 18 de agosto de 2016
Debido ó meu moi severo epoc (enfermidade pulmonar oclusiva crónica) causado -como non canso de repetir- non polo tabaco, senón polas case 300 substancias, aditivas unhas e canceríxenas outras, que as nosas autoridades sanitarias, e as non tan nosas, permiten nos cigarriños, fillos de multinacionais con capacidade pra poñeren ou quitaren presidentes dos estados unidos (vai con minúscula e.u. porque, como son tantos debe ser nome común. Tantos son que chegan ata aquí)… anda, leche, e xa non sei que ía dicir!...

Ai, si! Que debido ó epoc, merquei por internet, “añadiendo a la cesta Crónica dunha xuntanza de compañeiros ¡Amigos!de la compra”, un pulsioxímetro electrónico que funciona roendo no dedo, pero sen mancar e que mide en tantos por cento o grao de osixenación ou saturación en sangue e o número de pulsacións; estas non en tanto por cen, senón en tantas por minuto.

Ben, o das pulsacións medíao, porque agora xa non o mide. Non. Non é que se xiringase o aparatiño fóra de garantía. É que, como o tac-----tac-----tac (en reposo, que aflixido é: tac-tac-tac) podo medilo á man, ou sexa: premendo co matapiollos da dereita cara abaixo sobre a parte superior interna da muñeca (non boneca) esquerda, non necesito facelo co trebello elctrónico. Tampouco necesitaría unha chave que me abra a portas do coche desde lonxe, se pra entrar nel teño que achegarme.

Entón, debido a que sigo sendo algo argalleiro, modifiqueille esa función ó Beurer medical PO 30, que así se chama o aparello, apelidándose Case 50 euros, e non me foi difícil pasalo de medir pulsacións que nacen do corazón a medir afectividades que tamén son fillas do mesmo pai. O que me custou algo máis foi conseguir que mida as afectividades nun radio de cinco metros; pero funciona! Iso si, mídeas en tanto por cento e non en tantas por minuto.

O día doce deste mes, segundo venres de agosto, puiden ir un ano máis, a pesar do epoc, ó seminario de Mondoñedo á 25 xuntanza de antigos compañeiros que nos coñecemos hai arredor 50 anos e desexar volvemos a arrexuntarnos 25 anos despois. Desta vez éramos 18. Seis sacerdotes: catro en activo relativo ou a medio gas, e dous secularizados por imperativo legal. Os outros 12 eran persoas.
Crónica dunha xuntanza de compañeiros ¡Amigos!
Non te rías nin penses que non sei o que digo. Cando escribo unha crónica gústame facelo coma se fose periodista titulado e non hai moito que lin que en determinado accidente de circulación resultaron “heridas dos personas y un sacerdote”. E que conste que o periodista era de carreira. Non tocaba de oído coma os corresponsais pueblerinos, senón por partitura coma os profesionais en nómina. Pois, logo?

Vou ó caso de que cando xa chegáramos todos, arredor das 13 horas, mirei disimuladamente o Beurer medical e poñía en luciñas vermellas: %SpO2 75. Afs%pm 87. Pensei: Xa mo parecía a min, teño baixa a saturación e vou ter que mandar a alguén ó coche pola mochila do osíxeno que me custou 4.600 euros. Dábanme unha pola Inseguridade Social, pero tiña menos prestacións e ademais non quero deber favores a pobres nin a quen me anda refregando a todas horas que lle costo moito á sociedade por fumar. ¡Coñi, non dicián o mesmo cando consumía tres paquetes diarios de BN e pagaba impostos directos, indirectos e perifrásticos! Polos 87 de afectividades pensei: Paréceme moito pra estes velloufos, aínda que a maquiniña faga a media dos 18.

Fomos libremente prá misa e comezouse a falar de Aneiros e Vicente, dous compañeiros que se foron co vento maino neste último ano, e de D. Enrique, noso reitor e profesor de teoloxía, que tamén se foi, ó son amortiguado da Paula da Catedral que enche de dor toda a cunquiña deleitosa ata a mesma Frouseira do Mariscal, e ó chegar ó Alén descubriu o bo profesor que non todo é como din os teólogos nin como el de boa fe ensinou, porque “Nin o ollo viu, nin o oído oíu, nin corazón humano sentiu o que Deus tén preparado prós que ama e o aman” (1Cor, 2,9).

Cando estabamos evocando a estes e outros que xa non andan por aquí abaixo, pero que seguen tendo querenzas neste Val, volvín a mirar e marcaba ¡97! de Afs%pm Ten que estar mal, cavilei, se 97 corresponde á táboa dos namorados nos primeiros meses antes de viviren xuntos. 97 só por pensar que se van encontrar!

Polo medio da comida volvín a botarlle un ollo case por debaixo da mesa pra que Montenegro Espina, que é tan emotivo que chora por calquera cousa, non me preguntase: -Que tés aí? Daba: Afs%pm 95. Non podía ser, se ningún dentro do radio baixabamos dos 69. E non obstante (nembargante, no galego de presumir e dos neoconversos), na casiña do %SpO2 marcaba, acorde co meu estado físico e anímico: 89.

Aló polas cinco e media da tarde comezamos a despedirnos e a marchar sen acabar de marchar, dándonos a terceira aperta do día (a segunda fora a da paz) e pensando cada un en que, se cadra, pró ano que vén algúns de nós, ou eu mesmo, tamén podíamos ter partido co vento calmo coma Aneiros e Vicente Fresco, ou ó son profundo e magoado, pero sempre solemne, da Paula coma D. Enrique. Daquela mirei de novo: Afs%pm 96.

Estaba ben!!! Entón pensei: Que marabilla! Os anos non nos endureceron o corazón nin nos mataron afectividades. Logo, tampouco debeu ser tan traumatizante, como din os que non pasaron por alí e algúns dos que pasaron, pero xa entraron con corazón desecado, a educación recibida no Real e Secular Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo.

Graciñas, profesores que non fostes perfectos e compañeiros que seguimos sendo imperfectos. Conservémonos así, con capacidade de chorar coma Espina, que levaba tantas emocións reprimidas no seu peito que tiveron que abrilo pra darlles saída e iso que chora por calquera cousa, porque non é certo que os homes non choran, o certo é que os que non choran non son homes. Por outra banda, a veces, de tanto disimular os sentimentos acábanse perdendo, e se perdemos os sentimentos, múrchanse e morren as afectividades. E sen afectividade non vale a pena vivir. A perda das afectividades non nos empobrece, non. A perda das afectividades fainos miserables.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES