Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nunha democracia deliberativa

jueves, 04 de agosto de 2016
ROBYN ECKERSLEY é profesora e xefa de Ciencias Políticas na Escola de Ciencias Sociais e Políticas na Universidade de Melbourne, en Australia. Mantén un interese especial polos problemas que xorden entre a democracia e o medio ambiente, ata o estremo de que nos seus traballos existen derivas cara a unha reflexión acerca dunha DEMOCRACIA ECOLÓXICA, máis ou menos perfilada como unha DEMOCRACIA DELIBERATIVA, o que a leva a establecer certas diferenzas cunha DEMOCRACIA LIBERAL (presuntamente, representativa, constitucional, con acatamento do imperio da lei, e, como consecuencia, con protección de toda clase de dereitos – civís e políticos – en un réxime político de escrupuloso respecto á separación de poderes).

O problema fundamental que parece preocupala, primordialmente, como pon de manifesto nos seus traballos, está centrado en ata onde as democracias denominadas liberais permiten afrontar as solucións ecolóxicas que apreman á humanidade, porque o liberalismo presupón un crecemento económico sen límites, AD INFINiTUM, que leva a un fracaso indiscutible, e non repara en poñer as institucións democráticas ao seu servizo: Intúe que a economía sostible necesita dun maior control cidadán para evitar os abusos de certos poderes fácticos.

E penso que non hai pouco de verdade nisto, como o evidencia o feito de que intelectuais de gran prestixio, dunha maneiro ou doutra, abordan o tema, precisamente acometendo, incluso, unha clasificación de dereitos, como é o caso de Marcel Wissenburg, profesor holandés, en Teoría Política, que distingue tres clases de dereitos: INALIENABLES, que corresponden á dignidade da persoa; INCONDICIONAIS, relativos ás necesidades básicas, e CONDICIONAIS, que regulan todo o que está fora das necesidades básicas e fai referencia á satisfacción de desexos a xustificar. Os dous primeiros esixen a explotación da natureza; os condicionais están suxeitos a límites de xustiza. E os mesmos dereitos de propiedade non son inalienables nin incondicionais: Deben, por tanto, estar suxeitos a límites.

Pero a aplicación destas medidas non se ofrece fácil, posto que se enmaraña á hora de determinar dende unha instancia política que necesidades han de ser satisfeitas e que desexos non constitúen o dereito inalienable e incondicional do individuo a elixir a súa vida, cuestionándose incluso determinadas obrigacións, na política ecolóxica, coas xeracións futuras. Tamén a clásica obra de Hans Jonas, “El Principio de Responsabilidad”, publicada en Herder, recolle un importante análise ético de esta temática.

Isto, que Robyn Eckersberg o ve como un paradoxo democrático, lévaa a considerar a reformulación da concepción liberal dos dereitos, a fin de que as xeracións futuras teñan algunha representación nas institucións políticas democráticas, introducindo os dereitos ambientais, engadíndoos aos políticos, civís e sociais, e para iso inspírase en Jürgen Habermas, recorrendo a súa (del) proposta de DEMOCRACIA DELIBERATIVA, que converte na súa (dela) DEMOCRACIA ECOLÓXICA. Digamos algo, pois, acerca de J. Habermas.
Trátase dun sociólogo e filósofo alemán, que representa a “segunda xeración” da Escola de Frankfurt, Premio Príncipe de Asturias en 2.003, de Ciencias Sociais. Introduce o concepto de “democracia deliberativa” precisamente para superar as limitacións impostas polas propostas liberais, levando ós contextos políticos consecutivos, de procedemento e normativos, a OPINIÓN PÚBLICA, a participación e a deliberación pública. Para iso prima a COMUNICACIÓN, ata o estremo de que dedica unha obra, “Teoría da Acción Comunicativa”, á construción dunha teoría comprensiva da sociedade e da “comunicación social”, a partir dos conceptos de “sistema” e “mundo da vida”: Pretende que as persoas, como suxeitos da comunicación, se entendan nun horizonte do mundo da vida.

Literalmente, escribe: “o concepto de entendemento (Verständigung) remite a un acordo acadado entre os participantes, que se mide polas pretensións de validez susceptibles de crítica”. E parece como se este sociólogo estivera adiantándose a todo o que ocorre hoxe en España cos nosos mal considerados líderes políticos, porque ocúpase do carácter LOCUCIONARIO da comunicación, cando unha persoa expresa algo (os nosos políticos non saben máis que repetirse con teimosía); ILOCUCIONARIO, cando se expresa co afán de ser comprendido (no noso caso non se comprenden a si mesmos, porque pretenden obxectivos ocultos e xogan ao populismo), e PERLOCUCIONARIO, cando co que se expresa se pretende acadar algo (aquí os nosos aspirantes á presidencia do goberno, os catro adaís que nos tocaron en sorte, substitúen a acción comunicativa pola estratéxica ocultista, deliberada).

Contrasten, pois, amigos lectores!!. Mentres R. Eckersberg pretende desembarazar os problemas ecolóxicos das estruturas das democracias liberais, pasándoos a un marco deliberativo que permita afrontalos con fortaleza e comprensión, é dicir, mentres os intelectuais competentes buscan saída aos atrancos, en España a incompetencia, que non a falta de preparación, pecha as vías de entendemento e paraliza as accións da comunicación, caendo nunha detestable pasividade á hora de buscar solución aos numerosos problemas que esperan no arquivo do aprazable; e baixo a tupida rede dunha arrogancia que non pode evitar unha linguaxe xestual de autosuficiencia, fai oídos xordos á competencia experimentada.

Talvez estes catro políticos que aspiran a pilotar a nave española entre as brumas das costas rochosas deste país, e as impetuosas vagas do mundo, deberían tomar moi en serio a súa responsabilidade, abandonando as medias verdades e adoptando actitudes que permitan xerar confianza, e, nesta liña, non estaría nada mal lembrar que o dano que fan no mundo as APARENCIAS da verdade non se ve neutralizado polo ben desta (La Rochefoucault): Están sementando odio e fisuras no seo dunha sociedade que, lendo a súa historia, calquera con mediano caletre comprende que necesita unha unión sinérxica na diversidade, para evitar na territorial, con decidida contundencia, a devastación tramontana, e na ideolóxica, enervar os fanatismos iniciáticos.

Pois...¿cando van a comprender estes catro piares da discordia e das desavinzas egocéntricas que a sociedade española está necesitada – ademais de dar solución aos problemas sobradamente coñecidos e de verse libre de tantas cabezas resabidas, que aspiran a vivir da política – dun modelo normativo político que introduza a deliberación na mesma democracia e na práctica política, abrindo ámbitos de comunicación que propicien e xeren fluxos comunicativos mediados a través do dereito, evitando os “ infantilismos elitistas” que emerxen no seo das tecnocracias partidistas?. Porque todos sabemos que o recurso ao que chaman as bases é de matiz ditatorial, convenientemente preparado para que apoien despropósitos; e, sobre todo, coidando cautelosamente de non articulalo en estruturas deliberativas.

¿É que tampouco saben que máis que dedicarse a repetir babecadas, compre facer unha entrega a fondo para lograr establecer un contexto dialóxico que permita articular un respectable grao de cohesión social, que, queiramos ou non, estamos perdendo a marchas forzadas por eles mesmos, mediante tópicas revitalizacións dos atavismos históricos?. Pero esta é una labor pedagóxica de lenta eficacia que necesita diálogos, comunicación, e, indubidablemente, un tratamento competente, ata acadar que os procesos comunicativos deveñan normativos consuetudinarios, a fin de romper as estruturas mentais solapadas, xa que “España entrou nunha crise política que vai durar varios anos” (Felipe González).

Para terminar, por se algún lector engurrou o cello cando nunha colaboración anterior se encontrou coa distinción dos conceptos de “preparación” e “competencia”, penso que compre recordar que os afeccionados aos “descastes” facilítannos tres exemplos: O caso do asistente de Echenique; o de don Pablo con Mariló, e o de don Carlos Monedero, con motivo da suspensión na Complutense. Os tres non demasiado relevantes, pero son rutilantes sobre un fondo pretensiosamente impoluto, e sen excluír, por suposto, os que saíron noutros eidos do quefacer político, que pola súa transcendencia non deixan de destilar exemplaridades moi pertinentes.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES