Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Curro de Sabucedo e atordamento acústico

jueves, 04 de agosto de 2016
No primeiro luns do mes de xullo (que agora acaba de rematar) concluía a inmorredoira celebración da Rapa das bestas de Sabucedo, fermosa parroquia estradense enmarcada xeograficamente na Terra de Montes. Grazas á protección de San Lourenzo, santo padroeiro dos fregueses da parroquia e das bestas montesías, foron días climatoloxicamente ben axeitados tanto para a baixa como para a rapa no curro. Os organizadores e o pobo todo, especialmente a mocidade, que participaron activamente nela merecen toda clase de parabéns.

Dito isto, e tendo en conta que as tradicións festivas hai que coidalas e agarimalas por mor da súa mesma supervivencia, vou referirme a algo que ó meu ver cumpriría corrixir ou mellorar, dado que o que deseguido comento non ocorre este ano por primeira vez. Trátase, xaora, dun aspecto puntual e que polo tanto non afecta ó desenvolvemento xeral do conxunto deste acontecemento secular. Coido, porén, que é de suficiente entidade como para que lle dedique pola miña parte estas breves liñas.

Pois ben, quixen presenciar ese mesmo luns desde as bancadas do curro as diversas operacións da Rapa, motivado en boa parte tamén polo desexo de colaborar a prol da obra benéfica á que se lle dedicaría integramente a recadación económica dese día. Resultou todo vistoso, emocionante e singular. Houbo, porén, algo que se estendeu durante toda a actuación no curro e que, tanto a min como tamén polo menos ós que estaban preto de min, veu resultar dificilmente aturábel.

Refírome ó desmesurado volume co que se dirixía (case continuamente polo demais) a todos o encargado do uso do micrófono, explicándonos, comentándonos, excitándonos, lembrándonos, etc... Nalgún momento cheguei mesmo a pensar, eu que padezo de forte xordeira, que o San Lourenzo padroeiro dos naturais de Sabucedo e das súas bestas se dignara terme benignamente restituído a miña primixenia e correcta capacidade auditiva. Mais, aínda así, a cousa era para min mesmo excesiva. Pois as voces que atronaban desde o micrófono abouxábanme implacablemente tamén a min. Sospeito loxicamente que a maioría asistente, con boa ou normal cualificación auditiva, sufriría decididamente máis ca min.

Do que si, en calquera caso, podo dar fe é de que as propias bestas do curro, como movidas por un agachado resorte, se sobresaltaban subitamente tamén, todas a unha, cada vez que tras un curto silencio quen manexaba o micrófono volvía ó seu. Para elas tamén o repentino estrondo da voz do entusiasta locutor viña ser evidentemente algo así coma un inesperado lategazo.

Nós, os que respectamos as bestas de Sabucedo e lles queremos ben, non podemos compracernos en que as nosas bestas teñan motivo algún para pasalo mal no curro, que é tanto noso como delas. Pois entre elas e nós hai un feble e invisíbel fío de amigábel relación e mutua benquerenza que desexamos que perdure sempre.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES