Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¡36 euros ó mes!

viernes, 29 de julio de 2016
Imaxine, benquerido lector, que, de súpeto, o país dera a volta coma un calcetín e o billete máis grande que andara en circulación é dicir, que vostede puidera levar no peto, fose un billete de dez céntimos. Si, que tivese o mesmo valor ca esa moediña pequecha e rubia á que vostede hoxe non lle dá sequera aprecio (por máis que valga 16,6 pesetas).

Imaxine que nesas condicións, hoxe mesmo pola mañá, igual ca calquera outro día, ten a necesidade vital de saír á rúa e achegarse ó supermercado para adquirir a "bolsa" alimenticia do día. Velaí: Pan, leite, carne para xantar, uns embutidos para a cea, algo de pescado para o día seguinte, auga para beber, uns refrescos, unha botelliña de viño e algunha cervexa, xuntos con tódolos demais complementos de zucre, aceites, tomates, pementos, froita, etc., etc.

Imaxine todo isto, que é ben fácil de imaxinar, pois de forma completamente automática, día si e día tamén, forma parte do seu ciclo cotián.

Agora si. Imaxine tamén que cada unha das cousas que acabo de nomear (dez céntimos de euro arriba, 10 céntimos de euro abaixo, é dicir, 100 bolívares arriba, 100 bolívares abaixo) valen, máis ou menos, o mesmo que lle custan a vostede nesa tenda de debaixo da casa, no supermercado da esquina ou nese centro comercial de nome afrancesado ó que adoita achegarse unha tardiña calquera para encher a lacena para o resto da semana.

Imaxíneo todo, pero imaxine tamén que para mercar todo isto cada día que sae a facer a compra, vostede conta non con 36 euros ó día, non. Senón con 36 euros ó mes, que é o que entre pitos e frautas, no mellor do casos, cobra un traballador venezolano ó mes.

Si. Non me trabuquei en ceros, nin errei na regra de tres do cambio de bolívares a euros. Non. ¡36.000 bolívares! que, facendo contas redondas, ó cambio que regula a economía real -é dicir, a rúa-, veñen a seren eses ¡36 euros ó mes! que cobra un "venezolanito de a pie", en versión crioula, que diría Machado.

E non digamos xa un xubilado, pensión mensual é de 15.000 bolívares ó mes. É dicir, ¡15 euros!

Por certo, entre tanto, non sei se pensou no feixe de billetes de 10 céntimos de euros (100 bolívares) e dos de menor contía cos que tería que andar no peto (sempre que os teña, claro) para facer a compra cada día.

Pois ben, feita esta transposición (sei que ben difícil de crer nestes intres), imaxine agora que, no canto de poder ir á súa tenda de confianza e coller toda a lista nun estante, ten que comezar unha procesión por aquí e por alá preguntando se hai disto ou daqueloutro e, do que máis escaseza hai -poñamos o pan, por caso-, colocarse á cola a esperalo, rezando porque non se acabe antes de que chegue o seu turno.

Pois así é como está hoxe Venezuela. E o que diga o contrario, simplemente minte.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES