Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Restitución da historia documental de San Salvador de Asma

miércoles, 27 de julio de 2016
Restitucin da historia documental de San Salvador de Asma Coa publicación do libro, titulado: “El Monasterio de San Salvador de Chantada (Siglos XI-XVI. Historia y Documentos”, culmina unha das etapas mais arduas e intensas de investigación realizadas polo autor do mencionado título, Xosé Méndez Pérez, nativo de San Salvador de Asma. Unha publicación de mais de oitocentas páxinas que desvela o protagonismo que tivo o sinalado mosteiro. Foi publicado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas Xunta de Galicia. Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Cuadernos de Estudios Gallegos Anejo XL. Méndez Pérez actualiza o pasado histórico deste destacado mosteiro beneditino, que tivo dominio e influencia nun extenso radio da xeografía chantadesa e alén da mesma. Sen a preponderancia dos monxes e da súa decisiva importancia non estaríamos falando da existencia de Chantada que medrou aos auspicios do poder monacal que tivo desde a súa fundación até a Desamortización de Mendizábal de 1837.

Un libro necesario, rotundamente oportuno nun intre en que ese todo vale, na historiografía, interpretacións e hipóteses, incluso en inventos que adulteran e terxiversan a realidade, aparece este intensísimo libro documental no que se recompilan quiñentos anos de historia deste centro relixioso, económico, cultural e artístico que vén a resucitar e proclamar esa voz antiga na que se compendian centos de documentos que Xosé Méndez, nos seus longos corenta anos de investigación, polos diversos arquivos nacionais. O resultado non pode ser mais pletórico: froito dunha esixencia meticulosa e de ordenada metodoloxía. Non podía ser de outra maneira, tratándose dun investigador como Xosé Méndez Pérez, ilustre crego con licenciatura en diversas disciplinas eclesiásticas. A inxente obra que remata de publicar, respalda e dá categoría a un espazo, como o de San Salvador de Asma, bastante esquecido o seu protagonismo por historiadores locais -se é que os houbo, ignoro- e por outros historiadores a nivel galego, que os houbo e hai, limitándose a citas moi minoritarias e reservadas que non nos dan a medida do que se integra neste extraordinario volume.

Restitución da historia documental de San Salvador de AsmaO lector poderá encontrar excelentes particularidades que partillan a este libro, como a que se expón no Prólogo de Isidro García Tato, a presentación que fai o propio autor e a cronoloxía histórica moi ben documentada e xestionada, ábrenos diversos camiños polo que o bo captador pode recrearse nun sen fin de elementos até agora descoñecidos. Por último, a parte documental que se expón dinamiza varias confluencias que converxen nese poder omnímodo que tiña a Igrexa medieval e, sobre todo, as ordes relixiosas como a bieita e a cisterciense. Ante a dimensión dos documentos producidos polos monxes deste mosteiro de San Salvador de Asma (ou parroquia do Convento, como se lle chama comunmente), vénse a colocar e recuperar un espazo xeográfico e histórico de amplas connotacións, para entender sobriamente o monacato galego desde unha particularidade moi evocadora e determinante, polo amplo espazo do seu dominio patrimonial que tiña o mosteiro de Asma na bisbarra de Chantada e no que respecta á grande parte da produción agrícola que en determinados feudos da Ribeira Sacra luguesa.

Unha publicación que será presentada ao público de Chantada o vindeiro 29 do presente mes, no Auditorio desta vila. Un evento que non deixará indiferentes a ninguén, por tratarse dun libro histórico e con documentos producidos na súa maioría polos escribáns do mosteiro. Documentos que interesarán a unha maioría de historiadores sobre a Idade Media, cunha particularidade sobranceira que se destaca nas cento setenta e oito páxinas que configuran a introdución e noutros temarios que definen a enorme importancia que lle deu o seu autor, Xosé Méndez Pérez, que escudriñou con pragmatismo uns textos complicados no que respecta á súa paliografía. Hai que sinalar que a maioría dos documentos orixinais están en galego antigo.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES