Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Presentación do libro 'Doce Ducias'

sábado, 23 de julio de 2016
Para a Presentación do libro “Doce Ducias”
celebrada en Vilalba o día 1 de xullo de 2016.

Este libro vai adicado á miña xente, aos que veñen comigo de camiño e Presentación do libro 'Doce Ducias'proclamando os soños na busca dun destiño que, ao final, é o vivir.

Pero aínda así, debo empezar por agradecer ao IESCHA representado por Manolo Santamarina a oportunidade primeira de poñer, nesta ocasión os meus versos, nas súas publicacións da Biblioteca Chairega e da man dos organismos que concorren. Debo agradecer tamén a María Guerrero a súa arte e total disponibilidade para aloumiñar con debuxos os meus versos. Tamén debo agradecer a Arturo que fose o mediador de todos estes traballos e maquetador do libro. Agradecer tamén a Xulio Xiz o Limiar do libro e o alento que me amosou, non só agora, senón xa hai moito tempo para que eu escribise e participase en concursos poéticos como o do San Ramón ou do Nadal, Paradela e moitos outros.

Desde os eidos da Música recoñecer a Raúl, gaiteiro mentado no poemario e a Pepe Quintas Canella, cantor e decidor de soños na voz e na escrita. Aínda así despois dos agradecementos primeiros, nos que nos confabulamos no mesmo libro “Doce ducias” toda unha xente vilalbesa, non debo esquecer a vosa presenza hoxe aquí e agradecela. Non son tempos para estas cousas, a literatura volveuse minoritaria, e aínda menos para a poesía, e aínda menos se está en galego, e aínda menos se non vai polos camiños que endereitan os poderes para que ninguén se saia da correción obrigada. Pois nada, hoxe toca rebelarse desde un humilde libro. Nin está feito para seducir a ninguén, nin para compracencia de alguén, nin para confabularse cun determinado e masivo eido intelectual que elegantemente cala cando lle interesa. Non, estades diante dun libriño de poemas moi normal. Doce ducias de poemas, un groso, 144 poemas de distinta extensión. Uns máis grandes outros máis pequenos. Neles lembro amigos e inimigos, afectos e desafectos, vou e veño por traxectos que a vida me marcou e que naceron moi perto de aquí, lugar da miña nacencia, matria de orixe, matria dos meus sentimentos.

Pequenos retallos de min, feitos probablemente de noite, cando se apagan as cores e os ruídos e as luces quedan nun fío que me permite escribir na libreta cousas que bulen dando voltas aos pensamentos. A mín namóranme as maxias da terra, da nosa Terra e da Terra Chá, sei que existen lugares máxicos que son por si, máxicos. E outros que nós enchemos de maxia. Son Xeografías improbables, reais ou imaxinarias, que percorren os parámetros das emocións e dunha certa comprensión humana polo medio das dificultades da interpretación. A min, no meu egoísmo, lémbrame anotar e suxeitar eses momentos que penso. Si, sei que son froito da miña insolente e anárquica liberdade creadora, que -precisamente- se solta no medio da Natureza e do silencio, diante do noso mar imaxinado da Mariña cheirando poderosamente a iodo, ou do noso Rural con recendos inesquecibles de vida, de verdes multivariados que conformen un atlas de espazos irrepetibles pola súa beleza, si; pero tamén polas persoas que configuran esa arquitectura humana tan necesaria que hoxe está sumida na tristura do desespero.

A Nosa Lingua, sempre tan mal tratada, dáme luz e lembro as sombras que nos seguen asombrando e nos persiguen, lembro a arte incomprensible do espectáculo sen máis, para criticala por estar a piques de negar a arte; busco nos absurdos da vida cotiá, nas desmedidas razóns do tempo, nas augas que nos saloucan aconteceres e que estremecen soidades, soño en que algún día sexamos donos de nós sacando os paus que entorpecen os camiños, lembro os amigos e amigas perdidas pero sempre lembradas. Escribo a trazos a miña consciencia chairega, luces, tempos adoecidos, escribo do noso mar, do meu neto Darío, conto o que creo que é a tradición, o que é unha canción, falo de Lugo, da Alba de Vilalba, dos segredos, das augas de sedes vellas capaces de engaiolarnos, falo dos outonos que sempre me sorprenden, de setembro que chega sen saberse, falo da miña Mai, do meu Pai, falo de nós e o noso, do esquecemento suicida que nos ameaza o herdo recibido das nosas xentes das aldeas e do mar que mantiveron toda Unha Cultura Tradicional chea de estratexias de futuro, de conciliacións coa orixe, de autenticidade e harmonía que aínda habita o intuitivo talento ancestral en ritos e lendas, mitoloxías e contos, relatos e cantigas, obradoiros certos de calquera creación que pretenda no porvir, un destino.

Elementos, todos eles, que hoxe se botan tanto en falta porque unha sociedade fragmentada -como a nosa- nunca será un bo escenario para agardar novos menceres e moito menos para conciliar vontades e ir xuntos, dunha vez, lonxe da irracional idea hipócrita da insolidariedade, ou en subprodutos ideolóxicos que nos negan xenerosos e bos, sucedáneos farisaicos que menten como consumidores pertinaces do innecesario. Por todo iso, paga a pena volverse a un libro e ler, madurar verbas e coller de novo camiño da cordura, buscando ler, non xa o que alí poña, senón tamén o que desexamos ler.
Moitas grazas pola vosa atención e agarimo.
Mero.
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES