Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gaiteiro de Llas

jueves, 21 de julio de 2016
A visita pola mañanciña á praia de Llás, en horas de soidade, constitue unha ledicia que hai que experimentar coa sensibilidade receptiva para poder precibila en toda a dimensión.

É esa primeira hora na que o sol, que sae por leste, derrama os raios aínda dun bermello alaranxado, tinguindo de insólito corido un espazo inmaculado que só se ve alterado polo rítmico acaneo da elegante silueta das lanchas que, pretiño da costa, faenan coas nasas. Un bando de mazaricos, saltaríns e rebuldeiros, precédennos en desfile xubiloso e nos acompañan na primeira camiñada pola beiramar. As ondas morren aos nosos pés e chéganos o acompasado rumor do seu vaivén: escena de idílica beleza que prtendemos absorver, respirando fondamente... De súpeto prodúcese o inusitado: ós nosos oídos chega a doce melodía dunha gaita que soa no areal, ó noso carón: un arrogante gaiteiro lanza ó ar as notas, ledas unhas, tristeiras outras, na soidade da praia de Llás. Os sons sublímanse en marco tan excepcional e veñen á nosa memoria aqueles versos de Curros Enriquez:

“Músico a un tempo e poeta
algunha fada secreta tiña
con que conmovía;
pois nunca dunha palleta
saíra tan doce harmonía”.

Impresionados por canto acabamos de vivir abandonamos o areal e de contado voltamos á vulgaridade que a cotío nos ofrece a man depredadora do home, coa danza arrítmica e irracional do cemento que masacra paraxes naturais e panorámicas de singular beleza; rúas franquedas por alturas que rachan con toda harmonía; espazos públicos invadidos polo mostro de formigón e asimetrías de volumes que agreden a harmonía do entorno, ferindo a sensibilidade visual e o mais elemental sentido da estética, en carreira sen tregua cara ao máximo galardón do feísmo. Un panorama desolador, destructor da beleza coa que Natura dotou os nosos eidos.

É por iso que, namentres o destino o permita, voltaremos nas mañanciñas a curarnos destas saudades á praia da nosa nenez. aínda que, acaso, nunca mais nos atopemos co Gaiteiro de Llás. ¡Qué mágoa!
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES