Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A escola da Galicia rural da década de 1950-1960

jueves, 14 de julio de 2016
A min e a moitas persoas máis -que levamos moitos anos peiteando canas- tocounos asistir a unha escola ben diferente da de agora.

Paréceme que non estará de máis recordarlle á infancia da actualidade, como era a escola pública dos seus devanceiros na Galicia rural aló polos anos 1950-60:

-Quizais non o comprendan a primeira vista.
-Quizais teñan que facer un esforzo para entendelo.
-Quizais algunha persoa maior teña ocasión para explicárllelo…
Pero a realidade era a que era.

A min tocoume entrar na Escola Nacional no ano 1953, sendo eu moi pouquiña cousa, moi enfermiza e moi mal comedora.
A sorte foi que me tocou unha mestra do máis cariñosa e do máis traballadora que viron os meus ollos.
Unha santiña.
Mellor dito: “UNHA SANTAZA”

O edificio escolar era unha casa particular destinada a escola.
Constaba dunha planta baixa onde tiña a cociña a mestra de turno e unha planta superior dividida en dous habitáculos: o destinado a aula e un recuncho ó pé da cambota da chimenea onde durmía a mestra.
No “dormitorio” da mestra nunca estiven, pero debía ser moi pequeno, dadas as dimensións exteriores.
A mestra non tiña cuarto de baño, nin auga na casa, nin luz eléctrica ata pasados uns anos.
Nas casas tampouco a había; por eso eu aprendín as primeiras letras á luz do candil.
A mestra só dispoñía dun cuartucho dun metro cuadrado cun burato que comunicaba directamente coa corte das vacas que había debaixo para facer as súas necesidades fisiolóxicas.
Para cociñar, cociñaba na lareira situada na planta baixa.

Alí cociñaba para ela e máis para prepararnos o leite en po que mandaba a Administración.
Non sei para que queríamos o leite en po se o tíñamos das vacas da casa, pero era así. Tamén nos daban manteiga.
Durante a miña etapa naquela escola, o edificio estivo declarado en ruina en varias oacasións, pero como non había nada mellor…
Grazas que nunca nos caeu encima.
O alumnado tiña que pedir permiso para ir “de campo” face-las súas necesidades fisiolóxicas.
Cando tiñas ganas, ías xunto da mestra e dicíaslle:
¿Puedo ir a fuera, por favor?
Ela xa te entendía e dábache permiso.

Logo tíñas que buscarte a vida onde podías porque a xente andaba nas leiras e non sempre resultaba doado busca-lo sitio adecuado para que non te viran.
Para limparte, a natureza sempre poñía unhas herbas ó teu carón.

O mobiliario escolar constaba da mesa da mestra cun timbre que sonaba de vez en cando para poñer orde, un encerado de táboas negras coa pintura moi desgastada e un mapa de España colgado de parede.

Colgado na parede tamén estaban o cadro do Xefe do Estado e máis un cadro da Inmaculada.

As mesas eran moi longas onde cabíamos seis ou sete rapaces. Na parte superior tiñan un burato onde estaba o tinteiro para molla-la pluma cando tocaba facer caligrafía.

As patas das mesas xa non conservaban o equilibrio porque estaban moi desgastadas. Sabe Deus canto tempo levaban alí.
Os bancos eran tan longos como as mesas e pandeaban polo medio.

A min producíuseme a lordose que padezo porque –como era tan pouca cousa- non alcanzaba a mesa e –para máis desgraza- sempre me tocaba estar con nenos maiores que min.

O material escolar cabía nun maletín de madeira chamado cabás.
Alí levábamos a pizarra, o pizarrillo, unha goma de borrar, un lapis, unha libreta, o caderno da caligrafía, a pluma -que se esgallaba con moita frecuencia- e pouco máis.

Despois de face-la caligrafía limpábamos a pluma pasándoa polo cabelo. Eu que era moi loira, non me quero imaxinar como quedaría.

Lembro que tiven o primeiro bolígrafo cando tiña dez anos.

As mestras eran todas sustitutas e interinas porque ninguén quería ir para unha escola naquelas circunstancias.
De cada pouco tempo, había cambio.

Non teño nin idea das que pasarían por alí na miña etapa de escolaridade obrigatoria, pero supoño que moi poucas durarían un curso enteiro. De feito non gardo recordo nada máis que da primeira e máis das dúas últimas.
O alumnado –moi numeroso por aquel entón- faltaba moito á escola porque tiña que axudar na casa. Xeralmente ía coas vacas.
A hixiene non era moita.
Nin moita nin pouca. Practicamente, ningunha; pero estábamos inmunizados.

Para limpa-los mocos usábamos a manga da chaqueta porque os panos da man ou escaseaban ou os perdíamos con moita frecuencia porque caían facilmente da manga da chaqueta.
As nenas usábamos vestidos e non tiñan petos para gardalos.
Eu nunca faltei á escola por axudar na casa.
Faltei porque estiven encamada quince meses por enfermidade. Daquela os médicos tampouco debían ter moitos coñecementos e non me daban co mal.
Nunha ocasión pensaron que estaba defunta e eu tiña tan pocas forzas que nin podía contestar.
Grazas que non morrín e podo contar estas cousas ós nenos destes tempos.

Pasado o tempo, un médico militar salvoume a vida e cheguei ata hoxe que xa levo sete anos de vida xubilada e moi xubilosa.
Alégrome de poder contar estas cousas ós nenos de agora. Pensarán que son mentira, pero nada deso. Todos cantos me coñecen, saben que eu aborrezo a mentira.

Daquela, aprender as catro regras era todo un reto.
Grazas que nunha ocasión veu unha mestra de moito carácter e moita valía persoal e profesional e preparounos para a obtención de Certificado de Estudios Primarios a uns cuantos, penso que uns seis ou sete. Paréceme recordar que aprobamos cinco.
Fomos a primeira promoción en obter un certificado tan elemental.

A limpeza da escola facíamola as nenas. Varríamo-la aula unha vez á semana: os sábados.
Os nenos non varrían porque eso era cousa de nenas; non fora ser que os nenos perderan a virilidade se collían a xesta para varrer.
A vasoira era de xesta: unha presa de xestas atadas cun par de vimbios e…¡a varrer tódolos sábados!
Daquela había escola de luns a sábado.

Ademais da mestra, viña o cura –con tonsura e sotana como estaba mandando- a facernos unha visita semanal.
Teño na mente a imaxe do crego, pero non lembro nada de canto poidera decirnos.
Eu tiven a sorte de criarme nunha familia crente que me ensinou as oracións e os principios básicos da vida cristiá na casa.
Máis tarde souben por boca dunha das miñas mestras, que o cura tiña moita autoridade sobre a mestra.
¡Que cousas!
¿Verdade?
Naquelas circunstancias o que si tiñamos era moita disciplina e unhas normas de urbanidade moi marcadas.

Antes de entrar poñíamos unha fila na corredoira diante da escola.
Ó pasar por diante da mestra dicíamos:
“¡Buenos días tenga usted!”
Subíamos á aula e postos de pé, rezábamos un Avemaría, un Gloria e santiguábamonos.
Daquela todos dábamos Relixión Católica. Estudiábamos: Historia Sagrada.
Cando saíamos tamén o facíamos en fila e despedíamonos da mestra dicindo:
“¡Usted siga bien!”
(Non sei se estaría moi ben a pobre despois de aguantar tanto barullo nun lugar como aquel).

O primeiro día cando che preguntaba o nome, dicías:
“Mercedes Cachaza Platas, para servir a Dios y a usted.”

O idioma empregado era o castelán, pero na casa e na aldea tan só se falaba o galego con gheada.
Debeu ser toda unha odisea para facerse entender, pero aínda así, saímos adiante.
Os daqueles tempos carecíamos de moitos medios, pero a necesidade foi a mellor mestra.
Daquela tiñamos moitas ganas de superármonos e conseguímolo.
Lembro que cando recibín o resgardo de ter aprobado o exame para a obtención do Certificado de Estudios Primarios, recibín unha alegría maior que se hoxe me toca a lotería.
Aínda é hoxe o día que conservo o Certificados de Estudios Primarios colgado na biblioteca da miña casa.

Cando non temos nada, valoramos todo.
Cando temos de todo non valoramos nada.
Aí está a cuestión.

“AÍ ESTÁ A CUESTIÓN” será o título do seguinte artigo.
Moitísimas grazas por terme na súa consideración nesta ocasión, porque recordar aqueles tempos axuda a comprender e valora-los presentes.
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES