Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Meropoética

martes, 12 de julio de 2016
A saber qué foi primeiro: se Mero na poesía ou a poesía en Mero. Que, tamén neste caso, a orde de factores non altera resultados. Mero naceu poeta, e poética é sempre a súa expresión, e nesta poesía interminable da agora a luz un novo fulgor -“Un paso adiante, Galicia!”- … un “groso” Meropoéticavolume poético para ler con calma, e sentir delongado.

“Groso”, porque non se axusta ao Sistema Métrico Decimal, senón ao tradicional sistema galego de medidas… Unha “grosa” son doce ducias, e eses son os poemas que recolle este seu e noso libro, con impactos poéticos que xeralmente riman no “exterior“ de xeito asonante, consonante no interior e musicalmente no espazo inconmensurable que adoitamos chamar “alma”. Semellan romances, e sonetos, e coplas de pes quebrados… Para os chairegos, riman musicalmente no corazón e fan que este latexe de xeito ledamente sincopado. Teñen, pois, ritmo antes que rima; pero tamén rima poderosa. Teñen música incorporada, coma os nosos ventos de terras abertais, coma o fungar dos pinos, o agurgullar dos manantiais… coma o universo físico que nos envolve nos eidos largacíos que conforman a Terra Chá.

Como xa chegamos a maiores – en idade e en calidade poética- este feixe de doce mollos de poemas veñen ser un ollar cara atráis e tamén –despois de mirar despaciosamente aos lados- un ollar cara ao futuro propio, dos seus, da Chaira, do país… tendo moi presente que o autor non está nin quere estar só… pero que só comparte cos que considera seus as súas crenzas; a súa vida. E calquera que queira saber os ques e os porqués do que se di neste libro, dea por recibida a resposta que obtivo o Conde Arnaldos na mañanciña de San Xoán, cando pretendeu coñecer daquel mariñeiro a canción que “la mar ponía en calma / los vientos hace amainar”… “Yo no digo mi canción / sino a quién conmigo va…”. Esta colleita poética está pensada, dirixida, limitada aos compañeiros de viaxe; aos posibles compañeiros de viaxe.

Achegádevos humildes aos humildes e, coa cabeza ergueita,
aos que se coidan poderosos.
Non vos deixedes humillar por ninguén, pois convosco vai a Patria
e temos que arrolar toda esperanza.

Esta ducia de ducias de poemas semella ser unha summa poética, unhas memorias, duras e tenras asegún, que se aínda “non estamos afeitos á vitoria”, hai que loitar por ela agora e sempre, con fe, con esperanza, que “é oficio do cantor non calar nada”, pacíficamente violento (“contra a violencia, a palabra”), porque “hai que botar fora do peito todo o que a vida foi acugulando”, “mais coa vontade de ser vencedores sen derrota / sen esquecermos que somos dignos da nosa vitoria”.

A poesía de Mero, tamen esta nova entrega da súa poética, está ateigada de nomes que son conceptos, proclamas, himnos… Vilalba (sempre), a Terra Cha (por sempre), A Abilleira, Lugo (“cravuñando presentes”)… E auga, alborada, amor, abidueira… o mar -o mar da Chaira-, música, lingua, luz, dignidade… Nai, Pai, “a Matria que levo dentro…”. Avelino, Mariña, Raul, Abella ou Valdi.

E contén debuxos vilalbeses que sintonizan coa Vilalba que latexa en todo o libro. Magníficos debuxos de Dolores Guerrero, que se acredita compañeira de viaxe, con arte nas máns e na alma, para saber entrar -e sentir!!!- nun universo poético tan chairego, tan amoroso, tan racial, e facernos vibrar de ledicia, de orgullo, e de entusiasmo, aos que aspiramos a compartir travesía.

Este libro é como unha radiografía da alma chairega que se se lle puidesen poner lindes, irían desde o Pedregal de Irimia ao fin do Miño fundíndose no mar… levando “nas alforxas o amor / para deitarnos con calma”.

De cada poema de Mero, ao lelo en voz alta, “queda un salaio nos beizos”, queda como un regusto de dor e de lecer; e de sabedoría… como se nos abrise unha porta a interiores que non sabíamos posuir. E sen embargo están aí, e compartimos estancias sentimentais que evidencian irmandade, precisión e claridade:

“Ferir a un ferido,
derrubar a un tirado,
tirar polo chan
a unha puta, a un perturbado
criticar por atrás,
liberar a un liberado,
abusar de quen non pode,
apestar a un infectado
inducir ao mal,
arredar a un marxinado…
son as obras dos traidores
dos parvos e renegados.”

Se chama a atención na Meropoética a expresión forte da convicción patria, da fe na terra, da conciencia de tribu, da mirada á fronte para camiñar erguido, máis aínda a min me chama o seu namoro do amor… e poucas veces tan fortemente delicado como nunhas “Palabriñas de amor” que, xa só por elas, o poeta se evidencia maxistral en expresión e sentimento:

Dime de amor dúas palabras
de luz no estremecemento,
ponlle verbas á túa voz
do verbo querer, querendo.

Que só vivo se me queres pois es ti o alimento,
es auga da miña sede, o meu único sustento.

Mais se me dis unha soa
sabereite máis a dentro
se ma dis na Nosa Lingua,
coa voz do bico máis tenro.

Que es orballo da mañá, o meu alivio e sosego.
Es, da primavera, flor; e da flor, es o recendo.

Dimo do amor cunha ollada
dimo no ar dun alento
dimo, se queres, calada
no aloumiño dun silencio.

Que es a chuvia e es a bágoa, o ronsel, brillo e reflexo.
Es o meu sol, meu abrigo, a miña estrela, o meu ceo.

Dime do amor o seu son
dimo sen gritos nin berros,
dime en tenrura o rumor
deste amor que nós sabemos.

E ao completar as doce ducias de poemas comprobamos que este luminoso libro non remata cunha “Suma total” senon cun “Suma e segue”….

“Tampouco hai porque contalo todo. / Algo terá que quedar, remoendo alá no fondo, /
onde só cada quen é amo, señor e dono!”

Haberá outras colleitas primaverais ou de outono, xa que o cantor seguirá espreitando os aconteceres e os sentires, e contará connosco – cómplices fervorosos, nunca imprescindibles- para compartilo, xa que para él –e para os que aspiremos a acompañalo na súa viaxe, “a beleza non é muda e chama por nós a berros”.

Mero cóntase entre os afortunados diazcastrianos que pode proclamar “A beleza feriume para sempre”. Este libro é a proba desa ferida para a que o único tratamento coñecido – doentes ou en período de contaxio- é a poesía libre en estado puro, suministrada en recipientes coma este.

(Limiar de Xulio Xiz para o libro de poesía DOCE DUCIAS de Baldomero Iglesias Dobarrio - Mero).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES