Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Formando comunidade

jueves, 07 de julio de 2016
O día dezaseis de xuño do ano 2016, fomos convocados polas autoridades do Centro Educativo, chamado Colexio Público Integrado Virxe da Cela de Monfero (A Coruña), para celebrar unha data importante:
“CORENTA ANOS VIVINDO NA ESCOLA”.

Fixo corenta anos que esta zona deu un cambio moi importante co pulo da Lei Xeral de Educación, número 14/1970, publicada no B.O.E co número: 187 de 6 de agosto.

Nacía daquela a Educación Xeral Básica dividida en dúas etapas:
-A primeira etapa abarcaría desde os seis ata os dez anos.
-A Segunda etapa da E.X.B comprendería tres anos correspondentes ó cursos sexto, sétimo e oitavo: ó remate dos cales, o alumnado sairía en posesión do GRADUADO ESCOLAR, no caso de ter todos os cursos aprobados e podería continuar facendo o Bacharelato.
Un bo número do alumnado que pasou por este Centro, segíu este camiño. Hoxe anda repartido polo mundo.

Sei dun caso que está de Profesora de Español en Francia. Pero haberá outros moitos.

No caso de non remata-la E.X.B. poderíase optar a dous anos de prórroga e se aínda non se aprobaban os oito cursos recibíase un CERTIFICADO DE ESCOLARIDADE e podíase optar á Formación Profesional.

A infancia española en xeral e a desta zona, en particular, pasou de vivir nas parroquias arredor dunha mestra ou mestre con nenos de tódalas idades, a integrarse nunha comunidade que ata aquel entonces só tiña en común as feiras da Viña e a Romaría da Virxe da Cela.

De vivir no entorno de toda a vida entre veciños de porta con porta, pásese a intercomunicarse con outras parroquias e con outros concellos.

De xantar na casa, pásase a integrarse nun comedor escolar no que hai que comer de todo, -salvo prescripción médica-, cumprir unhas normas, relacionarse con outras persoas, etc, etc.

A xenerosidade dos vecinos do Xestal ofrecera os terreos e un gran colexio estaba feito aló polo ano 1976.
A socialización estaba servida.

Moitas foron as escolas unitarias que se integraron no primeiro momento; loxicamente cos seus correspondentes Mestres, principalmente mulleres.
Outras fórono facendo paulatinamente.

A verdade era que, cando se integraban escolas de última hora, notábase moito a diferencia do alumnado, sobre todo na socialización e nas materias que esixían especialización.
Loxicamente, nas escolas unitarias carecían de medios dos que dispoñía o Colegio Público de “EL Jestal”, como se lle chamaba daquela.
Nestes corenta anos fomos construíndo entre todos o Colexio que temos hoxe.
Ata onde eu recordo, penso que tivo once directores.
Oito homes e tres mulleres: todos cargados de entusiasmo, profesionalidade, entrega e celo pedagóxico.

Se ben a Dirección e o correspondente Equipo Directivo son necesarios, non o son menos o Claustro de profesores, os Coordinadores de Nivel, o Encargados do Comedor, o do Laboratorio, o da Biblioteca, o das Actividades Extraescolares, o Personal Administrativo, o Personal Laboral, os Concellos, as Familias, Os Consellos Escolares, as ANPAS e –por descontado- o Alumnado, sen contar coa Administración.

Tódolos directores tiveron moito que bregar, porque xa se sabe que levar a bo término unha empresa tan importante como é a pedagóxica, non é nada doado porque hai que aunar moitos esforzos por parte de toda a Comunidade Educativa e tamén coa colaboración da Administración.

Cada Director ou Directora ten a súa ideoloxía, a súa maneira de enfoca-la Dirección, as súas habilidades sociais e a súa particular maneira de proceder…

A pasar de ser un Colexio relativamente pequeno, cónstame que algúns pasaron por momentos difíciles, pero sempre sairon adiante con moito éxito.

Afortunadamente, este colexio sempre contou con persoas moi aptas para a Dirección.
Todas, absolutamente todas, se entregaron con moito empeño e moito tesón á súa misón.
Só elas saben as horas extras que lle deixan dedicadas.

E todas conseguiron mellorar o nivel pedagóxico con arreglo os medios de cada momento.
Cada día: máis e mellor.

Tódolos Xefes e Xefas de Estudios tiveron moito que organizar para contentar na medida do posible a todo o Profesorado e ó mesmo tempo ofrecer un bo servizo ó Alumnado.

Cada Profesor ou Profesora ten os seus dereitos, as súas especialidades, a súa destreza pedagóxica, a súa situación persoal as súas preferencias, etc, etc…que –por suposto- ten que ter en conta a persoa encagada da Xefatura de Estudios á hora de adxudicarlle unha tutoría.

O Profesorado tamén ten que ceder dos seus dereitos en ben dos intereses pedagóxicos do momento.
Eso, tamén forma parte da convivencia e do bo rendemento pedagóxico.
Moitas veces, perdendo, gáñase.

Sobre o Profesorado, recae todo o peso da docencia.
Tódolos Secretarios e Secretarias tiveron que redactar con gran cautela tódolos acordos que se foron acadando nos correspondentes Claustros e Consellos Escolares.
Algúns moi difíciles, porque non sempre pensamos todos o mesmo, nin estamos todos de acordo.
O seu labor tamén é vital na relación coa Comunidade e –como non- coa Administración e co Transporte escolar.

O labor do Profesorado encargado da Coordinación tamén ten moita importancia, porque aunando esforzos, mellóranse os resultados que é o que verdadeiramente interesa.
A tarefa a realizar pola persoa Encargada do Comedor, é moito máis complicada do que a simple vista parece: ten que administrar moi ben o presuposto, o persoal ó seu cargo, a organización das vixiancias, as normas de convivencia correspondentes, etc, etc… Todo un mundo.

Para o Laboratorio tiña que ser un especialista na materia. Xeralmente elixíase entre o Profesorado da Segunda Etapa da E.X.B. que impartía a correspondente especialidade; pero hoxe en día xa entra dentro da asignatura de Física e Química.

A Biblioteca estivo en diferentes dependencias antes da implantación do Ensino Secundario. Incluso chegou a facerse unha aula especial para tal uso nun extremo do patio cuberto.
Hoxe en día, o Profesor ou Profesora encargados xa teñen que ter coñecementos de informática porque está todo dixitalizado.

Desde que as novas tecnolixías entraron nas nosas vidas, todo é diferente.

Fomenta-lo gusto pola lectura, nunca foi tarefa doada e hoxe en día coa cantidade de medios que hai, debe ser máis difícil aínda.

As Actividades Extraescolares son un complemento á educación na aula e unha ocasión para
convivir a outro nivel.

As viaxes de nivel e as de fin de curso van a cargo do Profesorado aínda que a veces teñen colaborado Pais e Nais.
Levan consigo moita responsabilidade, pero son necesarias.
Con relación ás saídas hai que dicir que o noso Alumnado sempre tivo un comportamento moi correcto.
Eso di moi ben das súas familias.
Afortunadamente, nesta zona a familia ten moito peso social.

Hoxe en día tamén colaboran as ANPAS.

Desde a implantación do Ensino Secundario, no ano 1996, sempre tivemos Personal Administrativo para recibir ó público.

Fai un bo labor, pero durante moitísimos anos quen facía esto era a Dirección e o propio Profesorado.

Lembro un ano que pasamos todo o curso cubrindo impresos para solicitar axudas. Unhas axudas moi reducidas, pero naqueles tempos aproveitábase todo.

O profesorado sempre foi moi voluntarioso e nada reparado.
O Profesorado daqueles tempos, dába algo a todo:
Se había que levar un neno á casa, levábase.
Se había que lévalo ó médico, tamén se levaba.
Non sabíamos o que arriscábamos, pero facíamolo.
Hoxe está todo máis estructurado.
Non te podes arriscar.
As familias tamén contan con máis medios.
E os servicios sociais tamén melloraron.
Cambiou moito a vida en relativamente poucos anos.

Sen o Persoal Laboral non podería funcionar o Colexio:
Lembro que nunha ocasión se contratou un conserxe para facer sevizos varios de mantemento.

O seu labor é importante, ademais ten moito poder, sobre todo o dedo que activaa sirena á hora de saír.

O Personal de cociña é o que día tras día alimenta á Comunidade, preparando sabrosos e variados manxares cun presuposto reducido e moito traballo.
Lembro unha cociñeira que cando se vía estresada recurría á Virxe da Cela. Téñollo escoitado moitas veces dicir:
¡Ai, Virxe da Cela! ¡Ai, Virxe da Cela”!
E a Virxe da Cela foi quen deu pé ó nome co que coñecemos hoxe en día este Centro Educativo. O de “Colegio Público el Jestal” xa é historia pasada desde fai moito tempo.
Pasaron pola cociña varios cociñeiros e cociñeiras e tamén varios pinches.
A máis veterana coido que é Marisa. Ela seguramente tería mil anécdotas para contarnos.
A todo o Personal de Cociña lle temos moito que agradecer polo seu bo proceder.

Este Colexio abarca unha ampla zona xeográfica: o concello de Monfero que é moi extenso e o de Irixoa, máis reducido, e nalgúns casos puntuais tivo que atender a alumnado de Aranga e de Pontedeume.

O labor de mantemento, reformas máis ou menos costosas e o servizo de limpeza sempre estivo a cargo do Concello de Monfero e dun tempo a esta parte tamén colabora o concello de Irixoa na medida que lle corresponde.

Moitos Consellos Escolares contaron coa presenza dos respectivos alcaldes, principalmente do de Monfero que habitualmente se mostrou partidario de invertir en educación todo canto estivo ó seu alcance.

A verdade é que tampouco se entendería o funcionamento dun colexio sostido con fondos públicos, sen a colaboración dos concellos ós que presta un servizo de tanta importancia como é a educación.

Con todo, quen máis mando no colexio é o Consello Escolar: órgano de goberno colectivo integrado por tódolos sectores que forman a Comunidade Educativa.

As familias desta zona, sempre tiveron moito peso na educación dos nenos.
Sempre foron sensibles co feito educativo.
Unhas participaron máis activamente e outras fixérono desde a casa, pero nunca foron un obstáculo.
¡Só faltaría!
De feito se falla a familia, a escola, teno practicamente imposible en moitos casos.

Aunando tódalas forzas desta Comunidade, conseguimos que o Alumnado desta zona saíra enormemente enriquecido recibindo unha educación de excelente calidade.
Pasaron por aquí motísimas promocións, incluso varias xeracións.
Todas se defenden ben porque todas saben como hai que ir pola vida: con formalidade, formación e humildade.

O motivo de máis satisfacción para o Profesorado é encontrarse cos exalumnos feitos homes e mulleres que aínda recordan o seu Colexio e o seu Profesorado, despois de moitos anos.
De feito, eu lévome atopado con moitos.
Ós outros profesores pasaralles outro tanto.
A veces recoñézoos a primeira vista, outras cóstame porque medraron moito; pero eles si que me recoñecen a pesar de que por min tamén pasaron os anos.

Dinme como lles vai a vida e que lles quedou moi bo recordo do seu paso pola escola.
Eso, a min faime moita ilusión. Alégrame a vida
Ese é o mellor dos regalos que pode recirbir un profesional do Ensino, é unha grata resposta como froito do seu esforzo.

Tódolos que hoxe estamos aquí é porque gardamos gratos recordos.
Cónstame, que outros moitos desexarían estar físicamente entre nós; pero resúltalles imposible polas súas circunstancias persoais.

En calquera caso, nesta atmósfera, respírase unha enerxía que nos dá forzas para desexar que este centro siga sendo o núcleo da nosa “AMADA COMUNIDADE EN MARCHA “

Tamén lembramos a algúns membros, tanto profesores como alumnos, que xa non están entre nós; pero témolos presentes en espírito porque deixaron unha grata pegada nos corazón de cantos tivemos a sorte de coñecelos.

En calquera dos casos: todos formamos esta amada Comunidade unidos polos vínculos da educación, do compañeirismo, da convivencia, da amistade, da vecindade… e da profesión máis bonita do mundo.
¡ A nai de tódalas demais!

POR ESO TODOS XUNTOS FORMAMOS UNHA COMUNIDADE EN MARCHA CARA A UN FUTURO CADA DÍA MÁIS PROMETEDOR.
Os froitos saltan á vista.

Moitas grazas as Autoridades académicas e a todas cantas persoas fixeron posible este entrañable encontro.
¡Por moitos anos!
Loxicamente este tipo de escola dista moito da de fai corenta anos e moito máis da de fai sesenta anos.
As daqueles tempos eran ben diferente.
A min tocoume ir á escola nacional da Galicia rural de fai sesenta anos.

“A ESCOLA DA GALICIA RURAL DA DÉCADA 1950-1960” será o seguinte título.
Unha realidade que nos fala de cómo se vai evolucionando.

Penso que non deixará indiferente ás persoas que teñan a ben botallle unha ollada.
Moitas grazas anticipadas

(Este texto corresponde á intervención da autora no acto de celebración do cuadraxésimo aniversario do Colexio de Monfero, onde foi mestra durante trinta anos)
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES