Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dende a pluralidade

miércoles, 06 de julio de 2016
Este sábado tiven a fortuna de convivir cun grupo de internas e internos do Centro Asistencial San Pablo de Mondoñedo, convocados pola Asociación “Abrindo Camiño” baixo a estela do egrexio Leiras Pulpeiro. Todo se preparou para afondar nas capacidades que todas/os temos para ser sanadores na vida cotiá. Mesmo a lembranza deste médico dos máis febles arrequeceu a nosa estadía ao abeiro do Xistral.

Non só descubrimos os segredos e tesouros de cada unha e cada un dos que fixemos camiño neste día, tamén aprendín dos veciños desta “cunquiña deleitosa” que cantaba Leiras, o seu agradecemento pola achega xenerosa dos membros da comunidade do Campo dos Remedios.

Falaban do día a día e celebramos como estaban integrados na vida da cidade, partillando os seus recursos e cualidades, coma uns cidadáns máis. Xa de volta, a cunca rebordou ledicia e xenerosidade ata asolagar toda a Terra Cha. De feito fora convidado a falar de Manuel María nunha xeografía tan acaida á súa traxectoria creativa, amparados por unhas serras regadas polo Masma, que acubillan as nosas chairas. Neste tempo farto dunha oratoria e verborrea baleira, insulsa, os xestos e a actitude xenerosa das compañeiras e compañeiros desta festa ao pé da ermida da Virxe do Camiño, provocáronme a necesidade de construir pobo dende a xente, afastados da prepotencia dos poderes que ningunean a estas persoas, mesmo impedindolles votar nas eleccións, cando todas e todos temos limitacións.

Fun percibindo uns vencellos moi estreitos entre todos os que conviven en Mondoñedo, como valoraban a singularidade de cada veciño que mesmo converten o Campo dos Remedios e aledaños nunha ágora coma no século pasado cando os membros da súa Escola Poética medraban na busca da verdade e da beleza. Unha alameda que mantén ese recendo a creatividade dende o xeito de cadaquén, sen clasificacións artificiais de máis ou menos asisados, coma nos tempos da primeira Festa da Árbore en Europa.

Noriega Varela gustaba de mesturarse neste espazo, coma un máis, aprendendo da fala e sabeduría do común. Volvín ateigado desa música e literatura que abrolla nesa paisaxe, a das criaturas máis sinxelas que sorrín cada amencer á vida, tal como nos transmite Manuel María.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES