Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O 'eu' tamén conta

martes, 05 de julio de 2016
Como era de esperar, volvemos a estar enredados nos posibles PACTOS dos nosos políticos para formar goberno. Eses saltos de D. Mariano nos balcóns de Génova, como ocorre nestas efemérides, foron un pouco inoportunos, non pola expresión sentimental do éxito electoral que lle corresponde, senón pola insuficiencia para ser investido presidente.

Todo o que vamos vendo e observando máis ben nos leva a confirmar e ratificar unha falta de madurez persoal nos candidatos e asesores, ata o extremo que da a impresión de que disputan unha competición deportiva de estraños e confusos obxectivos, con accións xestuais impropias dun proceso tan serio como debería ser a elección das persoas máis idóneas para o goberno de España. Pois recórdolles que a linguaxe xestual e mímica élles unha expresión bastante rigorosa do miolo da personalidade adquirida ao través da súa vida e, neste caso, nos nosos políticos, indúcenos a pensar que estamos en presenza dun excesivo grao de infantilismo, con evidente desprezo da intelixencia e sentimentos dos oíntes.

Si..., e esta intuición lévanos a enfocar as actitudes dos líderes dende a perspectiva do seu propio EU. Pero permítanme antes unha breve digresión, para facilitar a comprensión do que diremos, que, por modesto, non deixa de ser acredor a ser entendido. E digamos rapidamente que o “eu” das persoas, aló no Medievo, estaba subordinado ao grupo, á familia, á sociedade, ou a un deus. Por iso, ninguén se consideraba cualificado polo seu “eu”, senón pola entrega a esa familia, ao grupo a que pertencía e á sociedade da que formaba parte.

Coa entrada das correntes renacentistas, apareceu un impulso no home de dar culto a súa individualidade, o propio “eu”, como froito da emancipación, debilitando esa identificación co grupo, ou co seu deus, e desencadeando unha andaina na procura da satisfacción persoal e da “autorrealización”. Claro, as diversas modalidades do proceso desa “procura” son moitas e fannos perder o fío condutor; pero as tendencias están aí, e a pretensión, máis ou menos soterrada, de VALERSE das institucións sociais en vez de IDENTIFICARSE con elas parece que revive de novo, incluso coa teimosa pretensión de axeitar a estrutura e funcionalidade das mesmas a intereses singulares.

Todo isto levou ao home a buscar máis do que encerra na súa propia natureza, por encima das súas capacidades, porque agora está empeñado en demostrar que pode superar esa brecha existencial que o separa do mundo da realidade natural – onde todo é como é –, buscando o que el pode ser e aínda non é: Todo ser vivo é o que é, un deus non aspira a ser máis do que é, e o home, entrambos, sabe que pode facer algo máis de si mesmo.

Neste contexto, o político inmaturo desexa atribuírse unha función á medida das súas pretensións, e para iso non vacila en por en perigo a estabilidade socio–política da nacionalidade na que vive, so pretexto de impulsala a un progreso, certamente cheo de ambigüidades, afianzándose nun NON, como recurso dialéctico, que ven a ser un SI só para el; é dicir, traballa en positivo en pro do seu “eu”, postulándose como forxador de novas estruturas.

Aínda que os cidadáns sabemos que non hai solucións dogmáticas para os problemas políticos, débese, non obstante, ensaiar ponderadamente as que temos á man, nos límites dun posible razoable e contextualizado. E si isto é así..., a que ven toda esa pomposidade discursiva, cando incluso construír un mundo mellor nunca equivale a traer o ceo a terra?. Por que obstinarse en lucirse como oradores, repetindo os superados contidos dos grandes relatos dentro dun postmodernismo politicamente minimalista, con tantos, diversos e difíciles problemas nesta leira?. Por que eses solapados intentos de cambios drásticos que entran dentro dun mesianismo que eles mesmos non se cren, desembocando no utópico?.

Posiblemente non haxa máis, nesta liña expositiva, que unha contestación: A exacerbación do propio EGO, que obceca as decisións axeitadas ás esixencias dos cambios sociais sistemáticos, aproveitando intelixentemente os recursos que ofrece a sociedade sen por en perigo a súa estabilidade. E, señores políticos, isto non é medo. É cautela.

Por outra parte, a esta altura do século XXI, non cabe ignorar que a política non se resume en resolver só conflitos de intereses persoais ou de grupos, nin na ambición do poder, nin da mesma administración económica (do que xa estamos todos de volta). A política é tamén PAIDEÍA, educación, non mera instrución, porque esta vale de moi pouco se non serve para ser educado, algo que algúns líderes políticos non só descoidan, senón que tamén lle suman a arrogancia.

Acumular moito saber utilitario, descoidando outro orden de valores, converte ao home nunha persoa bruta, que esquece que a ETICIDADE é un ingrediente político, non mera moralidade, senón FORMA DE SER. E nesta liña, seguramente se pode afirmar que a traxedia política dos nosos días talvez estea na degradación desa “paideía”, como o poñen en evidencia as corruptelas que nos afectan e o intento descarado de facelas pasar por comportamentos legais, co que ten de pésima exemplaridade.

O descoido desta función propia dos políticos nos anos que levamos de democracia, parece que carrexou máis ben unha domesticación de vontades en clave sectorial que una auténtica transformación do ETHOS, desa forma de ser que esixen os nosos tempos, en consonancia co caudal informativo, de que dispón o home actual, en todos os campos do saber.

Polo tanto, se os aspirantes a gobernarnos están moito máis preocupados polo propio “eu” que por buscar razóns de identificación cos marcos institucionais da sociedade que pretenden gobernar; se son presa dun certo infantilismo egocéntrico, e incapaces de superalo; se a forma de ser propia deles ten como ingredientes actitudes que ignoran os máis elementais principios de eticidade; se o egocentrismo inspira unha metodoloxía en NEGATIVO e co mesiánico, o utópico e o ucrónico en camuflaxe nalgunhas programacións, (...), os cidadáns non podemos esperar outros pactos que os matizados desa inferioridade sempre involuntariamente confesada e implicitamente recoñecida; desa couza do talento (Campoamor), a que chaman envexa, que no fondo, e dito sen pelos na lingua, non é outra cousa que ofuscamento á luz do “eu” do outro.

Sería eloxiable que se evitara entrar na dinámica da insensatez e a irracionalidade; pero a presentación dos artistas na palestra, non permite augurar máis que unha mala función teatral.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES