Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sermos sim-páticos

domingo, 05 de junio de 2016
A vida de Xesús consistiu en sementar arreo vida e esperanza, devolvese ou non vida física, curase ou non fisicamente a unha persoa concreta. Non ten sentido pensar que Xesús tivese que se dedicar durante a súa estancia entre nós a curar ou lles devolver a vida a tódolos seus contemporáneos. El non veu cambiar os procesos normais e naturais da vida humana que Deus mesmo dispuxo. Tampouco o seu Pai-Deus o liberou a el, a Xesús, das dores da súa inxusta paixón ou da súa morte na cruz.

O que si fixo Xesús foi realizar algún sinais sorprendentes, que nos puxeron de manifesto que Deus é esencialmente Vida e que todos nós estamos tamén destinados a unha vida que empeza, pero que, pese a tódalas aparencias, non rematará en definitiva endexamais.

Deixando de lado as diversas curacións realizadas por Xesús das que nos falan os evanxeos, no que se refire ós relatos de resurreccións realizadas por el, os evanxelistas só nos falan en realidade de tres casos: o da resurrección de Lázaro (descrito só por Xoán), o relato da volta á vida da filla de Xairo (descrito por Marcos, Mateo e Lucas, pero non por Xoán) e, por último, o relato que acabamos de recordar hoxe no evanxeo: a resurrección da filla da viúva de Naín (do que nos fala Lucas, e nada máis ca Lucas).

Son tres sinais, tres pequenas mostras simbólicas, nas que Xesús, en continuidade coa súa mensaxe xeral de vida, nos quere manifestar o misterioso segredo da nosa vida neste mundo e no vindeiro. Por medio de Xesús maniféstanos Deus Pai, polo tanto, como é el mesmo, como é Deus. Por medio das obras de Xesús e tamén dos seus ditos. Algunha vez nos di, por exemplo, Xesús que Deus non é “un deus de mortos, senón de vivos, porque para El todos viven”.

Esta íntima relación de Deus coa vida maniféstase tamén, consecuentemente, na compaixón que Xesús exerce con cantos se ven afectados polo sufrimento ou pola morte dos seus seres queridos. Deus amósasenos así en Xesús como un Deus que é esencialmente achegado a nós, próximo, “salvador”, non castigador ou condenador. Deus é un Deus compasivo e misericordioso. Un Deus que sabe “padecer con”, que sabe “compadecerse”.

Así procede Xesús con esta pobre nai e viúva de Naín, que está a acompañar xunto cos seus veciños o seu único fillo defunto, un rapaz noviño, cara á sepultura. Xesús non pode menos de se compadecer e achegar a esta sufrinte muller para lle dicir, de todo corazón, e non coma un simple cumprido: “Non chores”.

Hoxe en día están a poñer de relevo diversos teólogos esta decisiva face compasiva, sandadora, curadora de almas e de corpos de Xesús, en canto manifestación do que Deus mesmo é. Que queren dicir estes teólogos coa importancia que lle dan a Xesús como curador e sandador, como compasivo e misericordioso?

Porque Xesús curaba, si, pero non a todos nin por todas partes. Seguía a haber xente enferma e xente que morría. Mais Xesús vén indicarnos co seu comportamento cómo é Deus e como deberiamos polo tanto comportarnos os seus discípulos. Xesús non se preocupou propiamente de proporcionarnos unha moral especial. Nin estableceu ritos ou cultos novos. Non fundou tampouco neste sentido, estritamente, unha nova relixión. O que si vai facer, e de maneira moi insistente é mostrarse compasivo coa xente, atender a todos, escoitar a todos, apoiar os humildes e necesitados para que saiban sentir en si mesmos a dignidade de fillos de Deus. Todo isto de maneira moi concreta e real. Por aquí semella tamén querer camiñar decididamente o noso novo papa Francisco, como exemplo e convite para todos nós.

Sendo e comportándose deste modo Xesús, móstranos nidiamente como é o seu Pai e o noso Pai e lévanos así a el. Porque Xesús non é un simple filántropo, baseado en consideracións puramente humanas. El sabe que o Reino que el nos trae está baseado na fonda experiencia súa de que Deus é Pai universal de todos, que nos quere ben a todos e, de maneira moi especial, os máis pobres e necesitados, coma esta pobre viúva que sofre tanto no seu interior ante o que lle está a acontecer.

O “non chores” que lle di Xesús á viúva de Naín encheuna a ela de vida e de esperanza. Podemos dicir que a resucitou a ela antes, en certo modo, que ó seu fillo. Porque o Xesús que dixo tantas veces de si mesmo que é “Vida” (tal como recordabamos no anterior domingo, festividade do Corpo e Sangue de Cristo), non sabe facer outra cousa senón contaxiar vida e esperanza. E se el ”com-padece”, entón o peso do sufrimento da compadecida muller faise menor, porque a carga da dor repártese entre os dous. Por iso son “simpáticos” aqueles que saben compadecerse sinceramente dos demais, interesándose polos seus problemas e dificultades para lles poder ofrecer a súa axuda. Os “simpáticos” son os que practican a “sim-patía”. E esta palabra procede directamente do grego que literalmente habería que traducir como “com-paixón”. A palabra “compaixón” vén do latín, pero o seu significado orixinario é o mesmo que a palabra “simpatía” de orixe grega. De modo que se queredes ser verdadeiramente simpáticos, tedes que ser compasivos.

O contrario dos “simpáticos” son naturalmente os “antipáticos”, é dicir, os non compasivos, aqueles ós que non lles importan ren os demais e que non falan máis ca de si mesmos e do moi importantes e grandes que se imaxinan ser.

Se queremos ser verdadeiramente grandes, temos que unirnos e xuntarnos ós demais, participando, coma Xesús, dos seus sufrimentos e tamén das súas alegrías. Non hai outro camiño para a vida e para a salvación, alomenos para un cristián, senón o de practicar esta “compaixón”, esta “simpatía”. Tal e como nolo aprendeu Xesús.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES