Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel María e a Ponte de Outeiro

viernes, 03 de junio de 2016
Dinos, Manuel María no poemario autobiográfico “Poemas da labarada estremecida” que era de “vrao”, cando xa se fixeran as colleitas, é dicir, en setembro, na Ponte de Outeiro onde

“O Miño neno abre os seus ollos
cara a señardá da Terra Chá
no mesmo lugar no que Crecente
atopou o misterio dos seus versos”

e foi na Carballeira que era onde se facía a romaría.

A Carballeira da Ponte de Outeiro, se preguntades aos lugareños somente hai unha, que é a carballeira onde se celebra a festa da Portería, antes tamén era o lugar da vida social da parroquia, onde se xuntaban os mozos e mozas para ir a outras festas, era o punto de saída e o punto de chegada; era o lugar onde se xugaba aos bolos, ao balón, á billarda . . . Hoxe esta carballeira case que non se pode pisar porque esmorece a herba que con tanto esmero se cuida somente para o día da festa da Portería.

Hai que reivindicar a Carballeira!

Pois ben, aquí celébrase a Romaría que é onde se coñeceron ou se declararon como noivos, Saleta e Manuel María.

As xentes de Úbeda, Rigueira, A Pastoriza, Reigosa . . baixaban á festa nos coches de Autocares ÚBEDA, propiedade de Germán de Reigosa e de Ladislao de Úbeda, que viñan todos os anos e facían varias carretadas a esta festa que tiña e ten aínda grande sona polos arredores. É de sospeitar que Saleta baixara nun destes autoboses á festa da Ponte desde Reigosa ou despois desde Castro de Rei na rubia de Graciano, pois seu pai traballaba no Concello como secretario.

O Manuel conta que ao son dunha gaita máxica comezou o namoramento dicindo estas palabras....

“improvisou soio para nós os dous
a máis maravillosa e leda muiñeira”

Estas festas, . . . “que non baixan do oito nin soben do quince” de setembro, antes eran xeralmente domingo e luns, e hoxe son sábado e domingo. Tiñan unha orquestra para cada día por mor de que o diñeiro dos ramistas na década dos 50 aos 60 non era suficiente para completar a noite e por iso había grandes descansos nos que se falaba e se tomaba algo, debeu ser nese momento cando algunha persoa da Ponte de Outeiro levara a gaita para amenizar os longos descansos, poida que fose a xota ou a muiñeira da Ponte de Outeiro, que se non o sabedes, tamén existen, o mesmo ca polca da Ponte de Outeiro.

Quen levaría a gaita a este descanso das festas da Portería? E de supoñer que fosen os de Pepe ou Meiril, que era moi dado a amenizar pola súa conta os descansos das festas..

Manuel María desde entón é de supoñer que viñese ás festas da Ponte de Outeiro sempre que puidese, eu vino por alí algún ano. Habería que preguntarlle a Saleta.

Penso que quen o sabe tamén é Inés Crecente, Inés de Rafael como se lle coñece polo barrio, pois Manuel e Saleta foron á súa casa preguntando se era a casa de Crecente Vega, o grande poeta olvidado que pasa raseiriño polas nosas vidas como se fose un troiteiro sen licencia.

Ábramos os ollos e defendamos o noso, Asociacións da Ponte de Outeiro e da Terra Chá, e propoñamos a Crecente Vega para o Día das Nosas Letras. Érguete CRECENTE VEGA, e leva aos nosos polo rego da beleza e da cultura.

Grazas Manuel María.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES