Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre Zamora e as illas

sábado, 04 de junio de 2016
Mentres leo a catro columnas o encontro "think tank" (laboratorio de ideas), que desenvolveron hai uns días os presidentes das deputacións de Ourense e Zamora cun amplo colectivo empresarial das dúas provincias, en titular máis humilde e na mesma portada do xornal leo tamén que as illas (Baleares e Canarias) son o destino preferido no verán polos ourensáns, e esa especie de contradicción conceptual faime reflexionar.

Faime reflexionar coma se estivese vendo a Epi e a Blas reflexionando sobre os conceptos preto e lonxe sobre os que ilustraban ós nenos dos anos 80 no programa "Barrio Sésamo".

Abondaría con colocarse na rúa do Paseo en hora punta da mañá e cunha libreta na man e comezar a preguntar, a todo corpo con patas que por alí andara, se estivera algunha vez en Maspalomas ou en Puebla de Sanabria e probablemente dariámoslle categoría de veracidade ó segundo titular, porque xa se sabe que sen resort en Cancún (agora creo que os novos piden aínda experiencias máis exóticas, digamos Vietnam) non hai viaxe de noivos que se prece, por máis que logo a parella non poña o pé xamais no Balcón de Madrid ou nos Arribes do Douro.

É certo que ó turista tradicional gústalle sentirse tal só cando calza unhas bermudas e unha guayaba tropical e pasa previamente oito ou nove horas de voo con selfie incluído para que o crean na casa ó chegar. É certo que se un non pasa dos 500 (había un vello político que dicía que só a partir desa distancia non era pecado "pecar" contra o sétimo mandamento) parece que non está facendo turismo, senón que simplemente anda a pasear e loxicamente para os pensadores do turismo ese é un "handicap" que dalgún xeito hai que comezar a superar.

Fago un inciso. Discúlpenme os anglicismos, pero é que estou escribindo sobre turismo e é comunmente aceptado que se un non usa media ducia de anglicismos cando está a teorizar sobre turismo, un é un indocumentado. De aí o "think tank", etcétera, etcétera.

Por iso creo que está ben que Zamora e Ourense (que ademais sempre compartimos código telefónico provincial) compartamos agora estratexias para nos promocionar conxuntamente e conxuntamente colocármonos no mapa do turismo, polo menos nacional.

E para contribuír ó "think tank" ou ó "brainstorming" celebrado, permítame, benquerido lector, que propoña tres lemas sobre os que empezar a traballar.

"Terra de ningures", "Terra herma" ou "Oldland" (terra de vellos) -é o último anglicismo que escribo-, poderían ser algúns sonoros epígrafes, a ver se dunha p. vez, Valladolid e Santiago comezan a reparar neste inmenso bosque inanimado supraprovincial que nin nós mesmos -os seus propios habitantes- queremos visitar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES