Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Repensar o Kurdistan

lunes, 30 de mayo de 2016
Na eventual reconstitución de feito que presumiblemente lle agarda ao mapa territorial de Oriente Próximo, particularmente trazadas polos intereses estratéxicos existentes dentro do conflito sirio, é frecuente observar nun considerable sector da opinión pública a perspectiva por focalizar a atención na situación dos kurdos na rexión, principalmente ante as expectativas por eventualmente configurarse nunha expresión estatal e independente en pleno corazón de Oriente Próximo. Con mais de 30 millóns de persoas repartidas entre países da rexión (Turquía, Irán, Iraq, Siria) e unha dinámica diáspora radicada en Europa, Cáucaso e Oriente Próximo, os kurdos constitúen a principal comunidade a nivel mundial sen acadar un Estado propio. É por tanto inevitable achegarse a súa situación, cuxa expresión é tan ineludible como imprevistas son as súas consecuencias, particularmente de cara a discernir sobre os irreversibles cambios que se albiscan no mapa xeopolítico rexional.

A complexidade de abordar a situación kurda increméntase ante os pormenores dun conflito sirio que xa practicamente confirma a súa disolución estatal e as implicacións que este escenario terá na reconstitución territorial e xeopolítica dun “novo” Oriente Próximo, xustamente cando se cumpre o centenario do imperialista acordo Sykes-Picot (1916). Esas complexidades establecidas en torno á situación dos kurdos xa se observaban na rexión a tenor do interregno causado polas dúas guerras de Iraq (1991 e 2003) impulsadas por Washington e a súa coalición internacional aliada, así como das súas consecuencias dentro da xeopolítica rexional, particularmente ante a súbita aparición dunha autoridade proto-estatal establecida na Goberno Rexional do Kurdistán (GRK) asentada no Norte de Iraq (comunmente denominado Kurdistán iraquí).

A isto deben engadirse outros factores que intensifican a complexidade e incluso a confusión existente sobre a noción do Kurdistán. Aquí visualízanse a incerta situación dos kurdos en Turquía, principalmente establecidos no sueste do país fronteirizo co Kurdistán iraquí, e que particularmente vese fragmentado polas consecuencias do prolongado conflito armado establecido desde 1984 entre o Estado turco e o Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), do intermitente e non menos confuso período de negociación, con pretensións de pacificación, establecido desde a asunción ao poder de Recep Tayyip Erdogan e do AKP a partir de 2003 e da paralización e súbita suspensión destas negociacións en agosto de 2015.

Pero o factor que altera este equilibrio confuso é principalmente a inesperada reaparición do problema kurdo a carón do conflito sirio, particularmente identificado pola consolidación dun modelo autonomista kurdo ao norte de Siria, fronteirizo con Turquía, e as súas repercusións tanto para a situación particular da causa kurda (consolidación da GRK, polarización do PKK, aparición do HDP en Turquía) como para o futuro dunha Siria inevitablemente en proceso de desintegración estatal.

Existe un “modelo Rojavá”?
Por tanto, o momento actual define un contexto preventivamente decisivo para a causa kurda. Un caso particularmente relevante é a aparición dun modelo autonomista kurdo na denominada rexión de Rojavà ao norte sirio e as súas implicacións no contexto e nos equilibrios existentes dentro da complexa composición de partidos e movementos existentes nas diferentes comunidades kurdas en Oriente Próximo.

A consolidación dunha especie de goberno autonomista kurdo na rexión siria de Rojavà pode así imporse como unha expresión alternativa para a causa kurda e para a recomposición dos equilibrios estratéxicos e xeopolíticos rexionais. En xaneiro de 2015, tras meses de resistencia e combates contra as milicias do Estado Islámico (EI), a recuperación por parte das milicias peshmergas kurdas do control da estratéxica cidade de Kobanê, ao norte de Siria e fronteiriza con Turquía, recrea as potencialidades de concreción dun corredor territorial plenamente kurdo no corazón de Oriente Próximo.

Esta perspectiva debe necesariamente observar con mesura en qué medida o que podemos denominar como “o modelo de Rojavᔠpode fortalecer, ó mesmo tempo, as demandas soberanistas dun Kurdistán politicamente cada vez mais afianzado pero contrastado polas ambigüidades e os intereses xeopolíticos que actualmente están remodelando Oriente Próximo.

O asedio de Kobanê por parte das forzas do EI desde mediados de setembro de 2014 foi repelido a través dunha progresiva resistencia por parte das milicias peshmergas enroladas no YPG (Unidade de Defensa do Pobo Kurdo), unha facción do PKK kurdo asentado en Siria, amparado igualmente con axuda aérea da coalición internacional que Washington mantén contra as forzas ŷihādistas e a favor dunha incipiente e politicamente ineficaz plataforma opositora siria. Neste sentido, a primeira gran derrota militar de carácter estratéxico do EI erixe ao YPG kurdo asentado en Rojavá non só como un serio contrincante dentro dun conflito sirio senón como unha expresión alternativa para a causa kurda, cun radio de influencia tan notorio como incerto.

A resistencia popular e a recuperación dunha localidade, Kobanê, cun 90% de poboación kurda, pode implicar outras variables de carácter xeopolítico que fortalezan (ou incluso contrasten) as demandas kurdas de procrear unha entidade estatal autónoma en pleno corazón de Oriente Próximo.

Mentres resistían o asedio do EI, os milicianos pershmergas e as forzas políticas curdas de Kobanê/Rojavá instauraban un modelo político de carácter autoxestionario, pluralista e asembleario, en gran medida inspirado no ideario marxista e progresista herdado do PKK pero adaptado á realidade étnica e relixiosa existente nesta rexión siria, tomando en conta igualmente que os kurdos de Rojavá conviven igualmente con comunidades árabes, asirias, armenias e turcománs.

Neste escenario político, destaca a presenza da milicia feminista “Estrela YJA”, literalmente “Unión de Mulleres Libres”, así como da YPJ (Unidade de Defensa das Mulleres), sumamente importantes na loita contra as milicias ŷihādistas, así como ás forzas leais ao réxime de Bashar al Asad, fortalecidas no cálculo político e militar do conflito sirio particularmente trala intervención rusa en Siria iniciada en setembro de 2015.

Destaca esta variable política tomando en conta a configuración dun modelo político de democracia directa e participativa practicamente inexistente na rexión, así como a efectiva loita dunha milicia feminista contra as pretensións de instauración dun Califato rigorista e represor encarnado na esencia do EI, un aspecto que igualmente suxire unha emancipación política orientada á avanzar nos dereitos da muller como actor relevante no só dentro do contexto curdo senón a nivel rexional(1).

Pero este “modelo popular” de carácter igualmente laico establecido polo modelo político autoxestionario instaurado en Kobanê pode igualmente servir como unha expresión colateral das ansias de liberdade política, cultural e relixiosa establecidas polo ideario da denominada Primavera árabe, que en 2011 impulsou en Siria as protestas contra o réxime de Bashar al Asad.

Actualmente asfixiado pola inevitable reacción das elites árabes e dun conflito sirio que descompón o actual mapa de Oriente Próximo, este ideario emancipador pode levemente observar no eventual “modelo Rojavᔠunha expresión alternativa e viable, con incerta capacidade de irradiación a nivel rexional, pero que igualmente corresponde coa tradición cultural laica e progresista existente en diversas sociedades árabes contemporáneas, actualmente polarizadas pola irradiación dun islamismo rigorista contextualizado polos intereses exteriores.

Un Estado sui xéneris
Con todo, o simbolismo que pode imprimir o pretendido “modelo Rojavᔠabarca outras variables, esencialmente de carácter xeopolítico, na que se contrastan as pretensións independentistas kurdas, a eventual potenciación dun novo modelo político “revolucionario” nunha post-Primavera árabe atomizada, e a (re) configuración de diversos (e moitas veces disímiles) intereses estratéxicos.

A resistencia das milicias peshmergas do YPG e, particularmente, da Estrela YJA, así como a credibilidade do seu modelo político autoxestionario, poden implicar un efecto propagandístico sumamente relevante dentro do tradicionalmente polarizado escenario político kurdo, particularmente co respecto á hexemonía establecida polo PKK no Kurdistán turco, o seu volátil contexto ante a renovación do conflito turco-kurdo desde agosto pasado e, principalmente, de cara aos manexos xeopolíticos do Goberno Rexional do Kurdistán (KRG) establecido ao norte iraquí, con autonomía política desde 1991, reforzada trala caída do réxime de Saddam Hussein (2003), con capital en Erbil e presidida por Masud Barzani (Partido Democrático do Kurdistán, PDK).

Neste sentido, e a pesares da súa notoria polarización política, desde a ofensiva do EI en Kobanê apreciouse unha inesperada sensación de unidade política entre os kurdos, aspecto que reforza a lexitimidade e popularidade da YPG/Estrela YJA. Esta variable contrastou coa primaria ambigüidade da KRG co respecto á ofensiva do EI entre Siria e Iraq acaecida a comezos de 2014, un aspecto que cambiou radicalmente unha vez as milicias ŷihādistas ocuparon a cidade de Mosul en xullo pasado, perda neurálxico que reforzou a condición de ameaza encarnada no EI.

Esta ambigüidade inicial do KRG tivo similitudes co distanciamento outorgado por Turquía unha vez o EI fortalecía o seu avance entre Siria e Iraq. Como efecto colateral, o goberno de Erdogan, temeroso de observar a potenciación dun Estado kurdo en Oriente Próximo a través do “modelo Rojavᔠcomo referencia simbólica e alternativa incluso para a pretendida hexemonía do KRG como entidade estatal que igualmente implicara unha eventual escenario de inestabilidade no sueste turco onde habita a maior parte da poboación kurda (mais de 15 millóns de persoas), interpretou a ofensiva do EI como a posibilidade de conter ou ben de repeler a eventual concreción dun corredor territorial próximo ás fronteiras turcas, que potenciara o soberanismo e irredentismo kurdo, obstaculizando así os intereses estratéxicos turcos fraguados na desintegración territorial siria.

Non é, por tanto, casualidade que o propio Erdogan suspendera súbita e subrepticiamente as volátiles (e nos derradeiros anos paralizadas) negociacións de paz cos kurdos en Turquía. O ascenso electoral en Turquía do Partido Democrático do Pobo (HDP) nos sucesivos comicios parlamentarios turcos (xullo e novembro de 2015) constituíndose na terceira forza parlamentaria, convenceu a Erdogan na súa estratexia de suspender calquera negociación cos kurdos de Turquía.

Amparado nun nacionalismo kurdo menos radicalizado que o PKK, o HDP engloba igualmente a movementos críticos con Erdogan e o seu partido AKP, así como sectores da esquerda anticapitalista e defensores dos dereitos das minorías, o cal intúe un novo actor dentro do complexo quebracabezas kurdo, que pode compatibilizarse co “modelo Rojavᔠna pretensión de constituírse nunha fronte popular alternativa ante a tradicional hexemonía do PKK, doutros partidos e movementos políticos kurdos.

Todo isto sen esquecer cómo o “modelo Rojavᔠe o HDP poden igualmente contemporizar ou desestimar as pretensións do GRK por eventualmente constituírse como a única autoridade lexítima dos kurdos da rexión, amparada igualmente polos seus contactos exteriores e un fait accompli de intereses favorables a súa causa, en gran medida potenciados polos intereses xeopolíticos de EUA, Israel, Turquía, a Unión Europea e as multinacionais enerxéticas, por fragmentar o contexto xeopolítico rexional.

Estes intereses víanse potenciados ante a actitude do KRG de acadar un tácito “pacto de non agresión” contra o EI na pretensión de non atacar o seu territorio nin afectar o seu radio de influencia política a través do Kurdistán iraquí, un aspecto que mudou coa toma de Mosul por parte dos ŷihādistas pero que non alterou significativamente a “guerra de posicións” rexional acaecida pola irradiación do conflito sirio.

Con todo, os avances do EI na porosa fronteira entre Siria e Iraq e as masacres realizadas polos seus milicianos, afectaron seriamente ás comunidades kurdas, asirias, árabes e turcománs existentes, un aspecto que fortaleceu a popularidade das milicias pershmergas resistentes en Kobanê/Rojavá. Velaí que un factor a tomar en conta será observar en qué medida as demais forzas políticas kurdas (e particularmente a súa crónica polarización) lograrán manexar a crecente popularidade dos peshmergas da YPG/YJA de Rojavá, así como das potencialidades de expansión do seu modelo político autoxestionario.

Sykes-Picot, versión 2016
Aparentemente consolidado o modelo político de Kobanê/Rojavá, a perspectiva de concreción dun corredor estratéxico kurdo entre o Norte de Siria, o Sueste turco e o Norte de Iraq, recrea as potencialidades dos soños soberanistas kurdos de proverse dun Estado autónomo independente, sexa ou non recoñecido pola comunidade internacional.

Con esta perspectiva, Turquía ven fortalecendo os seus contactos coa KRG, particularmente no eido enerxético. En novembro de 2013, Ankara asinou un acordo coa KRG para asegurar a viabilidade de transporte dun oleoduto que transite dende o Kurdistán iraquí ata o porto turco mediterráneo de Ceyhan. Todo isto ilustrado dentro dunha xeopolítica enerxética onde a causa kurda xoga igualmente as súas cartas para diversos actores involucrados no presumible novo reparto de esferas de influencias en Oriente Próximo. Un acordo Sykes-Picot, versión 2016.

Esta concreción de intereses entre Ankara e Erbil causou irritación en Bagdad, o que motivou ao goberno de Barzani a adoptar un novo acordo coas novas autoridades iraquís a mediados de 2014, a fin de moderar un conflito político de corte federalista e de reparto de beneficios económicos.

O KRG xoga a carta enerxética a fin de fortalecer a súa posición dentro do escenario político kurdo. Así, Erbil observa un apoio tácito por parte doutros aliados, como EUA e Israel, cos que xa mantén relacións de carácter informal desde 2004, pouco despois da caída do réxime de Saddam Hussein en Bagdad. Con todo, a concreción de intereses para acabar ou ben conter ao EI, os plans enerxéticos en curso e a política activa do KRG para erixirse como eventual voceiro da causa kurda poden verse contrastados pola popularidade que está cobrando o “modelo Rojavá”, impulsándose estes como portadores dun novo modelo político alleo aos intereses occidentais.

Por outra banda, está por ver cal será a reacción doutros actores como Arabia Saudita (actualmente en fase estacionaria de transición política trala morte do rei Abdulá), Catar e Emiratos Árabes Unidos, os cales fan causa común coa ofensiva da coalición internacional contra o EI liderada por Washington e Moscova pero que observan con receo os contactos enerxéticos existentes entre Turquía, EUA e o KRG.

Outro actor é Irán, implicado desde 2013 nunha estratexia aperturista con Occidente. Cunha numerosa comunidade kurda no norte iraniano, polarizada entre a represión e a domesticación, Teherán igualmente recea da eventual configuración dun corredor kurdo entre Siria, Turquía e Iraq, así como dos intereses xeopolíticos e enerxéticos existentes en torno ao oleoduto que transitará dente o Kurdistán iraquí ata o porto turco mediterráneo de Ceyhan.

Non se deben desestimar, neste contexto de intereses e repartos de esferas de influencia, o peso dos imperativos estratéxicos israelís e de cómo a revitalización da causa kurda, a través da eventual aceptación dun Kurdistán independente vía GRK, permita curiosamente desmontar e desarticular calquera potencialidade dun Estado palestino xa practicamente erosionado e domesticado. Un corridor kurdo vía GRK evidenciaría a desintegración definitiva dos Estados sirio e iraquí, tradicionais rivais israelís, así como serviría de "Estado tapón" que obstaculicen os intereses de Turquía e Irán (os novos rivais rexionais israelís) dentro do contexto de cambios que se anuncian para Oriente Próximo. Nesta perspectiva deben verse tamén os recentes contactos de Israel con Arabia Saudita e Qatar, na eventual procreación dunha fronte rexional anti-iraniana cuxas implicacións poden denotar efectos colaterais como a contención e incluso posible desarticulación estatal de Xordania e Líbano.

A isto debe engadirse os beneficios que para Israel supón a contención e debilitamento dos movementos islamitas (Hizbulá, Hamás, Irmáns Musulmáns) conectados con Teherán, igualmente debilitados polo golpe militar "posmoderno" en Exipto (xullo 2013), que acabou co goberno da Irmandade Musulmá, colocando igualmente a Exipto fóra do xogo do liderado rexional, sometido aos intereses occidentais e israelís e polarizado polos "petrodólares" sauditas. Este escenario corta igualmente a concreción dunha fronte islamita vía Gaza, toda vez un Kurdistán independente de feito a través do GRK suporía un eventual aliado táctico para Israel, que permita recrear o plan estratéxico israelí de "balcanizar" Oriente Próximo.

Finalmente, a audaz intervención rusa en Siria desde setembro de 2015, evidenciou os intereses do Kremlin por impor os seus imperativos estratéxicos. Non é só a base militar rusa da localidade mediterránea siria de Tartus, nin tampouco a necesidade (claramente temporal) por manter en pe ao réxime de Bashar al Asad, principal aliado rexional ruso en Oriente Próximo. A realpolitik de Vladimir Putin busca outros sendeiros, onde a causa kurda pode colateralmente servir de peza estratéxica.

Fragmentar Siria observando un volátil e incerto corredor kurdo permite a Putin “manter en cuarentena” a Turquía, rival xeopolítico membro da OTAN cuxas relacións con Moscova vense deterioradas desde a intervención militar rusa en Siria. Do mesmo xeito, a resistencia kurda en Kobanê ante o EI, potenciado pola ofensiva aérea rusa e confinándoo nunha porosa fronteira entre Siria e Iraq (simbolicamente trazada no acordo de Sykes-Picot de 1916), permite igualmente ao Kremlin crear unha especie de muro de contención ante calquera potencialidade de irradiación ŷihādista no Cáucaso ruso, con especial incidencia en Chechenia, Daguestán e Osetia do Norte, así como cara Asia Central, na periferia estratéxica ex soviética rusa, particularmente relevante para a Unión Euroasiática que Putin impulsa desde 2011.

Putin tamén ten establecido contactos cunha GRK observada como apetecible socio enerxético. A inesperada xira diplomática de Putin por Arabia Saudita e Exipto e os seus recentes contactos con Israel buscan igualmente concretar aliados, vía cooperación económica, dentro da anunciada reconstitución do mapa xeopolítico rexional. Calando militarmente en Siria supón para Putin unha clara advertencia para EUA e a OTAN, particularmente trala crise ucraína e as expectantes e non menos incertas políticas aperturistas de Obama cara Irán, outro tradicional pero non menos inquietante aliado ruso na rexión.

Dentro destes contrastes, a aparición de novos actores dentro do contexto kurdo, sendo estes o “modelo Rojavᔠe o HDP, a contención pausada do ŷihādismo do EI e os imperativos estratéxicos de diversos actores (EUA, Rusia, Turquía, Irán, Arabia Saudita, Israel) na pretensión por procrear un novo establishment rexional, impliquen unha alteración, se ben previsible, dentro da confusa e complexa xeopolítica que está actualmente remodelando a configuración política e territorial de Oriente Próximo.

Esta reconstitución en curso de esferas de influencia tan complexas como confusas, coloca á causa kurda ante un revival do seu potencial de irradiación, con consecuencias sumamente imprevisibles. Está por ver se este presumible momento decisivo para os kurdos finalmente logrará decantarse na prosecución dos seus históricos dereitos soberanistas, ou se ben a pervertida dinámica de intereses estratéxicos por parte de todo tipo de actores implicados nesta reconstitución do mapa rexional, deriven noutro desencanto de promesas incumpridas e veladas traizóns coas que os kurdos tiveron que lidar historicamente.

NOTAS:
(1) Segundo Leyla Agiri, membro da Comisión Executiva da Unión de Mulleres do Kurdistán (KJK), o labor da YJA e da YPJ, así como das mulleres kurdas na defensa de Kobanê, define un novo momento político para o “renacemento das mulleres en Oriente Medio”, dirixido polo Partido das Mulleres do Kurdistán (PAJK), en chave de afirmación feminista como elemento de configuración dun modelo político e cultural alternativo para as sociedades existentes na rexión, en particular da controvertida situación da muller nas sociedades islámicas. Para maior información, consultar: “Kurdistán: la revolución es femenina”, http://elirreverente.cl/index.php/es/unica/internacional/56-elba-lazo
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES