Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Inevitable...?

sábado, 28 de mayo de 2016
Penso que no é discutible que ordenar os pensamentos, os produtos dunha actividade intelectual, debe ser o prioritario para as persoas en xeral e especialmente para as que pretenden asumir funcións de certa transcendencia social, antepoñendo esta orde á dos sentimentos, e a destes á dos actos, porque para ordenar sentimentos e actos necesitamos un criterio previo, e este corresponde ao ámbito do pensamento. Quebrar esta xerarquía trae consecuencias, que os galegos expresamos moi graficamente con esta exhortación: NUNCA POÑAS O CARRO DIANTE DOS BOIS!!!.

Hai certas precaucións na vida, sobre todo no ámbito da acción e do comportamento, que son de caixón: A ninguén se lle ocorre poñerse a construír unha casa, por desexable que a presente a imaxinación, sen un proxecto previo e sen ter asegurada a adquisición dos compoñentes. E por razoamento de pé de banco que isto lles pareza, contamos con exemplos dabondo na nosa sociedade que, por non asumilo seriamente os axentes correspondentes, vense necesitados de dar explicacións ridículas das consecuencias de ter posto os sentimentos irreflexivamente como principios, atribuíndolle a reflexión unha función paliativa das consecuencias.

Isto–supoño que xa vostedes se decataron– é unha doenza moi estendida entre os políticos, onde reina, non un cidadán borbónico, como reza certo infantilismo ilustrado, senón unha peculiar anarquía que adoita manifestarse en tres formas: Como divagación intelectual; institucionalizando criterios morais vinculados a un certo despotismo administrativo que leva á corrupción erixida no cancro das estruturas políticas e de goberno; e entendendo a solidariedade só aplicable ao concernente as relacións máis groseiras e inmorais, de tal maneira que todos, conservadores e progresistas, no fondo, están de acordo en desdeñar o pasado, uns dos outros, sen reparar en condicionar o futuro aos seus respectivos fracasos, converténdoos en acollidos dogmas ideolóxicos, ou rexeitándoos, sempre con vistas as conveniencias instrumentais do presente. (Lembren que xa se fala de partidiños instrumentais).

Se non seguimos o desenvolvemento histórico desta desorde moral e política, non nos vai ser fácil comprender que se constitúe nun vicioso sistema que é absolutamente necesario romper para acadar o camiño dunha aceptable normalización na convivencia social. Pero tamén os cidadáns temos que entender a vontade dos reformadores, aínda que adoptar unha postura selectiva de apoio a eles non é unha tarefa fácil, porque moitos preocúpanse só dos aspectos materiais da sociedade, SEN CONSIDERAR A DISCIPLINA DAS OPINIÓNS E COSTUMES, PREVIAMENTE, PRECIPITANDO OS ACONTECEMENTOS CON ANTEOLLEIRAS IDEOLÓXICAS, E OBSTINÁNDOSE EN REFORMAS PURAMENTE MATERIAIS, INMEDIATAS E RADICAIS.

Velaquí unha perspectiva que nos ofrece ós españois a complexidade coa que se nos presentan as eleccións xerais do 26-X, principalmente porque os candidatos seguen considerando teimosamente INEVITABLES as reiteracións dos erros: insinuar propostas adozadas con vulgares teatralidades e espallamento de bicos a destra e sinistra; apertas a barullo como expresión duns hipócritas sentimentos de converxencia; recurso aos modais dunha mala educación, cando fraquean os argumentos; prodigar atractivas ofertas sen respaldo que as garanten; (...), etc... que, por intranscendentes superficialmente, e ata divertidos ás veces, no deixan de evidenciar unha pobreza, de fondo, de ideas innovadoras, como non se entenda por tales unha aventureira versión das xa coñecidas.

Pero, por outra parte, manterse nas posturas que desencadearon tanta inxustiza distributiva, sen presentar alternativas máis aceptables e esperanzadoras que as envolvidas na estereotipia verbal habitual, pon de manifesto un anquilosamento que harmoniza cos criterios da UE que necesariamente terá que revisar, mais nada aporta nesta liña, nin abre horizontes de esperanza aos electores verdadeiramente necesitados de urxentes solucións económicas: Aquí o silencio dos que deben dicir algo hai que interpretalo, con Georges Duhamel, como UNHA VIRTUDE VELENOSA, porque CANTO MENOS SE FALA (neste suposto), MENOS URXENTES PARECEN AS RAZÓNS QUE SE TEÑEN PARA TOMAR A PALABRA.

Isto lévanos a pensar que os nosos políticos tampouco acertan no uso que fan do inevitable, porque, como dixemos máis arriba, o que deberan evitar neste segundo proceso electoral están a repetilo ata a saciedade, e, non obstante, escúdanse no silencio do que é inevitable.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES