Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Benvida aos poetas de Xistral

martes, 24 de mayo de 2016
Un ano máis, benvidos e benvidas, bardos de Lugo, nesta sala capitular e neste día de venias a todos os persoeiros da nosa cultura, cos picheis cheos do mellor viño e cos covos fondos, ás costas, portadores de palabras enguetadas coma gambitos de ilusións, substantivando adxectivos, adverbializando verbos e os anzois dos relacionantes coma pantoques curvos de grafías, picando sensibilidades, ofertando tafaradas de incenso en pulsións de fumes elásticos e celmuras ao viño novo co resolio das palabras, señoras de alemparte, manifestándose na bóla de cristal dos nosos vates cando o estro fala sotelando como saramagos tristes ou como ledicias alporizadas, unhas veces a golfaróns nos rechuvazos de nós mesmos e outras como avelaíñas nos sorbeirais da regalía.

Un ano máis, aquí, neste sempre lizquente dezasete de maio, cando Manuel María vía a . . .”todalas carpazas/ co lilailo da súa flor” e a primavera “unha nube de verdor”, neste tempo, digo, lizquente, xuntámonos para degraer os seus versos mendiños unhas veces e alporizados e acendidos cando os demiurgos da alma universal e única non tiñan en conta a nosa lingua, o noso espírito, o noso sentimento, o noso relanzo na fala . . .que en definitiva son as choivas dos nosos adentros que fecundan a terra coma gotas do noso sangue.

Grazas a todos e a todas, fecundadores e fecundadoras do noso.
Benvidos e benvidas!

(Texto lido por Xosé Otero Canto o día das nosas letras, na sala de plenos do Concello de Lugo.)
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES