O vindeiro sábado, grazas á iniciativa das asociacións Enriqueta Otero, Asociación de familias de menores trans de Galiza (ARELAS) e a Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) vaise celebrar en Lugo a 1ª CARREIRA DIVERSICORRE, COLOR RUM, por unha vida chea de cor e diversidade, na que participarán distintas categorías. Unha iniciativa innovadora que intenta visibilizar a diversidade social dende unha perspectiva transversal de xeito que sexamos capaces de facer unha fronte común a prol dos dereitos democráticos e do escrupuloso respecto a cada forma de ser e estar na vida. Falar de diversidade e de inclusión equivale a empezar a falar en serio do cumprimento íntegro da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948), adquirindo a obriga social e política de forxar porvires para toda a cidadanía.
A diversidade ten que ser unha fronte común polo benestar que vén defender aquela idea de unión que tan ben describiu Curros:
Todo pra ser grande e forte
se une, xunta e reconchega:
quen á discordia se entrega
vai direito cara á morte.
Tantos anos despois temos que seguir loitando pola unión, na seguridade de que só nesa unión os arrabaldes da sociedade agromarán nas raíces dunha vida colectiva. Coido que o Diversicorre vai ser unha aportación tan singular como fundamental nesta loita porque supón que toda unha cidade se vexa no espello da súa propia diversidade, agasallándoa coa oportunidade de reflexionar sobre si mesma e de recoñecese en pé de igualdade.
O vindeiro sábado Lugo corre por primeira vez pola diversidade. Ogallá esta iniciativa se volva viral, ogallá se estenda e moitas cidades corran, corran e corran ata chegar a aquela cidade do Zeca Afonso, unha cidade
Sem muros nem ameias
Gente igual por dentro
Gente igual por fora
Unha cidade de persoas auténticas, unidas nunha diversidade ceibe e xeradora de porvires na que cando a xente se erga pola mañá e saia a rúa se atope
Em cada esquina um amigo
Em cada rosto igualdade.
A meta do sábado en Lugo é a saída dunha verdadeira loita colectiva polo cambio social.
http://www.carreirasgalegas.com/carreira/1-carreira-diversicorre-color-run/0f9e8049-a426-24cf-d139-39d78f213b61
https://vimeo.com/163878027