Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Loanza para tres etapas de transición

viernes, 13 de mayo de 2016
O final dunha visibilidade: Da Ascensión ao Pentecoste.

No mundo da psicoloxía e mesmo da empresa fixéronse familiares as técnicas da Fiestra de Johari ou os DAFO para collerlle o pulso á vida e ás experiencias: Transformar a vida, afondar a vida. Non sei se é temperamental en min pero sempre me cadrou moi ben o método da Revisión Evanxélica de Vida para mellor aprender sempre a converterse en suxeitos presentes e activos no hoxe de Deus.

Cando comezamos unha actividade ou unha nova etapa cómpre sentarse, buscar o silencio, a oración e a soidade creativa e deixármonos carear coa realidade onde se produce o acontecer de Deus:“Xoán sinalouno presente entre nós”. Analizar ben e con amplitude a realidade na que estamos inmersos. Facer un bo discernimento humano e evanxélico e actuar en consecuencia. Que faría Xesús no meu lugar e nestas circunstancias?

Acabamos unha etapa de transición. Na nosa diocese somos expertos. Na miña acordanza de sacerdote levamos tres. Dúas duraron dous anos cadansúa. E esta última, na despedida e na entrada, está marcada por S.Xoán de Ávila. Coa perspectiva do tempo a miña valoración é altamente positiva. Detrás desta nosa espiritualidade e historia diocesana hai moita riqueza. Eu teño publicados uns breves apuntes pero merecen un estudo serio e fondo, incluso comparativo entre elas. Non creo que outras dioceses teñan tanta riqueza nestas experiencias: O valor das transicións.

1ª.- D. Gabriel Pita da Veiga. Quero facerlle honras. Foi un intre de suma dificultade na nosa diocese e concretamente en Ferrol. Falo porque fun testemuña directa. Non é este o espazo nin o momento pero hai urxencia de recoller memoria viva e vivida. Estamos a desaparecer as testemuñas deste mosaico onde cada tesela particular é sumamente importante. E hai puntos de vista que só unha parcela da diocese coñecemos en primeira persoa. Os papeis son importantes pero non sempre teñen alma e os que escriben non sempre están ubicados no mirador máis axeitado.

A bondade, a santidade, a pobreza económica e o compartir exemplar de D. Gabriel sempre se meteu no corazón de todos en Melide, en Vilalba, en Guitiriz, no antigo Esteiro, en S. Xiao, en todo Ferrol, na Conferencia Episcopal, no Goberno, etc. “San Grabieliño é un santo. Debaixo desa sotana vai roupa e axudas silenciosas para cada familia. Cando volve á casa xa vén sen nada. Só coa sotana. E así cada día”. Era voz común.

2ª.- D. Uxío García Amor. Encontrei con el un sentido profundo do que é sermos igrexa diocesana. En cada retiro, con suma fidelidade, corresponsabilidade e respecto facíanos partícipes das urxencias e desafíos daquela etapa, que seguía sendo altamente dificultosa. Dentro da prudencia debida consultaba as decisións.

Non é preciso falar da humildade e mesmo da timidez de D. Uxío e ninguén dubida do seu saber enciclopédico. Pero, polo menos a min, a súa pedagoxía envolvente na correponsabilidade deume un sentido activo da obediencia e da corresponsabilidade. Graciñas, D. Uxío. Únome a esa homenaxe da que se falou este día pasado.

Cando logo foi tratado vostede daquela maneira, tal vez non sempre soubemos achegarnos coa empatía evanxélica que as circunstancias requirían. Non se trataba de facer frontes contra nada pero si de verbalizarlle: saiba que lle profeso amizade e se para algo lle serve a miña compaña, conte comigo. É moito o que persoal e colectivamente lle debemos. Os seus calvarios pasounos nas soidades dos seus Xetsemanís.

3ª O final dunha visibilidade. O domingo foi a festa da Ascensión. Que facedes aí ollando cara ao ceo? Cando os ácratas escribían nas paredes externas dos cemiterios: Erguédevos.que a terra é de quen a traballa, estaban denunciando o inmobilismo sociopolítico. Estaban facendo profecía laica, pero tamén denunciaban o “comasemprismo” clerical e dos grupos cristiáns. Esa é a grande tentación das transicións: Nihilinnovetur. As persoas non somos estacas e cómpre saírmos.

A nova presenza do resucitado en cada intre histórico fai que os seus seguidores constitúan unha comunidade de vida e salvación na súa igrexa para abrirse á dinámica da vida. Descubrir os puntos claves da misión e actuar sobre eles. Ir ás periferias. Deus acontece nas periferias marxinais e marxinadas e esas teñen as súas urxencias. Belén, Xesús, María e Xosé non podían agardar. Só os pastores foron capaces de responder. Non eran dos do “coma sempre”. Eles eran da elpidía, creaban esperanza na necesidade cotiá. Onde hai una necesidade hai que pór remedio. Na profecía necesitamos distinguir a anécdota da categoría. Ás veces miramos máis ao dedo indicador ca ao obxectivo que amosa a dirección do camiño da esperanza. Levo pensado nesta última transición. Con calma e paciencia cadaquén estivo onde debía estar. E o balance, polo menos a min, sáeme moi positivo.

Sería mellor se viñese inmediatamente un bispo residencial? Pois penso que foi ben así. Aprendemos a descubrir e a vivir con responsabilidade: Que nós somos igrexa, agora e aquí. Igrexa de Cristo resucitado. Que nos doe e nos importa o noso pobo e as súas realidades: Un Ferrol perdendo poboación por milleiros cada ano. Paro. As grúas sen movérense e enferruxadas. Novamente a emigración. Mortes violentas de mulleres. A droga queimando o mellor dos nosos fillos. O despoboamento do campo e o desamparo estrutural no caso das explotacións leiteiras e gandeiras coa desesperación metida nos berros dos seus gandos. Ver as nosas casas baleiras e caendo por todas partes. A pesca e os mares maltratados e o sector naval a meirande parte das veces cheo de promesas falsas. A sanidade e a escola cada vez chegan a menos familias e volvemos a quedar sen a xuventude mellor e máis preparada. A marxinación aumenta de modo alarmante e na nosa diocese aínda máis ca na nosa Galiza, etc.

Vemos con dor esmorecer a lingua e a cultura milenaria, na que a igrexa non sempre está libre de responsabilidades. Aínda que logo presumamos da escola poética do Seminario de Mondoñedo. Sabemos ser fieis custodios tamén desta herdanza sagrada?

Ben. Pois neste ano non deixamos de ir ás periferias, de sermos unha igrexa en saída. Porque a nosa tarefa vocacional coa forza do Espírito de Pentecoste, é ser profecía evanxelizadora dun Xesús Cristo resucitado que acontece no aquí e agora persoal e comunitario. Mesmo tivemos tempo e oportunidade para valorar que un bispo é unha bendición se sabe ser principio de coordinación e boa orientación, se sabe escoitar os xemidos inenarrábeis do Espirito en cada persoa e situación, se sabe vivir e sinalar a presenza da encarnación de Cristo nas realidades máis pobres, non só con palabras bonitas senón coa xustiza profética, se se inclina polo pobre e polos empobrecidos deste sistema, se se compromete con caridade na acollida samaritana dos fillos que hai que amosarlles de novo o camiño da casa do Pai bondadoso que nos agarda e espera, etc.

Se o fai ben, vaia se o bispo é unha bendición! Madia!

Toda esta espera vivímola sen agoniarnos, con paciencia e esperanza. Incluso fomos capaces de crear pequenas grandes alegrías e solidariedades que pensabamos imposíbeis. E aquí temos de darlle moitas grazas a D. Antonio Rodríguez Basanta, Toño, o noso Administrador diocesano. Os Vicarios Capitulares, agora Administradores, teñen a vantaxe de coñecen ben as persoas, a diocese e as súas urxencias. Os tres que tivemos tiveron unha altísima calidade.

Querido Toño: Agora que xa non tes o mesmo poder é precisamente o tempo de sermos agradecidos contigo. Eu quero facer unha valoración persoal: Como Administrador diocesano fuches moito máis ti e o servizo foi moito máis adecuado en sensibilidade, acerto, altura e calidade. Tamén é certo que fomos conscientes de remar todos a prol de facilitar o labor e non deixar que sufrises máis do debido por causas alleas vindas de fóra do servizo da Igrexa. Podes estar gozoso do teu servizo. Nós estámolo de ti.

“Os días cos seus gozos e as súas penas foron deixando ao pasar marcas na alma. Igualiño ca os nosos pés, ao camiñarmos, sinalaron o sentido da marcha coas pegadas. Abrollaron nas silveiras do camiño pequenas flores brancas de esperanza. E non afogaron as espiñas a tenrura nacida do amor que as chamara. Escorrenta o desacougo do teu pobo, se nube luminosa no deserto, se forza recobrada no descanso, mañá, esperanza e horizonte sempre aberto”. Amén. Aleluia! (Himno de vésperas).

Grazas, Toño. E tamén aos outros que máis de pertiño che axudaron. Foi unha boa labor en común. Somos Igrexa peregrina de Deus.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES