Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel María: A viaxe a Foz

domingo, 15 de mayo de 2016
(Artigo do poeta para o libro de festas do verán de 1982. Arquivo de Suso Fernández).

Servidor que, dende hai moitos anos, escribe versos por vocación e algunhas veces por vicio, ten que confesar que Foz, pra él, é moito mais que un tema para unhos versos de xogos florales. Foz é un ollo vixiante e humán desta terra galega, aberto para contemplar e gardar o vello mar dos ártabros que, nos días de hoxe, se chama mar Cantábrico.

Normalmente achégome a Foz polo menos unha vez ó ano como o cuco. Mais sempre con demasiada presa. Sen tempo para falar cos amigos, pra beber unha taza e pra pasear un pouco demoradamente os camiños da vella vila. Cando un pasa por Foz en auto non se entera de nada, non escoita a música labrega do regato de Colín -¿“colín” non derivará de “caolín”?- nin as ondas aínda sen domar, pese a estar xa contaminadas, da Praia de Llás. Nos ollos do viaxeiro queda a visión dunhos edificios desformes, que pechan a armonía desta paisaxe increíble. Estes edificios enormes e broncos, esóticos, que tan mal casan que seu entorno, froito da especulación do chao, cecais que non se afaigan no lugar que os puxeron, e que, aburridos, un día calquera se tiren ó mar e morran afogados. Agardemos que o insólito se produza algunha vez. Daquela Foz recuperará o seu ritmo e a súa medida de vila mariñeira, labrega e progresiva. O progreso ten que estar ó servicio do home e non o home ó servicio do progreso.

Para un labrego de vocación, nativo da Terra Chá, Foz é un lugar no que se atopa moi ben. Porque Foz é tanta terra como mar: un equilibrio feliz, xusto, armónico e humán.

Hai pobos e ciudades desta terra luguesa, cuia vida pasou a letras de molde en libros inesquecibles. Neste senso tiveron moita sorte Viveiro e Monforte de Lemos. Lugo capital ten en Anxel Fole un cronista extraordinario. O seu “Cartafolio de Lugo”, espallado nas llanas dos xornais, o día que se xunte nun libro -que non nos explicamos como non está xa impreso- vai ser chave mestra que nos abrirá a fondo a misteriosa intimidade da cidade. Foz precisaba un libro que transcendera da guía turística. Un libro que describira a paisaxe, que descubrira o segredo das vellas rúas baixando cara á ría, que cantara a vida das súas xentes, a historia das súas tabernas, os lances das súas costeiras do bonito e a ledicia das súas romerías. E, sober de todo, que nas súas follas, se sentira o bruar do mar alporecido e o son das credas petando contra a Pena da Rapadoira. Sinto non poder vivir en Foz longas tempadas pra intentar escribir ese libro que Foz merece. Gustaríame que algún amigo, focense de nación, puxera maus á obra.

Unha vella identificación persoal coa terra e o mar de Foz e a amistade con moitos dos seus veciños, obríganme a interesarme por todo o focego; incruso, como home de terra adentro, foi en Foz onde descubrín que o mar é moi grande e o home moi pequeno e que hai moita desproporción entre ambos.Esta é a razón pola que servidor cando se achega ó mar toma as súas precaucións. Por si acaso.

(Suso Fernández, amigo persoal de Manuel María, é Cronista oficial de Foz).
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES