Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vacas

lunes, 09 de mayo de 2016
Se vostede, benquerido lector, as mantén cercanas, coma min, no ronsel que guía a súa memoria infantil, estou ben seguro de que aínda se arrepía coas imaxes que hai unhas semanas publicaron os medios de comunicación, dunha chea de preas confundidas co xurro da súa propia descomposición e outra chea de exemplares sucios e esfameados, coma se acabasen de seren rescatados da boca mesmo dun forno de cremación.

Eu non sei a vostede, pero a min aínda hoxe me fan situarme no lugar do seu desesperado propietario e ó tratar de revivir os días previos ó desenlace do caso, colonizado pola impotencia e a inanición, non dou valorado canta dor de corazón tivo que sufrir o granxeiro ó ir vendo cómo, día a día, ían caendo unha tras outra, coma moscas, de fame e de infección, sen poder facer outra cousa ca acompañalas na súa irracional dolor.

É certo que o caso tivo repercusión mediática, aínda que ó meu ver un tanto desenfocada, pois no canto de ter sido colocada na sección de sucesos, debería ter sido abordada dende a perspectiva económica ou mesmo social -por máis que fosen animais os seus lamentables protagonistas-, pois no fondo non deixa de ser un penoso exemplo da complicada travesía que está a atravesar o sector leiteiro en Galicia.

O caso é que no transcurso desta semana volvín ler outras noticias sobre vacas que tamén repararon a miña atención e que son as que a xeito de insólito contraste me levan a traer de forma extemporánea a información do coitado granxeiro, a esta columna.

E é que a principios da semana escoitei na radio que un colectivo feminista de Murcia -penso- seica escribiu un manifesto contra o consumo de leite.

Baixo un epígrafe reivindicativo, titulado "los lácteos son machistas", as "feministas contra la explotación de nuestras compañeras" aseguran que "los productos lácteos se obtienen de la explotación de animales hembras, principalmente vacas y cabras, que son nuestras COMPAÑERAS, y no debemos permitir que eso siga ocurriendo". De traca!

E por último, hai tan só dous días que a miña capacidade lectora volveu facer unha paradiña noutra información "vacuna", que aseguraba que uns científicos acaban de descubrir que a introducción dunha molécula no aparato dixestivo dos rumiantes axudará a reducir a expulsión de metano nas periódicas "faltulencias" destes animais e que iso redundará nunha significativa reducción da temperatura global da terra e unha mellora, pois, na loita mundial contra o cambio climático. E olé!

En fin... Que mortas de fame, humanizadas ata o punto da sindicación ou transformadas en perigosas factorías contaminantes, as vacas seguirán aí, contando sempre coa miña solidaria comprensión.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES