Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (V)

viernes, 29 de abril de 2016
Cómpre evitar a agonía dun barrio

Un hospital é moito máis ca un edificio onde se atende ás persoas enfermas. É tamén un centro que xera movemento económico e comercial. Crea postos de traballo e activa a presenza de visitantes que dan actividade á zona onde estea instalado. O peche dun hospital ten sempre unha repercusión negativa na vida do barrio, que se ve desposuído dese centro xerador de actividade social e saúde colectiva.

Así sucedeu en Lugo (1). O Hospital Xeral pechou en xaneiro de 2011, despois de 37 anos de servizo. Arredor deste centro medrou un dos barrios máis activos da cidade, A Residencia. Moitos negocios naceron á súa sombra e os seus propietarios, desde moito antes do traslado ao novo Lucus Augusti, clamaron en balde para que a zona non quedase abandonada e que se buscase unha nova utilidade aos edificios. Os responsables da Administración prometeron: podería ser un Punto de Atención Continuada (PAC), ou laboratorio de saúde pública, ou centro socio-sanitario, ou a nova comisaría da policía nacional. Non foi nada deso. Pasou o tempo e, a primeiros de 2016, diversos representantes da Xunta visitaron a zona para comprobar como o antigo hospital presenta un importante deterioro e está a punto de derrubarse (2). A Administración recoñece que non ten ningún plan para utilizar estes edificios. Mentres tanto numerosos negocios pecharon e o barrio empobreceuse de forma evidente.

En Vigo está a suceder a mesma historia. No proxecto redactado polo goberno progresista estaban descritos os usos alternativos que terían os edificios abandonados do CHUVI e Meixoeiro. Cando o goberno de Núñez Feijoo variou o rumbo para entregar a mans privadas a construción e xestión do novo hospital tamén se esqueceu de establecer unha actividade diferente para os edificios baleiros. Como xa alertaran os colectivos veciñais antes do traslado o peche do Hospital Xeral está a provocar un deterioro económico e social do barrio. Tamén reclaman, xunto con SOS Sanidade Pública, un uso sanitario (3) para as infraestruturas baleiras, co dobre obxectivo de dar resposta ás necesidades sanitarias da área e, tamén, contrarrestar a perda de actividade comercial da contorna. A perda xa resulta evidente: hai negocios que comezan a resentirse4 e 52 dos 66 que seguen funcionando están en risco de pechar a curto ou medio prazo. A primeiros de 2016, catro meses despois do traslado, había xa catorce negocios pechados e unha redución global dos ingresos dun 80%.

Pero ademais, segundo sinala SOS Sanidade Pública, a carencia de servizos sanitarios da área é notable. O abandono do Plan de Recursos previsto pola anterior Administración para garantir a asistencia sanitaria integral de toda a poboación, está a deteriorar a atención en toda a área sanitaria. Esta organización reclama que se lle dea un uso sanitario aos edificios (PAC, Centro de Alta Resolución, reubicación de consultas, etc), para que os servizos ofrecidos no Xeral poidan desconxestionar o servizo de urxencias do novo hospital. Pero a Administración semella máis preocupada por garantir os beneficios da concesionaria que de procurar unha boa asistencia sanitaria aos cidadáns. E mentres o barrio olla, impotente, como o seu tecido económico e social vai esmorecendo.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/


NOTAS:

1. http://praza.gal/movementos-sociais/1206/o-barrio-que-morre-pola-marcha-do-hospital/

2. http://praza.gal/movementos-sociais/11165/asi-se-derruba-o-antigo-hospital-de-lugo-co-que-a-xunta-ainda-desconece-que-facer/

3. http://praza.gal/movementos-sociais/10642/piden-aproveitar-a-infraestrutura-do-hospital-xeral-de-vigo-para-usos-sanitarios/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES