Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Mystic River de Antía Nara

miércoles, 27 de abril de 2016
Levo días deixando que pouse en min o barruzo pensatibre que se ergueu tras a lectura de O Mystic River de Antía NaraCara ao leste.

Ben pouco sabía da traxectoria da autora, unha voz podente que se agocha tras o nome literario de Antía Nara. Apenas que publicara vai para unha década Aquel lugar (2007), novela de viaxes exteriores e interiores coa que velara as primeiras armas da escrita.

Moita febra hai neste Cara ao leste. Entidades de vulto como o tempo, a identidade ou a terra e aínda outras como a amizade, a complicidade e o amor ou os reversos do rancor, a ambición e a vinganza poboan as páxinas deste libro, no límite da novela curta coa narrativa de longo alento.

Catro mulleres do rural, mozas emprendedoras, deciden crear unha cooperativa e modernizar o agro na súa contorna. O seu idealismo anovador bate de fronte coa renartería especuladora dun veciño construtor. Polo medio, un incendio inesperado que sega o seu futuro, que fai que se torza o eixo de rotación planetario das súas vidas e, a partir dese momento, inicien unha deriva que as conducirá á vivencia dunha sorte de diáspora interior, nalgún casos, e mesmo a unha xorda emigración real, noutros. As catro mulleres volverán O Mystic River de Antía Naracoincidir no epicentro do seu pasado co gallo do velorio da tía dunha delas. A convivencia nesa xornada e nas horas previas á mesma é a escusa perfecta para que volvan reformularse os pasos dados, as decisións que (non) tomaron e os camiños que (des)andaron dende o fatídico día no que os seus soños de futuro se volveron cinza entre as lapas.

A traxedia que aboia no ar do relato mastígase no rumor solermiño do que non se di e só é insinuado. A violencia faulkneariana amagada tras das sombras do que se calou acaba por estourar, fundindo a liña do tempo nun presente delongado e estático onde a catarse se produce pola xustiza poética que reequilibra o cosmos.

En paralelo a todo este redefinirse nos vieiros que ficaron atrás, hai tamén un xogo de espellos transtemporal, que asenta na comparanza entre certos modos do agresivo da vella tradición caciquil galega e o rexurdir neonazi na Alemaña actual, confirmando a inmutabilidade dalgunhas miserias éticas.

Polo camiño, acode un repensar das encrucilladas vividas por cada unha das personaxes protagonistas e das que a estas rodean. Porque a percepción da imposibilidade do regreso a un tempo e un lugar, o inexorable do fluír vital que priva da volta ao leito do río no que ancoramos noutrora abanea coa contrabalanza do fatum que debe cumprirse para que se restaure a harmonía crebada, como nas mellores traxedias gregas. É o Mystic River do relato de Nara, pois, como na novela de Dennis Lehane e, sobre todo, na popular cinta que sobre dela dirixiu Eastwood, tamén aquí o reencontro é unha anagnórise tan lacerante coma necesaria.

Narrada coa habelencia propia de quen sabe que a suxestión persuade máis e mellor que a obviedade, Cara ao leste de Antía Nara é a recuperación do complexo mundo de al-Luaira e as súas xentes, protagonistas xa da novel Aquel lugar, un territorio de desacougo telúrico que atrapa aquí no engado dun cataclismo inesperado e inquedante.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES