Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Enrique Peinador Lines e o Galeguismo Ourensán

martes, 26 de abril de 2016
O profesor e historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez, que é un avezador investigador capaz de explorar fontes agochadas para reconstruír páxinas da historia de Galicia, aceptou a encomenda de escribir a biografía de Enrique Peinador Lines, o empresario de máis proxección internacional que tivo Galicia no primeiro terzo do século XX. Un descoñecido para moitos empresarios empeñados en alimentar o discurso da contradición entre os negocios e faceren ao tempo propósitos de galeguismo. O Foro E. Peinador fólgase dos resultados acadados nas pesquisas do investigador.

Enrique Peinador Lines, propietario do Balneario de Mondariz e das augas mineromedicinais, foi o precursor da responsabilidade social corporativa, da filantropia e mecenado. O seu activismo galeguista foi decisivo na organización das Irmandades da Fala, e a partir do ano 1931 cando se constituíu Partido Galeguista. En ambas as dúas organizacións tivo un papel sobranceiro. Mesmo durante o tempo da sublevación militar do ano 1936 intentou na clandestinidade reorganizar o partido ata o seu falecemento acaecido o 20 de xuño de 1940.

As súas inquedanzas galeguistas víñanlle de vello; pois xa figuraba desde a súa fundación co número 15 no censo de afiliados da Irmandade Nacionalista Galega que dirixía Vicente Risco a carón de Álvaro das Casas, Manuel Banet Fontenla, Ramón Cabanillas e outros coñecidos intelectuais.

A teor da correspondencia rescatada polo biógrafo temos constancia da estreita relación de amizade que mantivo cos intelectuais ourensáns da Xeración Nós, que o admiraban e solicitababan a súa mediación en moitas ocasións.

Con data de 3 de setembro de 1923 Vicente Risco outorgáballe poderes así : “Eu, Vicente Risco Conselleiro Supremo da I.N.G autorizo e dou a miña confianza prena ós irmáns Enrique Peinador Lines, Manoel Banet Fontenla e Antón Lousada Diéguez, para que, conxuntamento, ou calquera d´iles, precisen unha fórmula para chegarmos a un acordo coa Irmandade da Fala da Coruña”. Pretendía Risco poñer a salvo a unidade das Irmandades ameazada polas diverxencias estratéxicas que xurdiran entre elas, e Peinador foi o mediador. ”En fin, teño a satisfaición de poder pensar que namentras haxa quen da causa se preocupe coma ti e coma min, iremos para diante”, dílle Risco.

Pero aínda houbo máis ocasións nas que Peinador foi útil á causa. Cando a revista Nós deixou de editarse durante dous anos, 1923 e 1925, unha vez máis Risco diríxese a Enrique Peinador, o “abastado oficial“ do galeguismo, demandando axuda económica para que a revista se volvese editar, confirmándolle a colaboración solicitada.

O 14 de abril de 1935 escríbelle Otero Pedrayo unha carta solicitando a súa mediación para que Vicente Risco non abandone o Partido Galeguista: “Vostede que estaba presente, sabe como se desenvolveron as cousas na IV Asemblea do Partido. Mais o Risco non está conforme. Sofre moito i-a min dáme moita door miralo sufrir. Dóelle na ialma arredarse do Partido, e vaise arredar por escrúpulos de concenza galeguista que considerada magoada pol´a direición política do Partido. Mais se o Risco se vai iránse outros e abonda a saída de Risco para nos magoar a todos. Eu penso que vostede podería faguer algo aconsellando a Risco i-eispondolle as razós que considere Vde. co seu grande galeguismo, oportunas, sen falar para anda de ista carta miña pois élo sería peor”.

Pero desta volta Enrique Peinador Lines xa non puido facer nada; porque son ben coñecidas as diferenzas políticas que foron insalvables. Vicente Risco con outros máis escindíronse constituíndo Dereita Galeguista. Peinador quedou cos que foran partidarios de iren ás eleccións en coalición na Fronte Popular.

O próximo día 5 de maio o Foro E. Peinador, no marco da celebración do “Día da Galeguidade Empresarial”, honrará a memoria dun empresario egrexio, de éxito nos seus negocios, ilustrado e galeguista. Presentarase a súa biografía coincidindo coa descoberta dun monumento do escultor J.Molares nos xardíns da Escola Universitaria de Estudos Empresariais en Vigo, a ubicación máis natural para que o alumnado teña un referente na historia económica de Galicia a quen imitar cando asuman postos de xestión e dirección empresarial.

Xosé González, é Presidente do Foro E. Peinador.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES