Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel María (I)

jueves, 21 de abril de 2016
Entre o moito que xa se escribiu, se segue escribindo e se escribirá sobre Manuel María con motivo de que se lle dedique, moi atinadamente, este ano o Día das Letras Galegas, tamén quixera unir a miña voz, aínda que sexa feble e quebrada á homenaxe. A ocasión xa ma brindou Félix Villares Mouteira pedíndome un artigo prá revista dos alumnos do Seminario de Mondoñedo “Amencer”, que el fundou e dirixe desde hai nada menos ca 34 anos, conseguindo que “Amencer” e xa sexa Mediodía radiante. Dese artigo entresaco agora algunhas cousiñas.

Antes de Manuel María xa foron homenaxeados coa dedicatoria de día tan sinalado os chairegos Xosé María Díaz Castro, hai dous anos, e no 1986 fórao Aquilino Iglesia Alvariño. A Ringleira dos escritores chairegos que están á espera deste recoñecemento é moi longa. Por entrecoller só algúns: Xosé Crecente Vega, seu primo o grandísimo poeta Francisco Vega Ceide que, aínda que tén moita obra en castelán, tén en galego máis ca varios dos homenaxeados, Avelino Díaz e un moi longo et cetera, ou sexa: moitos máis

Confiemos e fagamos o posible porque, no caso de Manuel María, non pase como no de algúns outros prós que a dedicatoria do día das letras galegas significou o derradeiro cabodano e o paso ó case total esquecemento. Que non se poida aplicar aquí aquilo de: “Pasou o día. Pasou a romaría”. Co Manuel non pode acontecer o mesmo aínda que o despoboamento e as penurias de labregos e gandeiros sexan causa de que: “Non canta na Chá ninguén”, ou de que xa non queden nenos pra faceren “Un aradiño de pau”.

Con toda fachenda, e sen ningún pudor proclamo que me honrou -e honroume moito- coa súa amizade o Manuel, o inventeiro (do latín invenere, descubrir algo que xa existía) da Terra Chá, da Chaira, ou da Valuria de Otero Canto.

Na chaira o Manuel vía o mundo enteiro e por iso desde ela fíxose universal, mal que lles pese a algúns urbanitas que cren que o de chairego foi para el accidental, e que hai que falar do Patriarca de Galicia, ou Galiza, esquecendo as súas raíces.

Como Manuel era moito meirande ca min en corpo e en alma, pra falar comigo tiña que dobregarse un chisco máis do seu habitual dobregamento de cada día. Pare aínda se dobregaba un chisco máis cando a faladura era pra pedirme, en voz baixiña, un Ducados, un BN ou o que se terzase con tal de que ulise a tabaco. Logo saboreábao ás agachadas tomándolle gusto de paso ó que el cría un engano, sen selo, á súa sempre tan fermosa Saleta.

Non tardou en chegar o momento no que xa non tiña que pedirme un cigarro con palabras. Entendiámonos cos ollos. Claro que o Manuel tiña uns ollos elocuentísimos. e se non, reparade en calquera foto que vexades del.

El, un labrego poeta, ou quizabes mellor: o poeta que prestou a voz ós labregos, foi e é pra min un referente en moitos aspectos que nunca cheguei nin chegarei a igualar. Citarei só algún: No amor, valoración e defensa do noso, que é por onde empeza o amor ó próximo pra ir do concreto ó máis universal. Ninguén é cidadán do mundo se non é primeiro de algures. No seu aplomo convencido e contundente, pero non desde talibanescos dogmatismos, senón desde o raciocinio e a tolerancia.

No seu respecto e valoración do relixioso, posto de manifesto no seu gusto, confesado a Emilio Sinde e a min, por falar en igrexas, e en escritos como a novena a Santa Isabel ou os poemas de Nadal e o desexo manifestado a Alfonso Blanco dun funeral na capeliña da Santa Isabel. E, dende logo, no xeito de escribir, capaz de poñer os máis altos conceptos ó nivel dos nenos, porque escribía desde o corazón e non coma outros que o fan desde o cabreo e desde o pescozo pra riba, sen pizca de sentimento.

Tiven a satisfacción de estar no Auditorio Carme Estévez de Vilalba o día 15 de febreiro do 2003. Día no que o xa Patriarca da tribo chairega foi recibido na Real Academia Galega, en atención “á súa extensa obra, expoñente do activismo político, e que representa a conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega”. Completo con palabras miñas: “e coa humanidade e o humanismo”.

O comisionado pra darlle a entrada foi Xosé Luís Méndez Ferrín, que máis ca aparentar que estábamos nunha festa, levaríanos a crer que estivésemos nun velorio. El non tén culpa de andar habitualmente con cara de poucos amigos, pero tamén me parece que non fai moito por disimulalo.

O discurso do Manuel: “A Terra Chá. Poesía e paisaxe” foi memorable. Puiden atopalo máis adiante en internet e repásoo de vez en cando. Se tivese vagar e a cabeciña me respondese, pagaba a pena aprendelo de memoria, pero nunca sería capaz de dicilo co ritmo acompasado nin coa solemnidade e voz repousada e profunda do seu autor. Tamén está en internet a resposta de Ferrín, que tampouco é mala. Desta eu lembraba que dixera algo así como que con Manuel María entraban na Real Academia as aldeas de antano, as zocas, os bidueiros e os labregos.

Recordo iso, porque sei que lle comentei polo baixo a Xulio Xiz que estaba ó meu carón, ou eu ó del: Esas cousas xa entraron na Real Academia Galega con Xaquín Lorenzo, Xocas. E se a estas alturas non teñen entrado, tarde piaron, porque xa se acabaron as zocas e estanse acabando os labregos e labregas que puidesen poñelas.

Tamén falou no acto outro bo amigo e gran escritor chairego, Darío Xoán Cabana. Elocuentísimo coma sempre, pero neste caso, e con toda confianza o digo, foise quentando e o seu discurso foi máis un mitin político dado, entre outros, a moitos nenos dos colexios de Vilalba alí presentes, ca unha peza literaria como só Darío é capaz de facela en honra doutro poeta.

Foi un día memorable. E pra min, foino ademais por outro motivo; porque aquel día confabuláronse, Alfonso de Guitiriz, Xulio Xiz, Emilio Sinde e Suso de Foz, pra pediren que o Concello de Castro de Rei me declarase Fillo Predilecto. Nunca lle lo perdoo, porque agora teño que sentirme irmán de todos, aínda que algúns me torzan a cara, e maldita graza me fai!
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES