Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A maleta africana de Adou

viernes, 22 de abril de 2016
Ten oito anos. Tentaron pasalo pola aduana de Ceuta. A maleta embarazada de neno foi detectada polo escáner. O pai, Alí Ouattara, chegou en patera en 2006. Da rapaza marroquí que carretaba maleta con neno ninguén fala. E comenzou o circo mediático. Ata de Xapón chegaron equipos de televisión. A nosa quere levar á pantalla esta historia chea de azucre e bágoas. A miniserie rematará con Adou nos brazos da nai. A familia feliz e o pai na cola do paro en Fuerteventura. Se cadra, Adou, un resistente, acabará xogando cos outros nenos.

Con seguridade na televisión xaponesa, na miniserie indíxena para pasto de parvos, non contaron o que non viña dentro da maleta de Adou. Nin se preguntarán por que esa familia, centos de miles de familias escapan de Costa de Marfil, foxen de Senegal, marchan de Chad, emigran de Nixeria. Nin indagarán as causas das migracións bíblicas que están a baleirar África dos máis novos, os máis fortes, os máis formados.

Nin a televisión xaponesa nin as indíxenas contarán o que denuncia o último informe Oxfam. Que as multinacionais do mundo rico eludiron o pago de 9.700 millóns de euros en impostos fiscais, cantidade abonda para limpar de ébola Sierra Leona, Liberia e Guinea. Ou que en 2010, último ano do que se ten datos, esas multinacionais evitaron pagar 35.000 millóns de euros. Para estas multinacionais USA e a CE están a negociar un tratado á medida, o TTIP. Michel Camdesus, exdirector xeral do FMI declara que os cálculos sobre a escala do blanqueo de capitais son inimaxinables, entre o 2% e o 5% do PIB mundial.

Se falta xustiza, a boa conciencia occidental manda ONGs, mentres Winnie Byanyima, directora executiva de OXFAM denuncia que África perde miles de millóns porque as poderosas muntinacionais enganan aos gobernos africanos non pagando os impostos que corresponden. Se eses inxentes ingresos fiscais se investiran en educación, desenvolvemento e sanidade as economías africanas non permitirían viaxes como a maleta de Adou, caiucos como o do pai, ou a invasión de vermes humanos derrotados agatuñando polos valados de Ceuta ou afogándose nas viaxes sen retorno en Lampedusa.
A evasión de capitais é unha das principais causas da pobreza africana. O 40% deses movementos ilícitos vén de países como Nixeria, que non exportaría prostitutas se non fora espoliada polas grandes compañías petrolíferas.

Pero ai, a televisión xaponesa toma imaxes de gran calidade. As televisións indíxenas abren cun primeiro plano a maleta. Adou. Paneo ata os brazos da nai. Azucre disolto en bágoas. Toneladas de ONGs con vaselina en África. Na maleta faltan 35.000 millóns de euros en 2010, 2011, 2012, 2013, 2014... que engordan os balances das multinacionais. Pero faltan na maleta de Adou.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES