Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A gloria do sol nas paisaxes

viernes, 15 de abril de 2016
Na Terra dos Mil Ríos, no País da Auga, a chuvia non é sinónimo de mal tempo. De feito chove menos e os expertos en meteoros avisan de que a primavera será máis seca. Unha mágoa porque a choiva constrúe as paisaxes, pinta con cores novas, éche a nai de ecosistemas hoxe estragados.

Nas vacacións houbo xente que viaxou lonxe á busca do paraíso perdido. Deles, uns poucos, os que acaparan a riqueza vivindo por riba das nosas posibilidades gozou de luxos e das paisaxes máis exclusivos do planeta. A inmensa maioría inventa o seu pequeno paraíso ás portas da casa nesta primavera que, agora si, está a rebentar nas costuras da terra.

A gloria do sol nas paisaxes tamén está ameazada. Na veciña Ourense a mimosa, acacia australiana, ocupa moitos centos de hectáreas no Ribeiro e ameaza especies autóctonas. De difícil erradicación, sinala a nosa irresponsabilidade ecolóxica e a un goberno miope que non ve porque non mira.

Na Galicia costeira, e avanzando cara ao interior, medra imparable o monocultivo do eucalipto. Velaí outro invasor que ameaza as paisaxes, con máis presión aquí sobre o territorio que nos antípodas onde era orixinaria. Nas Penas de Rodas a presión de eucalipto está a borrar a mirada sobre a Terra Cha, sobre a Corda. Sen control, é un perigo para a riqueza da terra, da auga e das paisaxes.

En Lugo aínda podemos gozar, por canto tempo? das paisaxes orixinarias. Dende o centro da cidade ata as carballeiras, ata as beiras do Miño ou do Rato chégase andando. A primavera mostra a ameaza sobre os bosques de ribeira tan necesarios. Os ameneiros ou amieiros, moi afectados por fungos, van despoboando as beiras dos ríos de árbore tan necesaria. Nas pradarías, as flores miúdas, as froriñas ventureiras vístense con máis cores, con máis luxo, con máis gloria que o mesmo rei Salomón. E 'os paxariños que non fían, nin tecen, nin teñen graneiro', terman da vida e da familia sen medo a hipotecas.

A gloria do sol viste a nosa primavera. Éche unha mágoa que nas paisaxes sociais, nas paisaxes humanas cunha demografía minguante, nas paisaxes económicas galegas segue o frío do inverno, a vida suspendida que non atopa condicións para agromar.

Paseando polas beiras da primavera, coa música da auga, co silencio das pedras, quilómetros de vida estoupan nas sendas do pai Miño, nos parques da cidade, na Carballeira de Fingoi, na paisaxe senlleira do río Rato. Espertan preguiceiras as árbores máis sabias, esculturas do tempo, os carballos.

Nunha primavera máis das mil que arelaba Cunqueiro para Galicia agroman os versos de W. Wordsworth: "Aínda que xa nada / poida devolver a hora do esplendor da herba / da gloria das flores / non hai que laiarse / porque a beleza perdura sempre no recordo".
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES