Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Liberdade e solidariedade

jueves, 14 de abril de 2016
Estamos vivindo nuns tempos nos que o necesario equilibrio e harmonía entre a liberdade e a solidariedade brillan pola súa ausencia. E cando as crises de todo orden, no só as económicas, asestan fortes golpes a convivencia e benestar das sociedades, é xustamente cando máis se deixan sentir eses desequilibrios e desharmonías no seo das mesmas.

Non vamos a meternos a definir que se entende por “liberdade” e “solidariedade”, quedémonos co uso coloquial destes termos e conceptos, que, por outra parte, nas mans da erudición especializada contan cunha abundante, e non sempre concordante, literatura semántica, a veces pouco rigorosa en si mesma pola apropiación interesada que se fai dos termos para adaptar os seus significados aos intereses particulares dos grupos.

Esa expresión tópica, que eu non me escuso de utilizar a veces, de que A LIBERDADE DE CADA UN COMEZA ONDE TERMINA A DOS DEMÁIS, co engadido de que DEBE DEIXARSE LIBERDADE AOS OUTROS PARA QUE ACADEN AS METAS QUE SE PROPOÑAN, élles un conto máis, unha pirueta retórica que soa moi ben e di pouco aproveitable.

Imaxínense vostedes que ese “debe deixarse liberdade” se aplicara a moitas situacións, algunhas ben recentes, como os PAPEIS DE PANAMÁ. Acaso non estaríamos defendendo unha concepción da vida como un espazo da competencia, onde o máis forte tira dos seus intereses en prexuízo dos máis débiles e desprotexidos?.

Desta maneira, evidentemente, a liberdade acaba sendo incompatible coa fraternidade, e tamén coa solidariedade, polas actitudes que non só as poñen en perigo de esvaecemento, senón que levan a actuar con total ausencia das mesmas. E penso que non é necesario esforzarse moito para encontrar, agora mesmo, en Europa o máis vergonzoso paradoxo exemplar que o confirma.

Si..., esa Europa que despachou con optimismo en Lisboa un tratado cheo de lagoas (e ata o inflou de pretensións constitucionais), cuestionando os valores recibidos dunha cultura cristián (da que non saben os supostos homes de prol!, nin poden...!, saír sen utilizala, aínda que sexa retoricamente), agora da solucións aos fuxidos con virtualidades crematísticas, disolvendo o CUALITATIVO da fraternidade e da solidariedade no CUANTITATIVO das espantosas e sufocantes condicións, cos acordos con Turquía.

Quen anda polo medio destas vergonzosas falcatruadas?. Os intereses?. Se fose así..., de que tipo?. Tal vez a perda deses sentimentos democráticos e solidarios cos que se soe despachar con tanta arrogancia!?. Si..., D. Mariano, foron dezaoito xefes de estado e non ían ser fascistas, pero o número non é garantía de acerto: só de probabilidade. Xa o dicía o Padre Feijóo, o ilustre frade.

Nin a liberdade nin a solidariedade están no punto de saída. Hai que acadalas e potencialas cos esforzos a través dos procesos históricos, porque só nos facemos verdadeiramente solidarios no exercicio da solidariedade nos momentos que a esixen, e só adquirimos cotas dignas de liberdade cando a ocasión se presenta propicia para poñela en práctica. O demais é retórica de bo cuño literario e perversidade ética.

Parece que xa esquecemos que a nosa sociedade, por ser animais de realidades, non de meros estímulos, está naturalmente aberta a un proceso de constante humanización, por iso é unha incualificable incompetencia tirar os trastos contra aquelas institucións tradicionais que no lo recordan con palabras e con feitos, salvo os erros propios das súas inevitables continxencias.

Pero a liberdade esixe dignidade, que perdemos cando delegamos noutros as decisións que só a nosoutros nos corresponden, por comodidade ou por acadar ou manterse en situacións de privilexio ostentoso, esquecendo, non poucas veces, as funcións representativas. Así hipotecan a dignidade as persoas con débiles conviccións éticas, e os estados poñendo polo medio a famosa RAZÓN DE ESTADO ao servizo de intereses particulares.

Contamos con outro termo, a “competencia”, do que podemos facer uso para designar a rivalidade entre aqueles que pretenden acceder ao mesmo; e tamén para significar a capacidade, a habilidade, a destreza e a pericia para realizar algo.

Enténdese, pois, ben aquí a afirmación de que, CANDO SE FAI A COMPETENCIA SEN COMPETENCIA, se está a poñer en risco o equilibrio entre a liberdade e a solidariedade, porque as incapacidades matizan as actitudes e comportamentos coas torpezas dun egoísmo desmedido que sacrifica o altruísmo ao seu servizo, esvaecendo o inevitable ridículo nos espazos da interesada adulación.
De como se disparan as liberdades dalgúns, en prexuízo da solidariedade, temos abondosos exemplos no que os economistas denominan EXTERNALIDADES, é dicir, situacións nas que os custos en beneficios de produción, ou consumo, dalgún ben de servizo non se reflicten nos prezos de mercado, e negativamente sempre afectan a un terceiro. Dito coloquialmente, benefícianse uns co que perden outros, cando non todos.

Isto ten consecuencias importantes no ámbito ecolóxico. A Terra xa non conta con capacidade de recursos para satisfacer as demandas humanas. E como di un estudoso, necesítase ano e medio para substituír o que se lle quita nun ano. Quen se beneficia?.

E se esta crise é sistémica, non conxuntural, poñerá en perigo a reprodución do neocapitalismo, o que o levará a seguir explotando ilimitadamente bens e servizos naturais, para asegurarse e crecer cada vez máis, sen esquecerse das “externalidades”, non poucas veces apoiado polas chancelarías con disimulos estudados; pero... preguntémonos quen soporta os efectos negativos.

Acaso non lles parecen suficientes os exemplos de desequilibrio entre a liberdade e a solidariedade nas nosas sociedades?. Reparan como se presentan en todos os sectores da sociedade, incluíndo o político?. Non parece moi difícil, polo tanto, comprender que, para afrontar situacións como as descritas e moitas outras de maior envergadura, necesítanse persoas formadas, pero non só nas aulas, senón tamén na escola da vida, que é onde se imparte a disciplina da madurez, para enervar os intentos de arroutadas políticas, que impiden a escolma do valioso con inexpertas substitucións. Hai que introducir cambios; pero con sentidiño, para evitar innovacións fora de contexto, e non tanto por respectalo canto por razóns de intelixente estratexia.

E xa para terminar, para enfocar o da “intelixente estratexia” cara a nosa situación actual en España, pídolle desculpas a D. Ramón Tamames (de quen espero ocuparme nun futuro artigo), para traer aquí as seguintes palabras súas:
“Loxicamente no estado de tensión que vai a orixinar a nova dinámica vital da humanidade, en razón dos máis altos niveis de avance científico–tecnolóxico, se creará unha problemática inimaxinable hoxe. O cal, OBRIGA, POR MÍNIMA CAUTELA, A UNHA SERIE DE ACORDOS, MÁIS AXIÑA QUE TARDE, PARA EVITAR QUE SE ROMPAN OS VELLOS EQUILIBRIOS POR COMPLETO ANTES DE DISPOÑER DE NOVAS ESTRUTURAS GLOBAIS ORGANIZATIVAS”. (Maiúsculas, miñas).

E isto, amigos lectores, debería facerse cun ENTUSIASMO controlado, é dicir, como se leváramos un deus vixiante dentro (EN–THEOS, en grego, de aquí entusiasmo), superando os endemoñados egocentrismos de matiz populista e gregario, os dunha versatilidade que incapacita e alucina e os de actitudes taciturnas paralizantes.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES