Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A España líquida

viernes, 08 de abril de 2016
O concepto é de Zygmunt Bauman: medo líquido, modernidade líquida. O sólido persiste, o líquido flue. Todo é cambiante e transitorio. Nada se mantén inmóbil nin conserva a forma moito tempo. Na sociedade desgonzada, no mundo que nos habita todo é evanescente. Nada é para sempre.

Modas, aparellos coas últimas tecnoloxías quedan obsoletos en pouco tempo. Aquel ordenador, o primeiro móbil, que foi deles? Son obxectos prehistóricos. E cambiamos nós, os medos, os amores eternos, o que nun momento dado estimulaba os nosos soños. As condicións de vida, a economía tan líquida e hoxe tan canalla. A política, ferramenta imprescindible que hai pouco engaiolaba, hoxe fainos sentir noxo polo cheiro a podremia moral.

As imaxes que reflicten a sociedade líquida cambian cada poucos frames. O que hoxe é roca firme, mañá perde valor. Nada semella ser sólido e ata os políticos repiten como un mantra a palabra de moda: flexibilidade. Esta sociedade líquida tan cambiante fai do futuro algo imprevisible.

O contrato firmado, a palabra dada, as relacións laborais varían dun día para outro obrigando a unha adaptación constante onde moitos perden pé. Velaí o que temos: unha sociedade individualista e privatizada marcada polo carácter volátil das relacións. Todo perde firmeza. As ilusións políticas acabadas de estrear en 1977, as conviccións democráticas, a fe na madrasta Europa, os principios morais agora en venda. As loitas exemplares para conseguir recunchos de liberdade semellan esquecidas. Outras son as preocupacións agora: máis elementais, máis animais.

España líquida é o que parece, un país oxidado e tóxico que tenta igualar a todos polo lado da intemperie. Urxe resetelo porque sen benestar é unha sociedade fráxil, atemorizada. Non hai onde agarrarse e os máis novos e preparados escapan. A seguridade é sólida, o medo é líquido. Perdida a fe nos políticos incapaces de ler a realidade, o país é colonizado polo virus da enfermidade moral. Ata a rocha firme dos valores semella licuarse neste tempo sen certezas. A sagrada tríada da liberdade, igualdade e fraternidade naufraga no modelo político económico neoliberal tan líquido. Todo resulta fugaz, efémero. Así, a España desapiadada sen pedagoxía nas élites dirixentes. Tantos prohomes alodados na corrupción: esa maldita sementeira cotiá produce monstros.

Pero tamén é o país da xente que vive e axuda, a inmorrente familia, a boa veciñanza, os necesarios de Borges, os imprescindibles de Brecht. O mundo inacabado que flúe obriga a crear identidades flexibles para enfrontar incesantes mutacións. Máis aló de políticos caducados e prescindibles, a rexeneración política, social e moral está nas persoas. Son a rocha firme no medio desta España líquida.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES