Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A familia Batán do Mosquetín

jueves, 31 de marzo de 2016
No lugar do Mosquetín, na parroquia vimiancesa de Santa María de Salto, teñen o seu fogar os bataneiros máis antigos de Europa. Son tres artesáns heroicos que resisten na beira do río Grande en tempos nos que adoitamos esquecer a quen nos axudou nos longos e fríos invernos de séculos pasados. O noso trío bataneiro (Batán, Batana e Batanciño) é merecente polo seu esforzado labor dos maiores recoñecementos. A identidade comarcal ten unha gran débeda con eles que semella imos amortizar axiña xa que, hai uns días, o concello de Vimianzo obtivo a cesión por parte da Deputación da súa xestión. Aqueles veciños solidarios que loitaron con teimosía na defensa do obradoiro bataneiro, puideron escoitar as voces baixas de Batán, Batana e Batanciño en conversa comentando o feliz acontecemento de renacer na fin de marzo de 2016.

Batán: Pois máis vale tarde que nunca. Despois de séculos de espera imos poder achegar as novas xeracións os nosos vellos coñecementos para que non perdan as súas raíces soneiráns. As novas tecnoloxías están moi sempre sempre e canda saibamos de onde vimos. Síntome ben. Confío no alcalde Antelo Pazos. Lembrade que sempre estivo xunto aos nosos tres grandes valedores: Cheíto, Moncho e Robertiño.

Batana: O certo é que non foi sen tempo. Aínda que teño boa saúde pensei que ía acabar coas miñas almancas no río antes de que os vimianceses elixisen un alcalde, normal. Nunca fun de pedir moito pero aqueles anos baixo o mandato do de Pasarela foron un escuro pesadelo. Iba sendo hora de que os votantes abrisen os ollos para decatarse de que nós estamos para axudar ao crecemento da autoestima local.

Batanciño: Eu son más novo e por iso non perdín a esperanza. A miña alegría é parcial xa que estou magoado por non ter aquí, connosco, ao irmán Roberto Mouzo Lavandeira. Ben sabedes que foi moi bo amigo meu. Os retratos que me fixo son o meu maior tesouro. Tivemos longas paroladas sobre o abandono do noso oficio. Foi el quen me informou sobre un tal Ken Follet que disque sabía moito da industria bataneira aínda que nunca nos fixera unha visita. Roberto era un artista cos pés na terra. O seu agarimo foi o me animou a seguir na canle.

Batán: Ti meu fillo aínda fuches un pou afortunado xa que viviches tempos máis doados. Nós levamos moitas decepcións que van pasando factura. As cravillas e manlles sofren máis cando nos ofenden que despois dunha ducia de horas petando na pía. O bo e xeneroso Roberto andará polo ceo adiante cun libro de O conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín, na Terra de Soneira debaixo de brazo para informar de que poden asociarse a recén fundada “Asociación Celestial Bataneira” xa que os tres do Mosquetín aínda non se xubilaron.

Batana: Eu tamén estiven pensando en Roberto. Sinto ben que non estivera aquí o pasado xoves 24 pero sei que aló enriba non hai persoa máis feliz. Foi quen máis coñeceu o noso interior. Comigo case non falaba pero os seus ollos agarimaban cada cachiño da miña pel de madeira.

Batanciño: A ver se agora que ten o mando o concello de Vimianzo, somos quen de que veñan visitarnos os rapaces das escolas da contorna. Coido que cando nos coñezan van querer formarse no antigo oficio de bataneiros de soños e ilusións. Os máis novos agradecen estar nun emprazamento onde a música non vai por fío musical senón polos sons da auga do río Grande. Somos austeros e moi ecolóxicos. Só necesitamos algún que outro aloumiño nas manlles para saber que formamos parte dunha seria relación sentimental de futuro.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES