Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rozas (II): Un mártir do aeroclub de Rozas xa antes dos drons

jueves, 17 de marzo de 2016
Despois do que fun falando o xoves pasado sobre Rozas aínda me quedaba algo que dicir pra hoxe,e, axusta e compón, ó rematar de escribir, atopeime con que metelo todo nun artigo podía ser moito; así que, Deus mediante, de hoxe en quince días rematarei con este tema, que non sei o interese que terá prós que descoñecedes Rozas ou vivides lonxe. O próximo xoves espero poder dicir algo referente á semana santa dalgúns cristiáns..

Na miña infancia e no mundo rural non había neno que non sentise Rozas (II): Un mártir do aeroclub de Rozas xa antes dos dronsasombro ó escoitar o bruído e ver pasar un avión. Na cidade, non sei, pero sospeito que repararían menos nesas cousas, porque os moitos ruxidos de abaixo impedirían escoitar algúns ruxidos de arriba. Iso, hoxe en día, é bastante frecuente tamén no rural. Saber que había un campo de aviación, o de Rozas, a uns oito quilómetros en liña recta da nosa casa facíame ilusión, permitíame observar a baixada dalgúns dos poucos avións e avionetas que alí aterraban e, dalgún xeito, sentíao como algo tamén meu, sen saber que ser era dos alemáns.

Anos máis adiante tiven oportunidade de subir alí a un aviocar e dar unha voltiña nel. O aviocar aquel era un avión español de carácter militar, bastante antigo e, como xa subira a algún outro avión de liña regular, atopeille a aquel certa semellanza cunha carretilla grandísima con ás e cuberta por todo o arredor. Mareámonos, pero, de calquera maneira, quedoume impresa unha fermosa vista pra non esquecer: A do Portomarín novo co seu encoro asolagando o vello desde aló arriba. Máis fermoso aínda e máis emocionante foi pasar nunha avioneta por enriba da casa onde me naceron e ver a meus pais pequeniños vestidos de grandes.

Andando o tempo, oín falar algunha vez, pero en voz bastante baixa, de que Rozas podía ser o aeroporto de gran parte da provincia de Lugo, dun bo cacho da de Asturias e de algo da de Ourense, pero non cheguei a facerme ilusións. Tal me foi bo. E unha vez que eu dixen isto en voz alta respondéronme: Non sabes de que falas, non ves que aínda han ter que pechar algún dos outros tres aeroportos galegos? Será certo, como algúns, polo visto, van coller os avións a Portugal…

Creo que con estes antecedentes é normal que me alede de que se revitalice Rozas, aínda que escoitei a alguén dicir que nos están mentindo e que canto están artellando alí acabará tendo un carácter militar e que, en caso de conflito bélico, podería darse o caso de que acabase sendo bombardeada toda a Terra Chá. Home, non a creo, porque agora hai máquinas que apuntan moi ben e cada vez desde máis lonxe. Non haberá pra investigar remedios contras enfermidades mortais, pero pra matar dunha maneira cada vez máis selectiva si, como debe ser, ou non? Ademais, a quen llo escoitei, se cadra ten razón, pero non é adiviño nin profeta, nin creo que sociólogo analista do posible futuro. Compréndese, non obstante, que algo teña que dicir en contra, que pra iso lle pagamos por militar na oposición.

Lamento que inxustificadamente, e contra a vontade dos seus donos, e con premeditación, nocturnidade e máxima mala idea, antes xa de estar asegurada a reconversión do erodromo-aeroclub de Rozas, vai facer un ano en abril, se levase a cabo, baixo o abeiro da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, a demasiado benevolamente chamada: “tala salvaxe”, dunha árbore incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras da Xunta, e polo mesmo, protexida pola Administración Autonómica en papel mollado.

Refírome ó grandioso Eucalipto de As Lombas de Loentia dunha altura moi próxima ós 18 metros. A inhumana esmoucadura converteuno en mártir das veleidades caciquís que cambian cálidos sentimentos humanos por frías mostras irracionais de poderes, aínda que se cozan en cámaras de comercio provinciais.

Que se saiba, ningunha autoridade municipal, provincial ou autonómica deu nin o menor chío polo covarde asasinato desta árbore de máis de 120 anos, arredor de 45 metros de alto e case 9 de perímetro troncal, que tivo a mala fada de ser plantado a uns dous quilómetros de onde se ía instalar, de rebote, un aeroclub de certas élites. Non entorpeceu as manobras militares durante a segunda guerra mundial, pero fíxose perigoso en poucos anos prás avionetas de recreo. O que é a vida. Só ergueron a voz: un xornal, a Asociación ecoloxista Adega, a Fruga e o incansable profesor e investigador Ricardo Gómez Polín que ten feito un traballo enorme, publicado en exposicións e nun fermoso libro, sobre máis de 60 árbores especialmente significativas da Terra Chá. Cando me chamou pra dicirme da desfeita das Lombas estaba moi alporizado, como corresponde a quen ten como traxectoria vital a defensa do noso con paixón, suplindo e a veces enfrontándose a quen cobra por facelo e non o fai.

Despois de recibir a triste mala nova, achegueime a ver se daba chegado pró enterro do xigante, pero non houbo enterro; xa que a mesma motoserra traizoeria que o tronzou polo medio, deixou os seus membros estrados polo chan alí mesmo, sen reparar na súa nobreza, non herdada, senón gañada a pulso contra trebóns, invernías e xeadas, mentres vixiaba ó longo de case século e medio a casa de Orxás. Ocorréuseme rezar unhas oración pola súa ánima, pero non. Receina pra que se tornase en humana a ánima dos irracionais culpables dunha perda irreparable. Pró que non tiven valor foi pra fotografar os seus restos tan sacrilegamente aldraxados.

Pido un minuto de silencio en lembranza dun bondadoso xigante abatido. Pensando, os que o teñan a ben, que o día de Xoves Santo, o 24 de marzo deste ano, celebramos os cristiáns o abatemento da Bondade mesma, e tamén por intereses espurios.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES