Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os zoqueiros da Tiñaz, dos Vilares de Parga

jueves, 17 de marzo de 2016
Antes, ademais das conversas entre os veciños que se levaban a cabo no adro da parroquia ao rematar a misa, tamén se facían tertulias nas Os zoqueiros da Tiñaz, dos Vilares de Pargazapaterías, nos obradoiros dos zoqueiros, no dos ferreiros e nas barberías. Estes lugares servían de centros de reunión onde se debatía entre os veciños os temas mais diversos. Exemplos temos dabondo e por citar algúns casos lembraremos o libro perdido de Don Ramón López Otero, “Conversas dun crego con un zapateiro”, conversas que probablemente se levaron a cabo na zapatería que o Ventureiro de Bascuas tiña no Pazo dos Vilares, ou a famosa barbería do Pallarego de Mondoñedo, onde se xuntaban Noriega Varela, Díaz Castro e outros poetas da escola mindoniense, ademais de Alvaro Cunqueiro.

A mediados do século pasado había talleres de zoqueiros en case todas as aldeas dos Vilares, como a de Antonio de Fabete na Reboira ou a de Antonio de Cascudo en Malde, que facía unhas zocas tan ben feitas que seica acaían ao pé coma zapatos.

A aldea da Tiñaz non podía ser menos e alí estaba a zapatería de Pedro de Revolta, que aprendeu o oficio no lugar do Pazo co citado Ventureiro, que logo foi seu sogro, e os obradoiros dos tres zoqueiros: O de Manuel de Nieves, e o de Fanego e Serafín de Agosto ou do Estanqueiro. O destes dous últimos chamábase “A Chabola” e estaba completamente aberta pola parte de diante, o que mos fai pensar no que cambiaron os tempos, pois nunca faltou nada a pesar de deixar alí as zocas, os tronzóns ou tronzadores para cortar os bidueiros e facer as toradas; os machados, o bastreu ou bastrén, os trades, as gubias, as llergas, os macicos e demais ferramentas que tiña cada un deles a un lado e outro daquel alboio; o único que dividía o seu lugar de traballo dos clientes era o “burro de escavar” no que con cuñas suxeitaban as zocas para escavalas e darlles a forma definitiva despois de traballalas no burro ou cepo de desbastar.

Os tres artesáns das zocas estaban case xuntos e ao outro lado do camiño estaba a zapatería de Pedro, pero as veces xuntábanse todos porque o zapateiro viña rebaixar os fondos dos zocos ou galochas, coa llerga que lle prestaban os zoqueiros, polo que entón a xuntanza aínda era mais grande e mais animada. Aproveitaban tamén para falar dos traballos do campo e latricar, “cortando traxes” ou poñendo alcumes (especialidade na que o zapateiro era un gran mestre), e practicar a literatura popular da regueifa. Lembro que nunha ocasión a Fanego coméranlle o pan que botara nas Zarrellas as ovellas dun veciño de Vilargabin e Pedro de Revolta, con moito retintín, dicíalle:

Para cuñas pau de toxo,
para vergas o carballo
e para contentar as ovellas
o pan da Pena Zarrellas.
pero que a Fanego non lle facía ningunha gracia. Alí, aproveitando os días de choiva, tamén se xuntaban os homes do lugar para saber as noticias que trouxeran por alí os veciños doutras aldeas da parroquia que viñan encargar zocas, a probalas ou levalas si xa estaban rematadas. Ademais de parrafear tamén era unha forma de informarse do que pasaba polo mundo adiante. Os zoqueiros, como tamén tiñan que traballar o lugar e non daban abasto a todo, polas noites pasaban o obradoiro ao redor da lareira, onde limpaban as zocas colocándoas contra o prato ou “barrigueira” para darlles o remate definitivo co afinador, co bastreu, e co coitelo ou rebocador, ao resplandor do lume cando aínda non había electricidade. Alí seguían as conversas e os contos cos veciños e cos que viñan polos encargos desde outros lugares, que tamén era unha boa forma de pasar as longas noites de invernía.
Serafín era o mais activo no oficio e o único que facía as zocas chinelas, que son as clásicas da Terra Chá e as mais xeitosas para andar polas súas corredoiras e incluso polas rúas das vilas, como deixou constancia o noso Manuel María:

Fíxose zoca chinela
a gracia da abidueira,
E vai marcando na acera
os puntos da muiñeira!

Despois, no seu burro chamado Manán, levábaas as feiras de Parga, onde llas mercaban case todas os tratantes de zocas que había naqueles tempos e o resto vendíallas tamén a particulares que llas encargaran na feira anterior. El aproveitaba para mercar un pan de trigo e “O Gaiteiro de Lugo”, no que lin as miñas primeiras letras en galego e que sempre tiña no seu obradoiro encima dunha trabe. Sen embrago Fanego so facía zocas por encargo e algunhas veces ía zoquear as casas, pero el nunca as levou a feira. Penso que lle gustaba mais facer zocas para os homes e sobre todo facía moi ben as de caña, chamadas así porque despois Revolta, o zapateiro, poñíalles unhas gomas de cámaras de rodas ou coiro para tornar a auga das pernas. Cumpría que tiveran o espesor suficiente para poder cravar as puntas ao poñer a goma.

Manuel de Nieves era o que menos “zoqueaba”, pois so facía as que se necesitaban na casa e tamén para algún familiar, pero tampouco dispoñía de mais tempo xa que éra o único home que había na casa e tiña que atender o lugar.

Un pouco mais abaixo, na casa da Fonte, tamén Xosé se dedicaba a facer ese calzado tan esencial para andar polas corredoiras sen mollar os pes, pero case non as facía na súa casa, senón que, sobre todo de inverno, dedicábase a ir zoquear a domicilio e, dependendo do número de familiares que houbera na casa, botaba varios días nalgunha delas. As veces tamén levaba o seu fillo maior, que tamén se chamaba Xosé e que despois, como outros tantos veciños, tivo que emigrar para Euskal Herria a pesar de que a nosa terra daría para todos se os gobernantes quixeran.
Así eran estes nobres oficios que cumprían tamén unha función social e servían de fonte de información moito mais veraz que as cadeas de televisión de hoxe e outros medios de desinformación mais modernos que nos pintan un mundo ao revés.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES