Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No cincuentenario de Victoriano Taibo

miércoles, 16 de marzo de 2016
O día 13 de marzo, hai exactamente medio século, finaba na súa vivenda No cincuentenario de Victoriano Taibo de Palencia 37, no vigués barrio de Lavadores, o compostelán Victoriano Taibo.

Os seus oitenta anos de vida déronlle para se converter nun dos poetas máis representativos das Irmandades da Fala, das que este ano celebramos o centenario e das que foi o seu secretario en Compostela. Poemarios como Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) dan fe disto. Mais Taibo foi tamén un importante membro do Seminario de Estudos Galegos (no que ingresou en 1926) e do Instituto Histórico do Minho (do que pasou formar parte en 1930).

Mestre de profesión, sufriu como nacionalista as represalias das autoridades franquistas, que o desterraron á escola valisoletana de Villalar de los Comuneros (1938-1942).

Narrador en Da agra aberta (1956) e fino ensaísta de temas lingüísticos, deixou dous poemarios inéditos que tiven a honra de editar no seu día: Abicedo. Cabrinfollas (2008).

Todo este labor a prol de Galicia tivo o seu recoñecemento coa designación como numerario da Real Academia Galega o 3 de febreiro de 1946, a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Ángel del Castillo e Eladio Rodríguez González. Na institución ingresou o 15 de outubro de 1948 coa lectura do discurso Rosalía de Castro, precursora da fala, ao que respondeu Otero Pedrayo. Esta lección maxistral tardou case un cuarto de século en ser publicada pola RAG, que a deu á luz en 1972. Hoxe pode descargarse neste enlace do web corporativo.

Aínda lle debemos a Victoriano Taibo unha grande homenaxe nacional. No remate dos anos dez e ata finais dos vinte, catro eran os poetas unanimemente aplaudidos na nosa terra: Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela, Gonzalo López Abente e Victoriano Taibo. Os tres primeiros gozaron xa do xusto recoñecemento á súa traxectoria coa dedicación dun Día das Letras Galegas. O cuarto deles agarda pola reparación dun esquecemento xa mediosecular.

Deixo aquí, como recordatorio de quen foi un entregue académico, a súa acta de nomeamento, ata hoxe inédita. Oxalá sirva para devolvelo á honra da casa á que pertenceu.
No cincuentenario de Victoriano Taibo
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES