Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con só tres conceptos

viernes, 11 de marzo de 2016
...pretendo analizar modesta e coloquialmente algo do ocorrido estes días no Parlamento español, e aínda que non é habitual en min, en poucas palabras, mediante tres termos que expresan tres conceptos: RACIONALIDADE, RAZOABILIDADE E XUSTIFICACIÓN.

Si me pediran rigor na exposición meteríanme nun apuro, porque estes tres termos son o suficientemente anfíbolos e equívocos para delimitalos ben semanticamente, e tamén porque eu téñolles os meus límites e non é aconsellable botarse fora deles.

Por RACIONALIDADE vamos entender aquí o método que soe utilizarse, principalmente na ciencia, para adquirir un certo dominio e coñecemento da realidade, por iso está moi relacionado coa obxectividade científica. Pero esta racionalidade podemos entendela como teórica e práctica, se a esta última lle atribuímos referencias ás nosas accións. Por iso tamén se fala dunha racionalidade científica e doutra prudencial, esta vinculada a verdade e a
coherencia.

A RAZOABILIDADE está orientada aos valores, ás formas máis correctas para vivir ben, ao que se pensa bo ou malo para a persoa humana. Así podemos falar indistintamente de razón e racionalidade; pero non do mesmo modo de razón e razoabilidade. Hai un contraste, que me parece importante, coa racionalidade, porque esta ten que ver tamén coa corrección formal dun razoamento, coa eficacia dos medios para un fin, coa verificación de certas crenzas,etc. E a razoabilidade necesita unha certa aceptación, e para acadala, as veces, esta ten que recorrer a aquela, sobre todo cando os seus criterios, acudindo a valores e principios, non lle son suficientes.

A XUSTIFICACIÓN ten unha gran variedade semántica en función do ámbito en que se aplique. En xeral fai referencia a unha sorte de apoio de algo que se afirmou ou se fixo. Tamén se acude, en relación cos significados dos dous termos anteriores, para motivar ou persuadir a alguén para algo, por iso se di que xera crenzas, e serve para ocultar, non poucas veces, a falta de razóns. O que hai que ter moi en conta é que xustificarse a si mesmo non é o mesmo que xustificar os proxectos propios, por exemplo.

Parece lóxico que os posibles lectores sintan algún interese por saber que opinamos estes plumiñas que nos dedicamos a escribirlles as nosas opinións, e pola miña parte teño moi claro que non como escritor, senón como teimoso escribidor. En todo caso, eu vou darlles a miña opinión manexando os tres termos anteriores; pero cualificando os suxeitos dos seus posibles empregos, previamente, en función do deficiente uso que fagan deles. Así:

Quen non utiliza a racionalidade en orden aos papeis que se asigna na vida, ou non a posúe por incompetencia para o que se propón, ou é vítima dunha incualificable pereza, ou oculta perversas intencións.

Quen descoida a oportuna razoabilidade, ou non conta con fundamentos para apoiala, ou desvaloriza ós destinatarios da mesma, amordazado por unha soberbia pedantesca, ou actúa cunha frivolidade de matiz egoísta, se as razóns favorecen a outro.

Quen xustifica por exceso, ou ben debe ter moito hábito de facelo por imperiosa necesidade, ou ben descoida o uso correcto das funcións propias da racionalidade e da razoabilidade, ás que complementa a xustificación; pero quen xustifica por defecto, ou ben carece do sentido da convivencia nunha sociedade civilizada, ou ben descoñece as súas deferencias obrigadas nos casos que corresponden.

A miña opinión, amigos lectores, élles que nas sesións parlamentarias estes días, en España, os tres conceptos que citei estiveron, salvo escasos momentos, de vacacións. E se en xeral as persoas sen responsabilidades políticas de esa altura non fan uso deles, na medida das súas capacidades e con oportunidade, son, sen dúbida, censurables; pero no caso dos líderes políticos que estaban no Parlamento é dunha gravidade transcendental polas consecuencias imprevisibles, ademais dunha falta de respecto aos/ás cidadáns en xeral e dunha lixeireza incualificable con todos aqueles/as que contan cun nivel de formación moi superior aos dos mesmos líderes, que hoxe, afortunadamente, soen ser moitos/as.

Non parece correcto que un aspirante a ser investido presidente do goberno presente proxectos carentes dunha suficiente articulación RACIONAL que demostre que os obxectivos poden alcanzarse cuns medios adecuados ás circunstancias, investidos dunha certa garantía científica, aínda que sexa a das ciencias débiles; e resulta INXUSTIFICABLE que empreguen a maior parte do tempo en cruzarse pullas mutuamente os líderes, como se as dotes literarias que posúen lles permitiran sentirse nun verdadeiro florilexio, cando nin tan sequera fan uso das pausas necesarias nas exposicións, con parágrafos que soan como máquinas de coser, nuns, e, noutros, algo así como relatos de “cortar e pegar”.
Pero se non se racionaliza, neste caso concreto, sobran os razoamentos por infundados, e non caben tampouco xustificacións relativas a iso; aínda que, por outra parte, puidemos comprobar que no Parlamento había abondo “razoadores” sen razóns, escasamente racionais e demasiado inxustificables, e, incluso, algúns dun rostro intencionalmente ousado e naturalmente indolente, desculpando beizos que se bican na ocasión menos apropiada e no lugar preciso onde un indigno militar intentou tirar, con brutal indisciplina, ao chan a un excelente xeral: Sempre hai quen empece con bicos o que outros intentaron con armas de fogo. Son aqueles que están contra a razón cando esta está contra eles.

Non son menos RAZOADORES (maiúsculas con intención), tampouco, os que, posuídos de si mesmos, adoitan dedicar a maior parte do seu razoar, ademais doutras grazas, a buscar argumentos para seguir crendo o que xa crían, e xustificar por exceso o que non fixeron por defecto do cumprimento obrigado.

Un exemplo da irracionalidade, aparellada da irresponsabilidade anexa a un incorrecto razoamento, está na teimosa reiteración das falacia de que Podemos vota co PP, por ter chegado a mesma conclusión, POR RUTAS INCLUSO OPOSTAS, precisamente debido a que a rechamante e disparatada postura dialéctica do candidato á investidura levou a puntos de coincidencia aos dous extremos, e pola unha seca de ideas que quedou en evidencia.

Outro exemplo está na ambigüidade de Cidadáns, xustificable desde o espazo que ocupa, cedido pola incompetencia do PP e do PSOE, pois non basta que se argumente, con pretensións de racionalidade, por un e outro, as respectivas posturas de centro dereita e centro esquerda; hai que evidencialas practicamente, por esixencia dunha racionalidade práctica que non pode esquecerse.

E, por último, calquera pode ver que a lóxica de Podemos está centrada no exercicio de medios polivalentes para acadar un obxectivo en ensaio, e a dos independentistas é moi simple: Crear caos na bazofia estatal parlamentaria destes días, poñendo de releve a falta de xustificación para que o Parlamento español conte con deputados que o utilicen para argumentar a desintegración do que representa.

Por conseguinte, a racionalidade, a razoabilidade e a xustificación que
corresponde á palestra parlamentaria, estivo de vacacións nos domicilios dos cidadáns, que seguen botando a man a cabeza ante tamaña teatralidade, e valoran con facianas de circunstancias as consecuencias que poden derivarse dunha pobreza tan significativa de homes de estado. Pero a insensibilidade dos actores e a indolencia consubstancial aos seus quefaceres, déixaos inmunes, como se nada pasara.

Esta élles a miña opinión, non a compartir; só a contrastar!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES