Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Soberbia

sábado, 05 de marzo de 2016
Soberbia: Calidade e actitude de quen se cre superior ós demais e lles manifesta o seu desprezo; altivez, altiveza, arrogancia, fachenda, orgullo, vaidade.

Velaí, benquerido lector, cómo recolle o diccionario un concepto patrimonial do ser humano e tan propio e tan presente, por desgracia, no cerne mesmo da sociedade actual na que vivimos.

Eu non sei a vostede, benquerido lector, pero a min non me ten feito falla estar chantado fronte ó televisor, ou perante a pantalla do ordenador, as últimas 24 horas, para atoparme, nestes intres no que me sento a escribir, completamente saturado -con sobredose próxima á intoxicación, diría- da prepotencia na que tan cómodos semellan sentírense unha boa parte dos líderes mediáticos desa clase política que, se aritmética parlamentaria non o remedia, teremos que sobrelevar, coma unha cruz ás costas, durante os próximos catro anos.

Si, xa sei que non todo tempo pasado foi mellor. Xa sei que hoxe temos a sociedade teoricamente máis preparada, máis formada, máis estudada e, polo tanto, máis "letrada" que soñamos termos nunca. Xa sei, tamén, que as eras mudan e que as formas e os feitos viven momentos tan relativistas coma simplistas, nos que abonda o curto espazo que ocupan 140 caracteres para explicar, por exemplo, as orixes da humanidade (infórmoo, para que tome conta aproximada da profundidade do discurso, de que o parágrafo que acaba de ler ata o inicio do paréntese, ten 417 caracteres).

Xa sei, insisto, que é o que toca, e que temos que irnos acostumando a interiorizar como feitos transcendentes sucesos ou sucedidos tan banais coma meter a unha criatura no hemiciclo o día da constitución da Cámara, tan pretendidamente provocadores coma darlle un "pico" a un compañeiro de partido -na platea dese mesmo hemiciclo e perante os morros dos vellos ministros- ou tan contradictorios e incongruentes como vanagloriarse de ter conseguido levar ó seu partido ós peores resultados electorais dende que o pobo ten capacidade de elixir, asegurando solemnemente e sen rubor que acababamos de vivir "un día histórico". Xa sei que todo iso é agora revolucionario, como revolucionario pretende ser unha frase máis ou menos imaxinativa e cacofónica pronunciada por un deses engominados e endomingados voceiros nos que tan ben se sente representado o PP. E que ó lado de tanto rupturismo, o diario boliviano do Che é unha inane brincadeira.

E para rematar direi tamén, que tamén sei que hai mantras que son verdades inalterables e cósmicas coma a velocidade da luz ou a constante gravitatoria. Verdades tan soberbias coma que o pobo, cando vota, nunca se equivoca. Por iso non debe haber novas eleccións...

E se nunca se equivoca, -iluso- pregunto eu cómo é que de cando en vez os gobernos mudan de color. Afortunadamente.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES