Comparto un segredo que descubrín soíño
jueves, 03 de marzo de 2016
Os que me ides coñecendo xa reparariades en que son algo creidiño, un tris chufón de min mesmo, máis ou menos disimuladamente, e en que falo moito tamén de min. Isto último creo que é debido, como teño dito xa máis dunha vez, a que de min é de quen máis cousas sei, aínda que non me coñeza ben de todo aínda. O de creidiño e chufón, supoño que son cousas do subconsciente ou do ego que arrincan da infancia e que xa me explicará algún día o psicoanalista, se me dá pillado ó xeito.
Dito isto, vou ó caso de que desde o 20N do 20015, -¡home ou muller, non me digas que non sabes que é o 20N, se desde o 20N non se fala doutra cousa!-. Desde o 20N, parece que máis importante aínda có 25N do 1975 que xa é dicir, considérome unha persoa que acumulou moita información, porque cada noite visito varios medios informativos. O mesmo non mo credes; pero antes de adormecer, leo no teléfono móbil as noticias relacionadas co 20N e posterior enguedellamento de: La Voz de Galicia, El Mundo, El País, El Progreso, La Razón, ABC e La Vanguardia.
Con isto non quero dicir que estea ben informado, porque cada un fala da feira como lle vai nela ou dependendo de quen lle pague; pero por culpa miña creo que non é, se estou desinformado ou mal informado, non?
Si, adormezo pasadas as tres da mañá, pero hai que estar ó día e paga moito a pena. Ou se é patriota ou non se é. Hai que definirse dunha vez! que, segundo din, estamos vivindo un momento histórico único e irrepetible, -bo é saber que hai momentos non histórico e repetibles-. Así atópaselle sentido a aquilo de: O sabido, sabido
Estamos encetando as segunda transición, -bo é saber que houbo a primeira e xa se acabou-. Estamos asistindo á caída do bipartidismo -bo é saber que PSOE e C´s non son dous-. Estamos vendo como Rajoi remoe chicle e conta os cangos do Congreso mentres fala Don Pedro e como este ten que cambiar de chaqueta cada día, porque as soba todas de tanto abotoar e desabotoar o botón de enfronte ó embigo.
Ben, pois xa que logo, podo dicir que me poden preguntar por onde queira sobor do que din estes xornais da situación de
¡Leche!, como digo agora? De España? non vale, porque se cabrean os cataláns. Do País? non é dicir nada e ademais algúns poden confundilo co augardente. Da Península Ibérica sen Portugal? tampouco, porque quedarían fóra: Ceuta Melilla, as Baleares, as Canarias e non sei se algo do Peñón. Uf!
A ver se nos entendemos utilizando certa ambigüidade. Vou dicir: Sei canto hai que saber do que din os xornais españois de maior tirada do que está pasando por aquí, por aí e por acolá..
Despois polo día, como non teño moito que facer e aconséllanme non saír ó frío, dedico horas e horas a repensar o que lin de noite: Pero como será posible que os mellores dos mellores dos mellores dos case 47 millóns de españois contando mulleres e nenos non se dean posto de acordo no máis básico e elemental pra formar goberno?
Quero aclarar, e nisto non admito contradicións, que son os mellores dos mellores, porque xa foron escollidos pra encabezar as listas por iso e porque ademais así o referendamos millóns de españois co noso voto. (Home. eu desta vez non votei e prá próxima penso facelo en branco, pero non tén que ver.
Refrendaron ós Pepeos, 7 millóns e pico; ós socialist@s, 5 e pico; ós podemitos, podemitas e demais familia da non casta, 340 e pico mil menos ca ós parcialmente sanchistas; ós C´s, 3 millóns e pico e así sucesivamente.
Do que nunca me acordo é da proporción entre votos e escanos, e iso que sempre que hai eleccións doulle outra volta á lei D´hont a pesares de que nunca a din entendido.
Deixando claro que beiras dunha ducia de españois -non digo cidadáns pra evitar confusións- son o mellor do mellor e que ademais, polo menos catro teñen cada un a outro que se non é o mellor do mellor, indiscutiblemente é o segundo mellor entre os seus: os portavoces -que máis ben deberían chamarse: prestavoces-, como é posible que chegásemos a onte á noite sen entendemento entre xentes tan competentes? Haberá que concluír que tamén estamos iniciando a novidosa e progresista era do cambio da posibilidade de entendernos á imposibilidade?
Non o daba entendido; porque lin todos os días en todos os xornais que cada un dos mellores dos mellores e cada un dos segundos mellores traballaban moi duro polo ben común. Non o daba entendido ata que me deu por ler menos e escoitar máis. Ó escoitalos falar no televisor fixeime moito. Conxelei algunha imaxe e apliqueille un aparello que teño de 53 aumentos. Pero previamente xa fixera un experimento co audio e observara que inmediatamente antes de pronunciar cada un deles: Bien común, producíase un pequeniño silencio case imperceptible. Despois diso pasei as imaxes fotograma a fotograma fixándome moito no movemento dos labios e no que dun tempo a esta parte se deu en chamar linguaxe corporal. Grazas a iso, descubrín o segredo!
A nai do año está en que cada un dos números un e dos números dous, nese brevísimo momento de silencio, di polo baixo: Solo me mueve (mi) bien común.
As cousas a veces son moito menos complicadas do que se pensa.
Tamén vin algo do debate sobre non sei que do martes pola tarde e o mércores. Rersultoume moi reconfortante, porque os que falaron aínda que só fose tres minutos merecen ben o que cobran, si señor, sobre todo tendo en conta que moitos teñen que pagar a quen lle lo escriba en letra, polo menos de corpo 16 pra non confundirse e chamarlle Iglesias a Rajoi ou á viceversa!
Os que non falan tamén teñen un traballo ímprobo e creo que non remunerado como se merece; porque hai que estar coa atención moi centrada pra aplaudir (en galego, apupar) no momento preciso e pra asubiar, berrar ou patear e interromper cando convén, e por riba de todo, non apupar ó contrario nin abochornar ó que come do mesmo copete.
Sei algo de dirixir teatro, pero non me comprometo a conseguir que trescentos e pico comparsas da farándula, aínda que sexan dos mellores, marchen tan acompasados sen ensaio previo.
Carballo, Xosé Manuel