Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homenaxe a Don Julio Ladra López

viernes, 04 de marzo de 2016
Carta solidaria a Don Julio Ladra López.
Benquerido D. Julio: Antes nada desexarche moito ánimo e forza espiritual para levar con azos a vida, que nestes intres tela afectada pola enfermidade.

Convidoume o Sr. Pita, Director do Boletín de Narón, a que me unira a unha homenaxe que che queren dedicar na Parroquia de Piñeiros-Narón. Faltaría máis e doulle as grazas.

É para min unha honra inmensa poderche expresar así a miña amizade persoal, respecto, cariño, admiración e gratitude e converterme en testemuña do moito afecto que che ten moita xente.

Por iso preferín o xénero epistolar porque me permite falar contigo dunha forma directa e próxima. Di o Principiño de Saint-Exupéry que só se ve ben cos ollos do corazón. Pois é desde aí que eu quero comunicarme contigo.

Coñecémonos desde setembro do ano 1952. Foi no Seminario de Lourenzá. Logo xa vivimos xuntos en Mondoñedo por moitos anos máis. Só nos separaba un curso académico. Eras calado e alegre. Venche de familia ter unha boa voz e bo oído musical. Un grande sentido do humor. E tesnos deleitado moitas veces con cantos que só ti sabías. Lembras aquel: “Tengo una burra sandunguera” ? Canto nos temos rido e cantas veces o tiveches que repetir mesmo en veladas e sesións teatrais! Pero o teu repertorio era moito máis amplo.

Fuches sempre un excelente compañeiro. Pacífico e pacificador. Nunca gustaches de liortas. Sobresaes por ser infinitamente boa persoa. Estudoso e moi arteiro. Dabas a todo. Ao procederes do medio rural, Belesar de Vilalba, sabías de todos os oficios, como logo fuches demostrando na túa longa vida de servizo pastoral por onde pasaches: Canteiro, zapateiro, medio xastre, muiñeiro, labrego, cesteiro e mesmo penso que zoqueiro e ferranchín. Es, diriamos, o home do saber universal.

Transformaches Santo André de Teixido traballando persoalmente con pedras, canterías, fontes, camiños, carreiros, Tele Club, repetidor de TV, Igrexa do Santuario, praza, miradoiros, Costa Grande primeiro e logo nas estradas de acceso. E principalmente a escola mixta para os nenos e nenas que non existía.

Ti fuches o traballador manual que máis horas e ideas deixou naquelas lonxanas paraxes. E todo iso caladiñamente, como es ti. Con total humildade. Só che interesa que as realidades se transformen para ben e servizo de todos. Canto che debe a veciñanza de Teixido! Nunca che importou que se soubese quen había detrás desa inmensa obra. Alí estaba a túa persoa. Alí deteriorouse abondo a túa saúde. Por iso tiveches de saír para coidarte un pouco mellor a carón da túa familia. Pois, ende non, ben morrías.

Pero hai un labor menos coñecido do gran público como foi o estudo artístico, histórico e científico do Santuario, das contornas e da Romaxe-Peregrinación. Recuperaches romances, lendas e costumes que estaban na memoria do colectivo popular e que se ían perder irremisibelmente. Acolliches a todos. Impulsaches a investigación e creaches un Padroado que foi e segue a estar cheo de vida. Contactaches con moitos estudosos da nosa etnografía máis ancestral. Poetas, músicos, historiadores, liturxistas, pastoralistas dos grandes santuarios de España e do estranxeiro. Non deixaches campo sen explorar incluído o da fotografía.

Canto ben fixo o libro do noso benquerido compañeiro Rafael Usero, El Santuario de San Andrés de Teixido, do que teño un exemplar dedicado por ti no 23/09/1973. Foi a tesiña da súa licenciatura, dirixida por Alonso del Real. Na súa Introdución fala extraordinariamente ben de ti, como non podía ser doutro xeito. Na p. 15, di así: “Es forzoso recordar sobre todo la (ayuda) proporcionada por el dinámico capellán de San Andrés de Teixido, D. Julio Ladra López, que incondicionalmente se prestó a facilitar cuanto estuvo de su parte. Sin su ayuda tal vez muchas informaciones contenidas en este trabajo se hubieran omitido, por falta de un deseable conocimiento”.Un bo elenco das mellores fotografías reproducidas son da túa autoría. Unha grande parte do capítulo VII, (pp. 163-186) está dedicado a relatar o teu traballo. Pero aquí tamén se cumpre aquilo de “O Sil leva a auga e o Miño a fama”. Moitos persoeiros que alí aparecen son meros “inauguradores” dun traballo cotián, esforzado e silencioso, no que eles non moveron nin unha palla. O mérito é estaren na foto ou pórlles o nome nas crónicas da época.

Cando no 1979 finou don Ricardo Rico Basoa e despois dun tempo breve de don Jesús Mendieta, tiven de volver por un ano á Parroquia de Piñeiros. No 1983 tiven a honra de pasarche o relevo. E ben gozoso que cadrei cando souben que eras ti o novo Párroco designado. Sabía que caira en boas mans esa nosa benquerida Parroquia. Estaban moitas cousas pendentes. A principal, acometer a construción do templo parroquial que se viñera demorando por múltiples causas e por xestións que foran fracasando reiteradamente. Só ti coa túa paciencia e arte de convencer atopaches o lugar axeitado e concitaches vontades que tantas veces dixeran anteriormente que non. Eu bendizo a Deus e douche infinitas grazas por facer posíbel o que semellaba inamovíbel. Ti es o home dos milagres caladiños. A ti cho debemos.

Como te arranxaches para saír adiante economicamente? Novamente aí está a túa impronta persoal de home de pedras e ladrillos. Moita da man de obra ten parte dos teus dedos estrullados e sanguentos que nin tempo lles deches a curárense, porque ao día seguinte ao amencer don Julio xa estaba de novo erguendo parede.

Obra túa é a capeliña do Feal que lle dá sentido de identidade a esa parcela da nosa parroquia pola que eu tamén teño unha fonda señardade. Temos traballado moito en común como todos eles e elas saben moi ben. E seguiches mellorando o complexo de Freixeiro.

Pero hai unha parte humanitaria, que tamén che ven de familia. Onde haxa necesidades, sufrimento ou pobreza alí, en silencio, caladiñamente e sen dar as horas aparece sempre don Julio. Onde haxa un enfermo, un finado ou xentes sufrindo ou en soidade, o grande compañeiro e acompañante é don Julio.

Es un home de fe e profundamente relixioso. Pero tamén es exquisitamente respectuoso con todo o mundo por moi diferentes que sexan os seus pensares.

Achegaches a xente a Deus e achegaches a xente á xente. Soubeches facer veciñanza da boa. Por iso es tan valorado e querido.

Traballaches moito con anciáns na parroquia e na Residencia San José.

Organizaches a Asociación de Vida Ascendente con verdadeiros militantes nese servizo pastoral de tanta implantación no mundo a favor das persoas de idades xa maduras.

Hoxe, querido Julio, a enfermidade chamou á túa vida e non ten présa por devolverte de novo ás múltiples actividades que levabas con tanta dedicación.

Ímosche facer unha homenaxe. Merécela sobradamente. É preciso deixar memoria agradecida do teu labor. Eu só quixera dicirme a min mesmo e aos demais. Saberemos acompañarte e acompañar aos teus como ti e vós nos tedes acompañado tantas veces a nós?

Unha aperta. Unha oración. Moita admiración. E sobre todo unha inmensa gratitude por todo canto levas feito. O mundo é moito mellor nunha parcela moi grande porque ti estiveches alí presente. Disto saben moito máis e mellor ca min os veciños de Piñeiros e das súas contornas porque só eles saben do que te desviviches por eles. En ti cúmprese o que di o Evanxeo: Que non saiba a túa esquerda o que fan a man dereita”. Por iso dicimos: “Que Deus cho pague, D. Julio”, que é o mellor pagador.

Saudiños aos teus e sempre ao voso dispor que sabedes que sodes moi benqueridos por todos nós. Biquiños, amigo.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania