Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xeramos violencia?

jueves, 25 de febrero de 2016
Wolfgang Sofsky, sociólogo alemán, e estudoso da Filosofía e das Ciencias Políticas, escribiu dúas obras, entre outras, de singular importancia para analizar a violencia humana, “Tratado sobre la violencia” e “Tiempos de horror”. Ten precedentes, como Hobbes, o de “o home é un lobo para o home”, que analiza na primeira obra citada, e tamén podemos recordar aquilo que nos di Nietzsche, que a violencia é un feito “humano, demasiado humano”.

Aínda que non hai que aceptar o pesimismo que encerran todas as afirmacións que fai Sofsky, penso que abren horizontes para situar os demasiado frecuentes casos de violencia que están afectando a Humanidade, sen esquecer aqueles que temos no noso propio país, no que falla o exemplo dos líderes políticos, polo descoido da súa función pedagóxica na sociedade, e a flagrante contradición na que están incorrendo todos os días: Buscan con propaganda medidas contra a violencia (pensen, por exemplo, na de xénero) e descoidan as propias actitudes que poden conducir a algunha tipificación dela.

Existen ideas en pensadores de indiscutible prestixio que se pasan por alto. O mesmo Kant refírese á INSOCIABLE-SOCIABILIDADE do home. Pero...que entende por tal?. Ven a ser a expresión do antagonismo entre o desexo individualista, o egoísmo do home que quere satisfacer as súas propias necesidades, e esa tendencia, que no fondo todos temos, de vivir en sociedade, como a única forma de acadar a plenitude. A propósito, descúlpenme a seguinte cita de Kant, cuxa importancia pode xustificar a extensión:

“O medio de que se serve a Natureza para acadar o desenrolo de todas as súas disposicións é o ANTAGONISMO das mesmas en sociedade, na medida en que ese antagonismo se converte á derradeira na causa dun orden legal daquelas. ENTENDO NESTE CASO POR ANTAGONISMO a insociable sociabilidade DOS HOMES, É DICIR, A SÚA INCLINACIÓN A FORMAR SOCIEDADE QUE, NON OBSTANTE, VAI UNIDA A UNHA RESISTENCIA CONSTANTE QUE AMEAZA PERPETUAMENTE CON DISOLVELA”.

Pero o contraste entre o optimismo que Kant fundamentaba neste antagonismo, esperando unha sociedade xusta e tranquila, e o pesimismo de W. Sofsky, do que vou ocuparme a continuación, podería ser moi iluminador para os nosos políticos, polarizados nun individualismo pernicioso, que impide unha exemplar xestión pública e abona o seu propio descrédito nesta función.

Argumenta Sofsky que o século XX, no seu principio, emborrachouse de esperanzas, porque a razón ía impulsar un PROGRESO imparable, a democracia, a ciencia e a economía, e todo isto, acabarían coa VIOLENCIA; pero veu a historia e encargouse de poñer as cousas no seu sitio, que non foi sempre o mellor, e acabou coas ilusións e as ficcións dunha desmedida fe no progreso. Por iso o noso sociólogo sostén que a violencia e a crueldade “forman parte das invariantes da historia da cultura” (Tiempos de horror, páxs. 60-61; Siglo XXI, Madrid, 2.004).

Explica con insistencia este estudoso alemán que a nosa cultura non nos leva a un progreso moral, polo que, cando quere canalizar a violencia só consegue reforzar a tendencia que quería evitar. Consecuentemente, por esta razón, aconsella que deixemos de lado as ilusións, nas que se apoia un irreflexivo optimismo de marca kantiana, e incluso eu atreveríame a engadir, modestamente, o esquecemento da nosa insociabilidade, que deixamos ceiba até que pon en perigo a tendencia a sociabilidade que resaltou Aristóteles, definíndonos como un animal político.

Se na Viña do Señor hai de todo, tamén existen estudosos que sosteñen a necesidade de que debemos asumir o compoñente tráxico da nosa existencia humana, afastándonos dos triunfalismos, porque o mal, a irracionalidade, a perversidade, etc., son a comidiña do día: Sempre haberá quen se alegre das cousas terribles que poden padecer outros, considerándoas ben merecidas, sentimento que os alemáns denominan Schadenfreude, con unha certa connotación de resentimento, nada desacertada, como nos evidencian os sentimentos que algúns líderes nin tan sequera son capaces de controlar.
Dito isto, pode afirmarse que estamos nunha sociedade que xera violencia?. Sería arriscado contestar con un SI rotundo; pero, concretamente na nosa, non parece que se escatimen as razóns para pensalo así. Reflexionemos sobre algúns casos, que ben se pode afirmar sen temor a equivocarse que, cando menos, abonan o terreo.

-- A falta de exemplaridade pedagóxica dos que os cidadáns consideran que debían presentarse como modelos éticos, desencadea un perigoso escepticismo que rompe os principios xerárquicos sentados nun sistema democrático, como algo necesario para regular, con eficacia xurídica e consuetudinaria, a convivencia institucional.

-- A quebra das construcións, entidades institucionais convencionais, propias dun estado de dereito, desde a soberbia, a ousadía, o espírito perverso dos que invitan a situacións de anomia desde postos de responsabilidade atribuída legalmente, e incluso exhibindo os símbolos propios que concede esa atribución, nas inmediacións, e a propósito de certas celebracións, dos mesmos Tribunais de Xustiza, sen escatimar, pola contra, a ridiculización sarcástica da exhibición noutras mans, aínda en situación dun uso preceptivo.

-- O descontrol xestual instintivo en actos de suma relevancia estatal, evidenciando a vileza de sentimentos persoais, en un escenario público, que acusa, non só incompetencia e recursos persoais inmaturos, senón tamén falta de educación e respecto aos cidadáns que os observan.

-- A desvergoña, a carencia de seriedade e de sentido dese progreso que tanto se babea, acudindo a actos e lugares de respecto institucional con un desaliño de manifesto rexeitamento infantil, e ofrecendo o lado monicrequeiro noutros, invita a comportamentos insubstanciais e frívolos, atacando more ferarum costumes e hábitos, que ningún auténtico predecesor da mesma ideoloxía houbera xustificado, presentando á cidadanía un lamentable escenario carnavalesco.

-- Pero tamén a falta de explicacións que solicitan as manifestacións públicas dos cidadáns, contribúen a excitar os ánimos e a xerar tensións e desafectos, así como a incongruencia entre o que se di e se fai, en referencias de tanta sensibilidade como as relativas á corrupción e á moral pública, e incluso privada.

-- A falta de respecto ós sentimentos diferentes dos nosos, do matiz que sexa, ideolóxico, relixioso, de preferencias culturais, etc., dificultan, sen dúbida, a pacífica convivencia cidadán, favorecendo o desencadeamento dos instintos de insociabilidade do home.

-- Disimular que o totalitarismo non se da só nos sistemas autoritarios, senón tamén nas democracias, porque non é unha mera categoría política, senón máis ben de orden antropolóxico e ético: Na mesma democracia tamén se xera actitudes e comportamentos totalitarios, porque os que gobernan non escoitan, fan da manga un saio; e os que pretenden gobernar con ridículas esixencias de condicio sine qua non, inclúen nas programacións o compromiso co seu proxecto político, nada menos que no ámbito do Poder Xudicial, como se tantos doutorados ignoraran (vergonzoso!!!) que os xuíces deben limitarse á aplicación das leis en vigor, e ao emprego con escrupulosa independencia dunha hermenéutica sempre recorrible. Pero así mesmo estas actitudes, duns e doutros, fomentan graos de tensión, rexeitamento e violencia.

-- Hai un afán desmedido de rexeitar todo o anterior. As emerxencias sociais inféstanse co virus da caducidade: Urxe cambialo todo, incluso instrumentos institucionais democráticos ós que non houbo tempo de sacarlles rendemento poden pasar ao “punto limpo” do lixo, polo mero feito de que cheiran a outra ideoloxía. E isto fai que se xeren continuos desacougos, incrementándose os riscos socias, debilitándose os sistemas de seguridade que protexen aos cidadáns no económico, na educación, no xurídico, e na súa propia morada, abrindo camiños aos delincuentes, con graves consecuencias na seguridade persoal, xustamente dos máis débiles, como os anciáns.

Non cabe dúbida que isto fomenta á violencia, que, como di Forges, a veces non é outra cousa que o medo ás ideas dos demais e a pouca fe nas propias; pero cando se empeza non é fácil romper a cadea, e a excitación persoal obceca de tal maneira a visión racional do home que lle impide tomar en conta o que dixo Romanones: “A violencia non destrúe os dereitos do home, só interrompe o seu exercicio”. Quen fai, pois, da violencia unha profesión debe saber que non poderá vivir moito tempo dela; pero quen non puxo os medios para evitala, sendo esta a súa responsabilidade, tampouco debe esquecer que estivo desvalorizando a política democrática e abrindo accesos aos populismos, antesala directa do totalitarismo.

E para terminar, que xa é hora de facelo, permítanme que resuma a situación de España, hoxe en día, cunha tese de Hegel, sen meterme en profundidades. Di así: “TODO O RACIONAL É REAL E TODO O REAL É RACIONAL”, que reducida a súa dimensión política, tivo moitos comentarios axeitados as comenencias de cadaquén, porque ofrece dúas facianas: unha, REVOLUCIONARIA (matiz dos “podemistas”), xa que o que un ideólogo considere racional vai intentar traducilo á realidade; e outra, REACCIONARIA (de matiz conservador), toda vez que o que xa é real, considérase asistido de suficiente racionalidade para sosterse en vigor, o que invita a un inmobilismo suicida.

Se a tese é un galimatías, a simple vista, no pensamento hegeliano, imaxínense na praxes política do noso país, no que se carece dun sentido “dualéctico” da realidade e tendemos a converter cada polaridade co–implicada na única e excluinte solución, na de cadaquén.

Quousque tandem..., desconcertantes liderados?.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES