Humanistas anónimos
miércoles, 24 de febrero de 2016
Atopeime a semana pasada coa fermosa historia de Francine Christophe, unha xudía que con oito anos foi ingresada no campo de concentración de Bergen-Belsen. Evidentemente, isto marcaría toda a súa vida.
O caso é que naquela barbarie consentiuse que levaran algo querido e a nai da nosa protagonista decidiu levar chocolate. Dada a situación límite que estaban a vivir, o chocolate era un ben a conservar para cando o desánimo quixera invadir, combatelo coa ledicia. Naqueles días, unha muller ía dar a luz e estaba moi feble. A nai da protagonista decidiu pedirlle permiso para darlle aquel chocolate, ao que Francine accedeu. O bebé naceu sen ningún problema aínda que non chorou ata os 6 meses, cando o campo foi liberado.
Anos despois Francine e a súa filla organizaron unha palestra sobre como cambiaría o feito de que os superviventes dos campos tiveran apoio psicolóxico. A ese congreso acudiría unha psiquiatra cunha mensaxe moi especial para Francine: eu son o bebé.
Lembroume, tamén, esta historia a aquela que conta Antón Valcarce co título Estraperlo a babor na que un maquinista acostuma a tirar paquetes de café a un rapaz. Ambas historias teñen en común a solidariedade e a miseria. É dicir, teñen en común a dureza da vida nunha sociedade desigual, inxusta, indecente, indigna...na que vivir se torna unha auténtica fazaña.
A primeira historia é verdade, a segunda unha ficción que puido telo sido en tempos non tan remotos. Ambas gardan a certeza de que o motor da evolución humana, social, cultural, política... está na intrahistoria. A xente sinxela e anónima fai cousas extraordinarias que son a semente que lega un mundo mellor.
Un pouco de chocolate ou un paquete de café poden encamiñar unha vida ata darlle a súa razón de ser. Polo tanto, cada vez que poñemos en marcha un feito solidario, non só estamos loitando por un cambio persoal senón que, a través dese cambio, pode cambiar o mundo. Grazas a que un bebé sobreviviu, o mundo da psiquiatría puido investigar sobre a proposta de Francine e a súa filla. Grazas a uns paquetes de café, un rapaz atopou o seu camiño. Non perdamos nunca a oportunidade de axudar aos demais porque nela afonda a semente dun mundo mellor: un mundo cheo de humanistas anónimos.
Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora