Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

jueves, 18 de febrero de 2016
Nunca chove a gusto de todos. Xa é noite. Todos os días danlle paso á noite. Todos. Uns antes e outros máis tarde. Depende da nubilidade. Máis ou menos. Todos os días funga o vento. Depende. De que depende? De se hai vento. Non todos os días hai vento. Certo. Uns días hai vendavais e outros, pssséee, unha brisiña de nada. Todos os días respiro para non afogar. Que remedio! Ai Deus!, mira que se afogo… Por se acaso, vou respirar seguido. Non vai ser que…

Miro o móbil e quédalle pouca batería. Miro para a rúa e chove. Leva todo o día chovendo. E chovendo de raio. Case, case coma no partido Celta-Sevilla da volta da semifinal da Copa do Rei. E mira que nese partido choveu “de lo lindo”. A ver!, non sempre vai lucir o sol. Se hai sol porque hai sol. Se chove porque chove. Arre demo!, nunca chove a gusto de todos. Debería chover sempre cando eu estivese durmindo. Ou cuberto. Aínda que xa non teña a gabardina de Moncho Borrajo. “Neno, levas cubertoira?”, berrábame sempre a nai. Levo, oh, levo. Se non a levaba, mollábame. As vacas paridas tamén levaban unha coroza. Se se mollaban afectáballe ó ubre. Nós coidabamos ás vacas. Non, é que algúns igual pensan que as tratabamos a paus. Ui, a xente éche moi retorcida. De pensamento.

FALAR SEN PERMISO DA CABEZA

Eu sei que ás veces falo sen permiso da cabeza, pero é que me gusta falar. Sempre me gustou falar. Recoñezo que son un laretas. Cando digo que alguén lle dá á lingua de carallo, a miña muller axiña salta coa sentenza: “pois anda que ti”. E aínda que sei que ten razón, é algo que me mata, que mo bote en cara desa maneira. Ás veces xa non digo nada de que tal ou cal persoa fala polos cóbados, para non recibir a sentenza. E o caso é que ten razón. Pero, a maiores do dálle que dálle, é que falo sen permiso da cabeza. Principalmente cando falo en quente. Entón aí si que a cabeza non regula e cuspo burradas que non penso. Aínda que, nisto, vexo peor o escribir có falar. Ó escribir, aquí si que non atendo a razóns; como escriba tan axiña de ler unha nova que me amola, entón si que esbardallo a darlle cun sacho. Menos mal que hai xente concienciuda na redacción de Galicia Digital e moitos dos meus escritos, por sorte, durmirán no baúl do limbo. Ata lle terei que dar as grazas para evitarme desgustos coa súa publicación. Imaxino que, de tantos relatos que lles mando, ó final xa serei coma un fillo para eles ou como un adulto que xa empeza a chochear. Grazas, compañeiros. Pero aínda así, quero que saibades que ás veces falo sen permiso da cabeza.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES