Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Política e Literatura

miércoles, 17 de febrero de 2016
Nestes tempos tan avoltos que vivimos, tal parece que a política e os políticos fosen unha realidade que camiña en liñas paralelas e nunca secantes coas da arte, en xeral, e as da arte literaria en particular. Mais quero hoxe lembrar que, aínda que a primeira vista non resulte obvio, hai entre literatura e política mais liñas coincidentes do que semella.

Ser político e escritor e experimentar ambas as dúas circunstancias como dedicación vital constitúe unha sorte de hibridismo non por infrecuente menos apreciable. Ese centauro público que xorde da amálgama de quen se dá aos cidadáns para o servizo do ben común e o que o fai para que a palabra se comparta e nos habite é, se se pensa ben, a dobre cara dunha mesma moeda.

O Chanceler de Ferro, Otto von Bismarck, sostiña que a política non é unha ciencia, senón unha arte. Non é preciso esculcar moito para Política e Literaturase decatar de que as dúas teñen no oficio da palabra, ben pola vía da persuasión e a da diplomacia ben pola da imaxinación e transmisión sentimental, a súa razón de ser. No fondo, a política é a arte do posible tanto como a arte é a política do imposible, como se ten recordado tantas veces. E non de xeito adventicio, senón que, como advertía o novelista e filósofo francés Edmond Thiaudière, a política é nada máis e nada menos que a arte de disfrazar de interese xeral o interese particular. ¿Non é isto mesmo o que pretenden os escritores ao abrirnos a interioridade do seu universo de soños, anceios, temores, alegrías e dúbidas?

Ao longo da Historia, este tikbalang ou cegua no que conviven político e escritor ten dado seres memorables. Non me remontarei aquí á Antigüidade para falar dun Cicerón, poño por caso, pois vou conformarme con lembrar apenas catro ou cinco casos paradigmáticos de séculos máis próximos.

Se digo Francis Bacon ou Victor Hugo, se apoño Benjamin Disraeli ou José Martí, se aínda amento Winston Churchill ou Rómulo Gallegos ha ser difícil determinar en que proporción estes próceres de centurias pasadas foron máis políticos ca escritores ou viceversa.

Bacon escribiu o Novum organum (1620) e fundou o ensaísmo inglés cos seus Ensaios sobre moral e política (1597) ao tempo que participaba da Cámara dos Comúns, exercía como letrado real, procurador e fiscal xeral, membro do Consello Privado do rei Xacobe I, ministro de Xustiza, Lord Gardián do Selo e, no cumio da súa carreira política, Lord Chanceler.

Do mesmo xeito, Victor Hugo, o xenio da narrativa francesa do XIX, foi confidente de Luís Felipe I e mais Par de Francia e coa chegada da Revolución Francesa de 1848 foi nomeado alcalde do oitavo distrito de París, sendo despois deputado da II República e, xa nos tempos de Napoleón III, presidente da mesma.

O mesmo Disraeli que escribía novelas de tanto éxito nos seus días como Coningsby (1844), Sybil (1845), Tancred (1847), Lothair (1870) e, sobre todo Vivian Grey (1825) foi tres veces ministro de Facenda do Reino Unido e o responsable do designios do Imperio Británico dúas veces como primeiro ministro.

¿Pode, acaso, disociarse o José Martí poeta modernista autor do Ismaelillo (1882), os Versos sencillos (1891) e os Versos libres (1878) ou as Flores del destierro (1878) do Martí revolucionario heroe da independencia cubana? ¿Que pesa máis na balanza da Historia, o Rómulo Gallegos autor de Doña Bárbara (1929) e tantos outros textos ou o cidadán que se converteu en 1948 no primeiro presidente electo de Venezuela?

Mais se houbese que dar un único nome na Historia recente que exemplificase ata o extremo a singular maridaxe do político e o literario ese sería, a non dubidalo, o de Winston Churchill. Non se entende o que hoxe é o Reino Unido se non se ten presente o papel preeminente e decisivo por el xogado como primeiro ministro en tempos tan complexos como os anos corenta e primeiros cincuenta do século pasado, pois foi con Churchill con quen os británicos lograron seguir avante axudando a vencer o horror nazi na II Guerra Mundial. Mais o grande estadista era ao tempo o autor de A crise mundial (1923-1931), A Segunda Guerra Mundial (1948-1953) ou a Historia dos pobos de fala inglesa (1956-1958), prosas que lle reportaron ser nomeado Premio Nobel de Literatura en 1953, pois, a xuízo da Academia sueca, nel dábase “a mestría na descrición histórica e biográfica tanto coma unha brillante oratoria que defende exaltadamente os valores humanos”.

Na nosa contorna
Política e LiteraturaTamén preto de nós, e nos tempos que nos tocou vivir, hai mostras destacadas de escritores que son, ou foron, políticos. Velaí os ministros Jorge Semprún, Eduard Punset, ou, hai nada, Manuel Pimentel ou César Antonio Molina, que tiraron o mellor do exemplo unamuniano. En Galicia, a andaina é igualmente vizosa e vén de vello (pénsese no relevo político dun dos pais do Prerrexurdimento, Nicomedes Pastor Díaz, ou no devocionado maxisterio de Castelao), pero, cinguíndonos á máis estrita actualidade, as cámaras de representación do pobo seguen confirmándonos que política e literatura van de mans dadas nos casos notorios do ensaísta e tradutor Xosé Manuel Beiras ou do poeta Miguel Anxo Fernán Vello e non só.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES