Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As cousas do Toliño (IV)

lunes, 15 de febrero de 2016
Aos nenos e nenas de Aspnais.

Atopei óToliño en Ribadeo levando nun carriño a un neno minúsvalido. Ían ríndose a gargalladas sen reparar en ninguén. Quedei un tempo observándoos e decateime que había unha complicidade moi boa. E, sen máis, chameino:

¡Toliñooo!

Cando me veu, díxome: Hola, compañeiro ¿e logo que fas por acó?

-Estou a mercar comida ecolóxica na finca as Fadegas, en Ove, é dos meus amigos Elia e Vicente. Veño cando poido e a busca-lo que necesito. É moi boa xente. Tamén teño outros amigos por acó… e vostede ¿qué fai?

- ¿Non me ves? Estou a pasear ó meu amigo Alberte, que é unha das cousas máis fermosas do mundo. ¡Cántos seres inertes pasean pola rúa! Il naceu con isa dificultade e outras que están á vista, pero é a criatura máis parrandeira que te podes botar á cara.Tén un xeito máis fino de expricarche como é a xente coa que nos atopamos, que te escarallas de risa. O dos inertes é cousa dil. Díxome un día que seres inertes eran os que só viven para os tres verbos parvos: comer, beber e… o que se poida. Il dí que moitos dises naceron sen cocer e que pasan a vida sen decatarse que existen. Só pensan, se se lle pode chamar así, en parvadas: en ter cousas, sobre todo cartos, e non reparan nos medios de conseguilo; viven para ve-lo fútbol, tomar viños, para presumir de parella, coche ou roupa, en mercar chalet e que sexa bó… Nunca pensan en nada que poida ser importante como poidera ser a deriva do mundo, o cambio climático, as traxedias sociais… as miles e miles de persoas que fuxen das guerras e da insensibilidade de nosa sociedade. Son inertes non porque non se movan, que a Alberte xa ves… senón porque é un xeito de vivir propio dos mortos.

Di que fuxen dos problemas, se non fan nada por remediar todas isas cousas que están mal, se non os inquieta nada, se ven a televisión ou len os periódicos e non reacionan ante as disgracias alleas…Ti dí que son cousas, vasos, cebolas ou bocois de viño. Ises son os que máis abundan.

- As veces non o entendo…

- Porque eres parvo. Non sei se ti estarás tamén pouco cocido. Mira, rapaz, a intelixencia tén moito que ver coa cocedura, se unha persoa vive cómodamente, sen ningún problema, sen pensar en nada… acaba sendo parva. A vida é unha morea de problemas de todo tipo: personais, familiares, de vecinos, do pobo…e así ata acabar nas estrelas e no Alén. ¿Nunca pensaches no Alén?

- Pois sí, pero non sei nada dil.

- Do Alén ninguén sabe nada. Podes soñar có ceo ou co inferno, coa reencarnación ou con calquera outra trapallada, pero iso só son soños como a verba esperanza e outras parellas, moi poéticas ilas, pero sen demostración científica. E fíxate ben, ata a ciencia cambia, e o que onte era certo, mañá, ó mellor, é falso. ¡Como para andar por aí falando de verdades absolutas…!

- E que significa iste neno na súa vi?

- Aquí onde o ves é un verdadeiro sabio. Tratádelos sempre como se non valeran para nada e, non embargantes, enséñanvos moitas cousas, entre elas a seres mellores persoas, porque istas non se miden nin pola saúde, a beleza, a riqueza, a intelixencia ou calquer outra cousa. As persoas nunca son superiores unhas de outras, senón distintas, e a mellor cualidade que pode ter un é a bondade. Despois podese ser máis ou menos intelixente, guapo… Falar con iste neno, e outros coma il, é unha lección continua de vida, a proba tela nos cambios que produce na familia e nos amigos. Cando nace algún con unha deficiencia desenrola nos demáis unha aureola de comprensión da vida distinta, e un decátase da relatividade de outros anceios…

- Pero… ¡Dígame dunha vez que significa iste neno na súa vida!

- ¡Significa todo, parvo! Todo é todo… E perdóame que te chamara tantas veces parvo… pero non che faría mal unha cocedura… E seguiron o seu camiño pola rúa Reinante ríndose a gargalladas… ¿Sería de mín?.
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES