Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A arte da persuasión

sábado, 13 de febrero de 2016
Vistos os resultados das últimas eleccións xerais e as posteriores dificultades para establecer coalicións semella que o noso país precisa máis ca nunca dunha figura que destaque polo seu liderazgo. Son moitas as fortalezas coas que un líder debe contar: empatía, visión de futuro… pero se hai unha aptitude que nunca debe faltar en todo líder que se precie esa é a capacidade de persuasión. Persuadir é un arte, como ben quedaba demostrado naquela fermosa película, “Doce homes sen piedade”, na que os doce membros dun xurado se reunían para decidir a sorte que correría un adolescente acusado de ter matado ó seu pai. Todos os membros do xurado parecían convencidos da culpabilidade do acusado. Todos excepto un, un home sinxelo e tranquilo interpretado por un xenial Henry Fonda, que introduciu na deliberación unha dúbida razoable que, acompañada dunha extraordinaria argumentación, foi capaz de cambiar o devir daquel xuízo e o destino do acusado.

Pero amais dos numerosos exemplos que a literatura e o cinema nos amosan, a historia está repleta de grandes mestres da persuasión que souberon empregar esta aptitude para conseguir importantes propósitos. Así, pensadores ilustrados coma Rousseau ou Voltaire lograron, a través dos seus convincentes discursos e panfletos, espertar do adormecemento a un pobo que sufría en silencio inxustizas coma os privilexios da nobreza e o clero. O talento destes intelectuais contribuíu notablemente a mobilizar ás masas e protagonizar unha das revolucións máis importantes da historia da humanidade: a Revolución Francesa. Outras personaxes históricas non recurriron tanto á palabra como a accións impactantes como ferramenta de persuasión. Como esquecer por exemplo aquela famosa “Marcha da sal” que Mahatma Gandhi protagonizou entre o 12 de marzo e o 6 de abril de 1930. Naquela época a produción de sal na India era un monopolio explotado polo goberno británico que obrigaba ós indios a pagar un imposto abusivo por ter acceso á sal que lles pertencía e que tanto necesitaban. Para loitar contra esta situación Gandhi iniciou unha marcha dende Sabarnati ata a cidade costeira de Dandi. Cando chegou a esta cidade, acompañado de numerosas persoas que se uniran á súa causa, Gandhi adentrouse na auga e recolleu un puñado de sal. Este xesto simbólico de desobediencia civil tería un efecto tremendo. Pronto se estendeu por toda a India a noticia de que Gandhi infrinxira aquela lei e miles de indios decidiron imitar o seu xesto. A pesar de ser arrestado durante oito meses os esforzos de Gandhi non resultaron en van posto que conseguiu que o goberno británico terminase por ceder concedendo ós indios o dereito a recolectar a súa propia sal para uso doméstico.

Como diciamos ó comezo deste artigo o dilema político actual preséntase coma unha ocasión de ouro para que líderes coma Pablo Iglesias, Pedro Sánchez ou Albert Rivera fagan uso non só das súas dotes persuasivas (que está claro que as teñen) senón tamén de certo grado de humildade que lles permita flexibilizar algunha das súas esixencias e poder así entenderse con outras forzas políticas. A recompensa a este esforzo pode ser un novo goberno que nos permita esquecer o antes posible o despropósito político dos últimos catro anos.
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES