Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aínda non pasou de todo o Antroido

jueves, 11 de febrero de 2016
Aínda non pasou de todo o Antroido, porque nalgún lugares coma no Val de Francos de Castro de Rei houbo que aprazalo e noutros sitios quedan flocos ata o domingo próximo. Este ano cadrou moi baixo o Antroido ou Entroido (entroito, entrada na coresma) ou Carnaval (adeus á carne ata a Pascua se é que pra daquela aínda quedaba algo nas despensas que boa faltiña había de facer prás duras labouras do verán).

En realidade o Antroido é a segunda festa de disfraces do ano. A primeira son os reis Magos. O disfraz xa é o de reis. Quen dixo que fosen reis? Desde logo no Evanxeo non se di: “Viñeron uns Magos de Oriente seguindo unha estrela”. Como se ían poñer de acordo tres reis pra botarse polo mundo sen rumbo fixo?

Ademais hai “contradictio in términis”. Os reis a miúdo están na lúa pero non ven as estrelas e menos pra soñaren detrás dunha ou de varias: “Me equivoqué. No volverá a ocurrir”. Pra unha vez que se fixou nunha estrela, zás! Esnaquizou unha cadeira! Imos a ver: eu creo que se debía dicir cadera, porque a cadeira é onde un se senta e a cadera é co que se senta, ou non? Estes puristas da lingua que non a falan a diario…

Logo, as chamadas cabalgatas da reis son un baile de disfraces de moito pinganillo en cidades grandes e incluso o son os sucedáneos coma a deste ano en el Madrid de la Caramena o Caramona.

Segunda, o Antroido, como queda dito. Este ano, de todos os disfraces que vin o que máis me chamou a atención non foi de Río de Xaneiro e Febreiro. Nin de Venecia, nin de Tenerife. Foi o de Sauliño Antiglesias. ¡Señores! Disfrazouse de fillo da casta (o resto do tempo viste como fillo da outra, da non casta), con … con….. Un momentiño. que vou mirar en google como se escribe esmoquin. Xa mo parecía a min: Escríbese: smoking, pero pronúnciase esmoquin. É que eu din francés no bacharelato eclesiástico, porque daquela aínda non se inventara a informática nin os pendrives, e por se tiñamos que emigrar. Agora o idioma de emigrar é máis ben o alemán pra enxeñeiros e o portugués pra sanitarios. Non vos parece que sendo eclesiástico debería chamarse baccalaureatus e non bacharelato así coma unha cousa calquera?

Logo hai aí un saltiño sen disfraces ata a Semana Santa. Pero na Semana Santa ata se disfrazan de nazarenos algúns que pasan o resto do ano cagándose nalgún dios ou en todos. Todo sexa por manter as nosas tradicións e de paso atraer turistos e turistas de canto máis lonxe mellor.

Así é todo pra animar un chisquiño este longo tempo de deserto sen disfraces sempre ha de haber algún desembarco vikingo en Cangas do moito morro ou en calquera outro cangas que se terce.

O que foi moito a menos son as liortas entre “moros y cristianos”. Xa sabedes, este descenso brusco e brutal é debido ós yhadistas en calquera das súa variantes, son tamén os que marcan por onde han pasar as procesión, ou se se han suprimir, ou se ha de haber máis policías ca romeiros. E eu que pensaba que quen mandaba en min era Obama e as multinacionais... Está visto: “Morrendo e aprendendo”.

Xa na primavera é a ecosión e a borracheira de disfraces: Arde Lucus, Feiras Medievais, Coortes por aquí e por acolá. Castrexos disfrazados de celtas, vocalistas novatas en playbak de orquestras que son hoxe e non mañá disfrazadas de p…tiñas pra que vellos nada verdes senón moi maduros atusmen desde a beira do palco pra debaixo das rabenas minifaldas sen caeren na conta de que a nena non viste minifalda senón un cinto moi ancho. Centella, ou sexa en normativizado: lóstrego, como non puxen comas pra non perder o fío, case cheguei ó final do paragrafo sen alento. Vosoutros respirade polo medio, eh, non vaia levar eu culpas que non teño.

Capítulo aparte merecen os Congresos, Parlaments ou Parlamentos. Cámaras de Lores, Bruxelas, Detrásburgos…Iso é unha galería, unha exposición permanente, unha experiencia das que eu teño prohibidas por mor da promesa do celibato. Que mágoa que estas exposicións non sexan itinerantes!

E xa se me vai acabando o que dá de si esta cabeciña. Por aí calquera día que teña tempo hei dedicar polo menos dúas horiñas a facer exame de conciencia penitencial e ver cales son os disfraces que eu poño máis a miúdo. Xa sabes cal é o teu?.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES