Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Amada García foron todos

miércoles, 10 de febrero de 2016
O pasado 27 de xaneiro cumpriuse o 78 cabodano do fusilamento no castelo de San Felipe, logo dunha parodia de xuízo, de Amada García Amada García foron todosxunto a sete condenados máis. Quedaban trinta meses para rematar a guerra pero a represión na retagarda tomaba categoría de máxima crueldade, prolongándose meirande moito tempo. O caso de Amadita converteuse no paradigma da brutal represión que exerceron sobre a poboación civil as forzas sublevadas, chamando a atención polas especiais circunstancias que o rodearon. Detéñena estando embarazada, da prisión é trasladada ao hospital de Caridade onde da a luz un neno e tres meses máis tarde a levan ao Castelo de San Felipe para pasala polas armas nos albores do día 27 de xaneiro de 1938 xunto a catro compañeiros de Mugardos, dous de Ares e un de Cabanas.

Como o seu caso foi moi comentado, axiña comezaron todo tipo de conxecturas sobre as causas que motivaron a súa condena, e a que máis arraigou na xente foi a do bordado dunha bandeira do Partido Comunista, feito que a comparaba con Mariana Pineda, a mártir granadina que foi axustizada no garrote vil por defender a causa liberal en loita contra o absolutismo do nefasto Fernando Vll en 1831 e que tamén bordara unha bandeira. Curiosamente ambas as dúas morreron coa mesma idade. De aí que a Amada García a equipararan coa granadina, dicindo que era a “nosa Mariana Pineda”. Pero a verdade é que Amada García, malia dicilo a vox populi, nunca bordou esa bandeira. A causa da súa condena foi ser unha pacífica activista a prol do seu ideario político que se opuña a un nacional catolicismo fondamente enraizado en certos sectores da sociedade mugardesa que defendía o golpe de estado contra o goberno lexítimo da República. Amada García foi o perfecto chibo expiatorio.

Eu hai tempo accedín ao sumario da súa causa e fixen un pequeno traballo divulgativo sobre esta muller, da que tanto lle escoitei falar a miña nai, na revista Ferrol Análisis que edita o Club de Prensa de Ferrol. Pero o meu amigo Bernardo Maiz, doutor en historia contemporánea, está ultimando un traballo que vai ser editado nun libro sobre a vida e obra de Amada García, un libro que imaxino clave para afondar no coñecemento das causas que levaron a esta muller de 27 anos diante dun pelotón de fusilamento nese castelo que estou vendo agora namentres isto escribo, onde tantas vidas trucáronse pola intolerancia e a forza da sen razón.

Amada García converteuse nunha icona, na xenuína representación de todas as vítimas de Ferrol e bisbarra porque foron tremendas as circunstancias que a levaron a aquel final, pero non podemos esquecer aos sete compañeiros que morreron con ela naquela mañanciña fría do mes de xaneiro: Antonio Eytor, José Mª Montero, Ángel Roldós, Juan José Teijeiro, Jaime González, Ramón Rodriguez e Germán López. Todos deixaban tamén familia e fillos, todos unha vida e unha historia detrás.

Federico García Lorca converteuse na imaxe das vítimas da represión a nivel do estado. O seu asasinato no barranco de Viznar nas proximidades da súa Granada segue a ser unha referencia da barbarie e a intolerancia. Alí, no lugar da súa inmolación vin unha placa que rezaba: Lorca fueron todos, todos con nome a apelidos, todos vítimas da máis abxecta atrocidade.

Pois tamén aquí: Amada García foron todos, e do mesmo xeito que pasados 78 anos non a esquecemos, tampouco esqueceremos ao resto dos que denantes, con, e despois dela caeron inxustamente. Honra para todos eles!
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES